O traspaso da AP-9 chega ás eleccións xerais coa lei que o regula aprobada polo Congreso e pendente dun acordo da Xunta co Goberno de España para o aplicar
Entre os múltiplos asuntos que ficaron sobre a mesa co adianto das eleccións xerais para o 29 de novembro figura o traspaso das competencias da AP-9 a Galicia. Ao contrario que noutras lexislaturas, a celebración dos comicios non implica un novo decaemento da lei da transferencia, aprobada definitivamente no Congreso o pasado xuño tras un pacto do PSOE co BNG e Sumar. O pendente agora é a concreción do traslado das competencias, que a propia lei puña nas mans dun acordo entre o Goberno de España e a Xunta.
A cuestión da AP-9, non obstante, non está ata agora a emerxer no debate preelectoral como noutras ocasións, dado o contexto xeral. Cara a ela procurou virar o foco este luns o PSdeG ao pé da autoestrada en Pontecesures, onde José Ramón Gómez Besteiro situou os socialistas como "os únicos que podemos garantir a gratuidade total da AP-9" tras as eleccións, ao tempo que volveu instar o presidente, Alfonso Rueda, a "deixar de poñer trabas" e "aceptar o traspaso".
Acompañado por membros das listas socialistas ao Congreso e ao Senado nas provincias da Coruña e Pontevedra e outros cargos do partido, o secretario xeral do PSdeG instou a contrastar o balance do actual Goberno de España en relación coa AP-9 coa xestión dos Executivos do PP. "O que fixo o PP foi negocio para os seu amigos e peaxes para o resto dos galegos e galegas" mentres que "os gobernos de Pedro Sánchez aforraron 420 millóns" ás persoas usuarias, resalta en referencia á bonificacións de tarifas financiadas con fondos estatais.
"O que fixo o PP foi negocio para os seus amigos e peaxes para o resto de galegas e galegos, cos gobernos de Pedro Sánchez aforraron 420 millóns", sinala o líder dos socialistas
Eses descontos, di, "abriron o camiño para que a AP-9 sexa gratuíta" e serviron para "paliar a hipoteca que leva a sinatura de Aznar". E o 29 de novembro, advirte o líder socialista, "tamén se vai decidir sobre iso" nun contexto no que cabe pedir ao PP e á Xunta que "deixen de poñer problemas para non aceptar un traspaso que xa está aprobado por lei" malia que os populares "votaron a favor en Galicia e en contra en Madrid". O PP alegou custos ocultos para a Xunta no texto aprobado, que as forzas de esquerda negan apoiándose no texto da propia lei.
Neste contexto, Besteiro e candidatos como Abel Losada, número un do PSOE por Pontevedra ao Congreso, subliñan que se a concesión da AP-9 segue vixente foi pola prórroga aprobada por Aznar no ano 2000, toda vez que sen ela finalizaba en 2023. Advirten, ademais, de que "mentres os populares reclaman a eliminación das peaxes e poñen paus nas rodas" ao traspaso, "teñen sen resolver o problema das autoestradas da Xunta, con peaxes altísimas na AG-55 e na AG-57, nas que as concesionarias son as mesmas" que na aínda estatal AP-9.