Ana Pontón (Sarria, 1977) mantén que as eleccións galegas de 2020, nas que o BNG pasou de ter 6 escanos a encabezar a oposición no Parlamento con 19, marcaron o inicio dun cambio de ciclo político en Galicia. Dende aquela vén mantendo unha intensa axenda, co ritmo que habitualmente se asocia aos períodos electorais, e ao tempo a última Asemblea Nacional da formación soberanista reforzouna no liderado. Sen perder de vista a mobilización "na rúa, porque tamén é fundamental non deixarlle ese espazo á extrema dereita" e que dea en capitalizar o "descontento e frustración" da cidadanía, Pontón asegura manexar datos segundo os cales "o BNG pode liderar a alternativa". O PP, subliña, limítase a "cambiar caras" mentres mantén a Xunta "paralizada" durante a peor crise de prezos en case catro décadas. Así o percibe, asegura, en forma de "sintonía e ilusión" nos encontros sectoriais que celebra por todo o país. Porque o Bloque, afirma, "é a forza política que máis se parece aos galegos e galegas: xente humilde, traballadora, que defende o noso, que o que pretende é construír un futuro mellor".
Despois das eleccións de 2020, e máis aínda tras a última Asemblea Nacional do BNG, fixaron como obxectivo estratéxico chegar á Xunta, concretamente encabezar o Goberno galego. É máis doado sen Feijóo? E con Rueda?
En Galiza estamos nun cambio de ciclo que xa empezou nas pasadas eleccións, onde o BNG se situou claramente como alternativa para un cambio. O que agora estamos vendo é a fin de ciclo do PP mentres nós nos preparamos para dar unha alternativa de futuro ao país. O balance que nos deixan estes anos do PP é o dun país que vai a menos en poboación, emprego, industria, servizos públicos… E o que necesitamos é unha nova etapa de esperanza fronte ao desastre do Partido Popular.
Haberá quen diga que aspirar a gobernar é, dalgunha maneira, algo que vai por defecto no rol dunha forza política que está na oposición. Que cambia ao situalo como obxectivo estratéxico do BNG?
"Non ter o obxectivo de ser unha forza hexemónica sería renunciar a dar un futuro mellor a este país"
Para o nacionalismo, ser unha forza política hexemónica é un obxectivo dende o noso nacemento. Non facelo sería renunciar a dar un futuro mellor a este país. E o que estamos constatando é que hai unha maioría social esgotada dos anos de goberno do PP. Temos que ser capaces de que esa maioría siga aumentando, medre nas urnas e traballarmos con amplitude de onda. O BNG é, e ten que ser, un proxecto con vocación maioritaria, temos que achegar máis xente á nosa alternativa, porque é a que pode dar futuro a Galiza. Agora vai haber un cambio de caras, pero van seguir sendo as mesmas políticas do PP de ataque aos servizos públicos, de nin inmutarse cando emigran 200.000 mozos e mozas ou nin salvar unha soa empresa en peche.
Puxeron moito o foco no concepto de gañar. Cre que faltou ese afán na esquerda ou no nacionalismo no pasado?
Non son moito de mirar cara a atrás nin creo que ninguén se presente para perder. Nós presentámonos cun proxecto para gañar emprego, servizos públicos, un autogoberno máis forte, máis dignidade para a nosa cultura e a nosa lingua… E con ese proxecto para que gañen as maiorías sociais do país nos diriximos ao conxunto da sociedade. Eu creo que o BNG é a forza política que máis se parece aos galegos e galegas: xente humilde, traballadora, que defende o noso, que o que pretende é construír un futuro mellor. Nese espello dos galegos e galegas é no que nos temos que mirar e traballar man con man.
Nestes meses vén desenvolvendo unha axenda intensa como portavoz nacional, se cadra case de campaña, con diversos actos sectoriais e encontros por todo o país. Como a reciben e como reciben ao BNG?
Estamos facendo unha axenda intensa de contactos sociais para facer ver alto e claro que hai alternativa. Eu vexo con estupefacción como a crise que provoca a denuncia da corrupción do PP paraliza a Xunta durante a peor crise inflacionista en 37 anos e cun Goberno que se dedica a criticar o que fan os demais mentres non fai absolutamente nada para que os galegos e galegas teñan axuda para enfrontar unha crise tan importante. Pero hai alternativas: Galiza ten unha vantaxe comparativa nunha crise enerxética, hai que poñer a riqueza eléctrica ao servizo do país, acabar coa estafa legalizada dos beneficios caídos do ceo, hai que apostar por unha empresa pública galega de enerxía, hai que subir os impostos ás eléctricas, necesítanse axudas extraordinarias para os sectores que están contra as cordas. Temos propostas e o que facemos é poñelas en común e escoitar as demandas destes sectores. Sen atendelas, é difícil acertar e nós queremos acertar polo ben de Galiza.
Coa inflación disparada e aínda entre ecos da pandemia, temen que sexa a dereita, mesmo a extrema dereita, a que canalice o descontento social?
