Besteiro lamenta que o PP celebre "tratar como galegos de segunda" ao electorado do exterior co voto suspendido

José Ramón Gómez Besteiro, con representantes da emigración galega e da súa descendencia, o pasado xullo na Arxentina CC-BY-NC-SA PSdeG

O CERA das circunscricións galegas está arestora oficialmente composto por máis de 516.000 persoas, a maior cantidade de todas as autonomías e un 9% máis que nas anteriores xerais

O censo de residentes ausentes das circunscricións galegas que rexe para as eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro está conformado arestora por 516.669 persoas. O CERA galego, o maior do Estado, é agora un 9% maior que nas anteriores xerais de 2023, cando xa fora ditada a instrución para desenvolver a Lei de Memoria Democrática (2022) que "presume" a condición de exiliadas ás persoas que marcharon dende o golpe do 18 de xullo de 1936 ata a fin de 1955. A alcumada como lei de netos.

Esa instrución foi a suspendida cautelarmente polo Tribunal Supremo o pasado setembro a instancias das formacións de extrema dereita Vox e Iustitia Europa. Daquela o PP celebrou publicamente a decisión e vólveo facer agora, cando o alto tribunal rexeita o recurso da Avogacía do Estado contra esta decisión e mantén, desta maneira, suspendido o dereito ao voto nas xerais do 29N para as persoas que accederon á nacionalidade e ao sufraxio por esta vía. Para o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o que celebran os populares, con Feijóo e Rueda á cabeza, é tratar estas persoas como "galegos de segunda".

Cantas persoas son en Galicia as afectadas? Esa é unhas das principais incógnitas. Coñécese o total, 163.020 inscricións no CERA por esta vía para todo o Estado, pero menos da metade -como adiantou a Cadena SER-, unhas 70.000, están identificadas porque xa tramitaron a súa petición no Rexistro Civil Electrónico (vixente a estes efectos dende 2024). Para as restantes cómpre unha revisión manual de expedientes que o propio Estado dubida que poida realizar a tempo

O líder do PSdeG pon o foco en que parte das persoas inscritas no CERA ao abeiro da Lei de Memoria Democrática que agora fican sen dereito ao sufraxio por orde do Supremo xa votaron nas xerais de 2023

Durante unha entrevista no Bos Días da TVG, Besteiro considerou que canda a derivada xurídica da cuestión hai outra de "coherencia". "Despois imos a ultramar, falamos cos galegos e galegas e dicimos que os queremos moito", pero "a realidade" é que con este ditame xudicial celebrado polo PP "hai galegos e galegas de primeira e de segunda", toda vez que "hai persoas nacionais, galegos e galegas, aos que se lles vai negar a posibilidade de votar", algúns deles mesmo que "xa votaron nas eleccións do 23".

Para Besteiro, estes acontecementos inciden no marco de que o 29N tocará elixir entre "dereitas ou dereitos". Unhas "restricións de dereitos" que "só se poden facer a través de sentenzas firmes" e non con medidas cautelares, motivo polo que cre que a decisión do Supremo "non é acertada".

Naquelas eleccións xerais de 2023, como en moitas outras, o voto exterior das circunscricións galegas foi claramente favorable ao PP. Os populares lograran máis de 13.000 votos, fronte a algo máis de 7.000 do PSdeG, uns 2.800 para Sumar, arredor de 2.700 de Vox e 1.600 para o BNG. 

O conselleiro da Presidencia non ve "ningunha contradición" entre o aplauso do PP á restrición aprobada polo Supremo e as súas reclamacións no pasado de que os netos e netas da emigración puidesen votar

A participación, malia xa non rexer daquela o voto rogado -a obriga de pedir especificamente participar en cada elección- fora cativa, de en torno a un 6%. A baixa participación do CERA é unha constante dende que comezaron a introducirse esixencias como a identificación fidedigna de cada persoa que vota dende o exterior.

Mentres, dende a Xunta, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, di non observar "ningunha contradición" entre as presentes celebracións do PP a este respecto e as súas reclamacións, no pasado, a prol da extensión do dereito ao voto entre as netas e netos da emigración. Calvo, que substituíu a Rueda no Consello da Xunta por estar o presidente en Bruxelas, ve nas reaccións dos socialistas ao ditame do Supremo que unha mostra de que están "tremendamente nerviosos" e mesmo "fan desconfiar de cal era a verdadeira intención do Goberno" porque a suspensión cautelar "non impide votar aos que demostraron ser exiliados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.