Vigo eleva o imposto urbano a Audasa de 18.000 a 383.000 euros tras a fin da exención que lle dera o franquismo

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo © Miguel Riopa / Audasa

A autoestrada beneficiábase dunha rebaixa do 95% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que rematou hai un ano, cando tiña que rematar tamén a súa concesión se non a prorrogase o Goberno de Aznar

Hai un ano, o 18 de agosto de 2023, debía rematar a concesión a Audasa da AP-9 se en 2000 o Goberno de José María Aznar non a prorrogase ata 2048. Porén, o que si rematou nese momento foi unha exención do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) da que a empresa viña desfrutando desde que recibiu a concesión durante o franquismo, cando o imposto se denominaba Contribución Territorial Urbana. 

Ese imposto é pagado aos concellos, que no último ano veñen actualizando os seus cobros á concesionaria. Así o fixo tamén o Concello de Vigo, cuxo alcalde, Abel Caballero, comunicou este mércores que os 18.000 euros que pagaba Audasa polo IBI pasan a ser 383.000 euros.

Publicación no BOE da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e nota oficial sobre a privatización da Empresa Nacional de Autopistas, que incluía a Audasa CC-BY-NC-SA Praza Pública

A rebaixa do imposto local ás autoestradas fora aprobada polo franquismo un ano antes de que en 1973 outorgase a concesión da AP-9. Esa concesión, que inicialmente ía durar ata 2012, foi prorrogada primeiro un ano en 1979 polo Goberno da UCD por mor dos problemas financeiros da compañía, que acabaría rescatada en 1983. En 1994, durante o Goberno de Felipe González e cando era unha empresa pública, a cambio da gratuidade das peaxes nos treitos urbanos da vía e de que se axilizase o treito entre Vigo e Tui, a concesión foi estendida por dez anos, ata o 18 de agosto de 2023.

A última ampliación da concesión foi aprobada no ano 2000 polo Goberno do PP de Aznar, por 25 anos máis, ata 2048, a cambio da ampliación da AP-9 ata Ferrol e da liberación de peaxe entre Fene e a cidade departamental. Esa prórroga mantivo "todos e cada un" dos beneficios fiscais dos que Audasa gozaba dende a ditadura cun único límite: a concesionaria deixaría de "poder gozar" da exención do IBI "a partir do 19 de agosto de 2023", isto é, dende o día que a concesión finalizaría se non fose ampliada por ese mesmo Goberno que, apenas tres anos despois, privatizou a AP-9 xunto ás demais autoestradas da antiga Empresa Nacional de Autopistas (ENA).

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

A Deputación da Coruña, que ten delegada a recadación do IBI de 18 dos 20 concellos polos que pasa a autoestrada tamén elevou os cobros de 175.000 a 3,7 millóns 

Así que hai agora un ano, cando debía rematar a concesión, o único que rematou foi a exención do imposto e numerosos concellos polos que pasa a infraestrutura comezaron a actualizar os seus cobros, como fixeron os que teñen delegados os cobros na Deputación da Coruña, 18 dos 20 afectados. Ese ente provincial calculou hai uns meses que eses concellos pasarían de ingresar uns 175.000 euros ao ano a máis de 3,7 millóns.

"Era intolerable que unha empresa con tal nivel de beneficios non pagase IBI", di Abel Caballero

Agora é o Concello de Vigo o que pon cifras ao incremento do imposto. Caballero lembrou este mércores que a empresa "beneficiábase dunha lei franquista aprobada en 1972" coa que pagaba a Vigo uns 18.000 euros, e agora sen esa exención pasará a pagar uns 383.000 euros. "Era intolerable que unha empresa con tal nivel de beneficios non pagase IBI", di o rexedor. 

Audasa vén de presentar os seus beneficios na primeira metade deste ano, que supuxeron un novo récord de 39,5 millóns de euros, un 9,5% máis que no mesmo período do ano anterior malia que o tráfico só aumentou un 2,65%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.