Coma en case todos o país, pero ao revés. O entorno natural das beiras da ría de Ribadeo entre A Vilavella e As Aceas disponse a experimentar un cambio de imaxe pouco común en Galicia. Despois de "trinta ou corenta anos" esta ribeira de aproximadamente dous quilómetros deixará de estar poboada por eucaliptos e, no seu lugar, plantaranse e medrarán especies autóctonas, as mesmas que compuñan a "vexetación de ribeira que había antigamente".
O alcalde da vila, Fernando Suárez, coida que esta "eliminación de vexetación foránea" e a súa "substitución por carballos, acivros ou loureiros" vai ser "moi valorada pola cidadanía" e especialmente relevante "dende o punto de vista turístico e ambiental", toda vez que vén completar as actuacións que se iniciaron, "xa hai uns anos, coa creación da senda entre a Vilavella e os muíños de mareas das Aceas". "Podemos facer isto porque esta superfície é pública, porque contamos coas autorizacións perinentes e tamén cunha pequena axuda da Consellería de Medio Ambiente", que achega 18.000 euros.
Esta non é, explica Suárez, a primeira ocasión en que se "tentan" realizar estes traballos. "Xa se intentaron por tres veces en cinco anos e non se puideron facer" por "cuestións de permisos ou porque outras administracións ían facelo pero, finalmente, non o fixeron". "Agora -explica- remangámonos, puxemos todo o traballo dos técnicos do Concello e do meu compañeiro Horacio Cupeiro", concelleiro de Medio Ambiente, "e estes traballos estnase facendo agora, dacabalo entre o que queda de ano e principios de 2015".
No lugar dos eucaliptos plantaranse especies como carballos, acivros e loureiros
Como en calquera reforestación, advirte o rexedor, o resultado da actuación non será inmediato. "Verase nos vindeiros anos, cando a vexetación autóctona que imos plantar agora vaia sendo vizosa e collendo estética de fraga, que é o que queremos facer, unha auténtica fraga das que xa non quedan no noso concello" e que agora medrará "nun entorno marabilloso que a cidadanía usa moitísimo". A esta plantación, abonda, "vaise sumar" a expropiación "doutro treito máis" para ampliar a senda, tal e como aprobou a Corporación municipal por unanimidade. Trátase, explica, de ir "recuperando paseniñamente a senda do tren mineiro ao seu paso polo noso concello" e facer desta ribeira "un lugar marabilloso de fraga, de paseo e de vexetación autóctona para maior honra da veciñanza e dos visitantes que nos veñan ver".