"A extrema dereita pode ter un caldo de cultivo nesta crise se as forzas que gobernan dende a esquerda non acertan para protexer ás maiorías sociais"
Que existe descontento é evidente e que ese perigo está aí, tamén. A responsabilidade, neste momento, está situada nas forzas que están gobernando no Estado dende o ámbito da esquerda. A extrema dereita pode ter aí un caldo de cultivo se os gobernos non o fan ben, e creo que o Goberno de Sánchez perdeu pulsión social; vímolo durante a folga dos transportistas e vémolo cando se toman medidas que non van ao fondo da cuestión. Por exemplo, o desconto de 20 céntimos nos carburantes é necesario, pero non suficiente, porque os prezos seguen disparados. Levamos meses vendo como se dispara a factura da luz e non se fai nada; ese Goberno ten que acertar para protexer as maiorías sociais e evitar que ese descontento poida ser unha mecha que prenda cara a unha dirección que pode ter consecuencias gravísimas para as democracias, para os dereitos e liberdades.
Estamos a falar de políticas concretas, a respecto da inflación, dos prezos… Algunhas análises críticas coa liña da dirección do Bloque, caso do actual Goberno galego do PP, dinlles que responde a unha falsa moderación, que son máis “radicais” e independentistas ca nunca…
Lamentablemente, o PP está máis preocupado por facer oposición ao PP que por gobernar este país. Se canalizase eses esforzos por dar alternativas á xente do mar, aos labregos, aos gandeiros, aos sectores industriais contra as cordas, iríalles moito mellor. O que demostran eses ataques furibundos é que saben que a alternativa que pode romper a súa maioría é o BNG. Pero nada nos vai desviar do noso obxectivo, que é traballar por un futuro mellor para as galegas e galegos.
Tamén os acusan de ser mornos a respecto da guerra en Ucraína, un asunto que tamén lles reprochou o PSdeG…
"Hai un agresor, que é Rusia; un agredido, que é Ucraína; e unha vítima clara, que é a cidadanía dese país sufrindo unha invasión cruenta. Que digamos isto non quere dicir que non saibamos quen é a OTAN e a que intereses responde"
Díxeno en varias ocasións e podo repetilo, a posición do BNG está moi clara: hai un agresor, que é Rusia; hai un agredido, que é Ucraína; e hai unha vítima clara, que é a cidadanía dese país, que está sufrindo as consecuencias dunha invasión cruenta. Que digamos isto tampouco quere dicir que non saibamos quen é a OTAN e a que intereses responde, nin que non sexamos conscientes de que hai intereses xeoestratéxicos nos que o que menos importa é a dor do pobo ucraíno. Paréceme lamentable que haxa forzas políticas no meu país que queiran utilizar a dor do pobo ucraíno para atacar con mentiras ao BNG; e, en todo caso, o máis grave é que necesitamos unha aposta seria por poñer fin a este conflito. E iso só se vai facer pola vía da diplomacia, pero lamentablemente creo que hai algúns que están máis armando a guerra que querendo armar a paz.
Ata agora, sempre que houbo en Galicia un goberno diferente do PP, estivo formado por máis dunha forza política. Alén da conxuntura puntual, observan disposición ao acordo coa nova dirección do PSdeG?
Quen vai decidir o próximo presidente é o dedazo de Feijóo despois do sudoku das baronías, pero cando se convoquen as eleccións e os galegos e galegas teñan a oportunidade de decidir se queren un cambio, é evidente que no BNG iremos a por todas, estaremos á altura e tamén teremos disposición de chegar a acordos. Temos unha ampla traxectoria neste ámbito e sabemos cal é a nosa responsabilidade.
Habitualmente poñen como exemplo das políticas que aplicarían no Goberno galego os gobernos municipais que lideran ou nos que participan, caso de Pontevedra ou Lugo, se nos fixamos nas cidades, tamén de vilas como Allariz ou Carballo. Que tirarían deles para poñer en marcha no conxunto do país, máis alá da obvia diferenza entre a escala municipal e a galega?
"Hai xente que deosta a xestión como algo burocrático, pero é fundamental para converter as ideas en realidade. Aí temos unha experiencia de bo facer [municipal] que podemos trasladar á Xunta"
Evidentemente, as competencias son moi distintas. Pero hai dous elementos que definen a capacidade que ten o BNG: o primeiro, a capacidade de transformar en positivo e mellorar a vida das persoas. E o segundo é unha boa xestión: ás veces hai xente que deosta a xestión, que lle parece algo burocrático, pero é fundamental para poder converter en realidade as túas ideas. E aí temos unha experiencia de bo facer que se podería trasladar á Xunta. Fálase moito da gran xestión que fixo este Goberno galego, pero os datos desméntena; o mellor síntoma pode ser que os que nos din que non hai que deixar a deber triplicaron a débeda pública.
