O Concello de Ames presentou este venres a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, que terá como resultado a plantación dunhas 4.000 árbores frondosas caducifolias nas faixas secundarias de protección, como mecanismo para previr a expansión do lume. A iniciativa dálle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016 e á segunda fase do plan, realizada ao longo deste ano 2018. En conxunto xa se plantaron 2.385 novas árbores, ás que agora se unirán outras catro mil.
En conxunto xa se plantaron 2.385 novas árbores, ás que agora se unirán outras catro mil
Por terceiro ano consecutivo ofréceselle aos veciños e veciñas a posibilidade de acollerse ao plan de plantación de frondosas (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras), que nesta ocasión actuará nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). En total, actuarase nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, en 523 fincas (469 rústicas e 54 urbanas).
O Concello busca "actuar fronte ao lume dun xeito preventivo, facilitar o cumprimento da lei de incendios aos veciños e veciñas, así como apostar por un modelo de concello sustentable"
A presentación da terceira fase deste plan, que xa é un referente en toda Galicia, correu a cargo do concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, e das técnicas do departamento, Patricia Reboreda e Mariví Arufe. Tamén asistiu o persoal da brigada Aprol. Javier García destacou que a principal novidade desta terceira fase é que se amplían de 30 a 50 metros as faixas de seguridade, nas que hai que realizar unha xestión de biomasa. O edil engadiu que "pretendemos conseguir beneficios medioambientais coa mellora da diversidade, realizar un control do monte baixo e aproveitar as faixas de seguridade para que o monte teña un uso social e veciñal”.
Para o goberno municipal (PSdeG, Contigo Pódese, BNG), este plan de prevención de incendios forestais é "prioritario". Con estas accións o Concello busca "actuar fronte ao lume dun xeito preventivo, facilitar o cumprimento da lei de incendios aos veciños e veciñas, así como apostar por un modelo de concello sustentable e medioambientalmente implicado na conservación e recuperación de hábitats".
As árbores plantaranse nas faixas secundarias de xestión de biomasa | Concello de Ames
Actuouse en 76.404 metros cadrados plantando 2.385 árbores
Na primeira fase actuouse sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias ás 37 adhesións ao plan que se asinaron entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixa un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.
Nos últimos meses plantáronse 1.206 castiñeiros, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 radairos, 36 bidueiros e 9 noceiras
Na segunda fase rematouse o ámbito 18 de Piñeiro (iniciado en 2016) e actuouse no ámbito 27 de Piñeiro, así como nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova. Actuouse en 76 fincas, cunha superficie total de 57.030 metros cadrados, nas que se plantaron 1.570 (1.206 castiñeiros, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 radairos, 36 bidueiros e 9 noceiras), grazas ás 76 adhesións ao plan asinadas con 44 propietarios implicados. As plantacións realizadas no inverno de 2018, que están sendo avaliadas nestes primeiros días de traballo da brigada, parece que tiveron un bo enraizamento e as árbores contan cun bo vigor.
O Concello ofrécelle á veciñanza acollerse ao plan de plantación de caducifolias | Concello de Ames