O Concello de Ribadeo concederá unha axuda municipal de 6.500 euros para repoboar terreos forestais con especies frondosas. A medida enmárcase na campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais que o Concello veu desenvolvendo nos últimos meses.
"Desde o Concello queremos botar unha man na repoboación destes espazos limpos"
"Queremos recoñecer o esforzo dos propietarios que colaboraron na limpeza", destacou o alcalde Fernando Suárez. "Desde o Concello queremos botar unha man na repoboación destes espazos limpos para evitar que volvan retoñar. Para iso, a mellor maneira é a de repoboar con especies frondosas coma os freixos, castiñeiros, nogueiras, carballos, cerdeiras, bidueiros, etc”. O Concello de Ribadeo encargará as árbores a un viveiro e posteriormente entregará estas especies frondosas aos propietarios forestais que o soliciten.
Nos últimos meses o Concello requiriu formalmente, individual e colectivamente, aos propietarios de mais de 700 parcelas que estaban a incumprir a lexislación en materia de distancias de plantación de especies altamente combustibles con respecto ás vivendas e aos núcleos rurais. A día de hoxe aproximadamente o 80 por cento destes requirimentos foron cumpridos ou están en fase de cumprimento.
A parte restante de monte, un vinte por cento, está a ser identificada estes días para que, posteriormente, o Concello proceda á execución subsidiaria dos traballos a través de empresas especializadas, remitindo finalmente aos propietarios a factura co custo da actuación.
Novos freixos, castiñeiros, nogueiras, carballos, cerdeiras e bidueiros chegarán aos montes de Ribadeo
“Desde o Concello de Ribadeo levamos mais dun ano cun traballo modélico e que poucos ou case ningún concello nin institución quixo levar adiante. Non se trata doutra cousa que a de cumprir as leis vixentes en materia de protección contra os incendios forestais, especialmente as vivendas e como non as vidas humanas, para que cando se produce un lume forestal non teñamos que laiarnos", destaca o seu alcalde, Fernando Suárez Barcia.
O Concello de Ames tamén está a levar a cabo dende hai anos unha campaña de repoboación con especies autóctonas, que serven ademais como protección contra os incendios forestais.