As municipais serán, precisamente -se o calendario non muda- a seguinte cita electoral. Cabe prever cambios significativos nas cabezas de cartel do BNG? Sempre se mira moito ás cidades, como principal espello…
Iso é algo que terá que dicir a militancia no seu momento. Temos equipos solventes, con persoas moi preparadas para afrontar o reto dunhas eleccións nas que imos facer unha campaña moi intensa. Ese ámbito das cidades, que si pode ter máis visibilidade e expectativa, é evidente que se ve un modelo moi claro, o do BNG, que conseguiu transformar unha cidade como Pontevedra, e despois está o resto, onde non se sabe se hai ou non proxectos. Nós imos tentar convencer a cidadanía de que o mellor para os concellos son alcaldías do BNG, porque temos capacidade de poñer en marcha proxectos de transformación. Quen sexan os e as cabezas de lista… Nós somos unha organización democrática e serán as bases do BNG as que o decidan, pensando no mellor para os concellos.
Despois tocarían as xerais, aínda que se cadra veñen antes ou mesmo simultaneamente… Referíase antes a unha certa decepción coa xestión do actual Goberno do Estado, pero que balance fai do grao de cumprimento do pacto do BNG co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez?
É certo que hai algunhas cuestións importantes que se cumpriron: cumpriuse coa AP-9, desbloqueáronse situacións coma o dragado da ría do Burgo… Pero hai outra nas que non están cumprindo con Galiza: no ámbito de dar unha solución ás industrias electrointensivas, no impulso da modernización á rede ferroviaria interior, na rexeneración integral das rías. O que sempre lle dicimos ao Goberno do PSOE e Podemos é que non incumpren co BNG, incumpren con Galiza. E tamén nos deixa outra lectura, que para cambiar o guión da discriminación co noso país é facernos valer e a mellor ferramenta é unha forza política que demostra que cando somos decisivos, poñemos a Galiza por diante. Pero tamén somos conscientes de que temos un deputado de 350; se tivésemos un grupo galego forte, o futuro sería mellor e por iso traballamos tamén con ese obxectivo.
Supoñamos que se dá un cambio político en Galicia; o seguinte Goberno galego vaise ter que enfrontar a un reto que é global como a da transición ecolóxica. Hai comarcas enteiras dun proceso que é imprescindible, pero que tamén deixa vítimas en termos económicos e laborais. Como o abordaría ese Goberno dende as súas competencias?
"O debate do desenvolvemento sustentable é fundamental, un cambio estrutural no que países co tamaño e capacidade produtiva de Galiza poden ofrecer condicións de vida moi boas. Pero precisamos un Goberno que confíe no país"
En primeiro lugar hai algo obvio, que o debate do desenvolvemento sustentable é fundamental. Aínda que levemos dous anos falando menos disto pola pandemia, non podemos deixar de pensar que é clave. O que hai que facer é unha transición enerxética xusta, non poden pagala os traballadores e traballadoras, que é o que está pasando nas Pontes. Estase deixando que unha empresa marche de rositas e sen alternativas sociais despois de gañar millóns explotando os nosos recursos naturais. Toda esa comarca ten que seguir sendo un polo enerxético, pero cun modelo que xere emprego e industria e non repita o desastre da reconversión naval de Ferrol. Porque iso é o que está pasando co Goberno do PP en Galiza e do PSOE e Podemos en Madrid. Ten que haber alternativas: van quedar miles de megavatios por liñas de evacuación que son fundamentais para novos proxectos de produción enerxética, cremos que hai que vinculalas a que vaian asociadas a proxectos industriais nesa zona. Aí a Xunta ten competencias e pode facerse, é cuestión de vontade política. Tamén propoñemos un centro de I+D+i de almacenamento da enerxía, que vai ser unha das claves; sabemos que hai proxectos noutras partes do Estado, algúns financiados con fondos autonómicos e habería que impulsalo para seguir especializando ás Pontes nese ámbito. E tamén temos que repensar moito, porque esta crise coa pandemia e coa guerra de Ucraína tamén poñen o foco en que o modelo da globalización non funciona, en que temos que producir máis aquí, consumir máis produtos de proximidade, ter menos impacto ambiental e favorecer os proxectos que o fagan. Como galegos e galegas temos vantaxes comparativas para facelo. Estamos nun cambio estrutural no que países do tamaño de Galiza con capacidade produtiva poden ofrecer condicións de vida moi boas. Pero precisamos un Goberno coa cabeza en Galiza e que confíe no país.
Neste eido apuntaba a súa proposta dunha empresa pública de enerxía; tamén para intervir no sector eólico? Este é outro dos grandes debates en torno á que é unha das fontes enerxéticas de futuro, pero que tamén xera controversia…
"Que a eólica é unha enerxía de futuro está claro, o problema é o modelo"
Que a enerxía eólica é unha enerxía de futuro está claro, o problema é o modelo. E aquí séguese un modelo depredador, ao servizo dos lobbys enerxéticos e onde Galiza produce o que outros necesitan consumir. Ese modelo, que vén do franquismo e que se repite na planificación eólica, non ten sentido se non deixa retorno económico no país. Eólica si, pero non ao servizo dos consellos de administración do lobby enerxético, senón ao servizo do país. E para iso hai que ter coidado do medio ambiente, sen poñelos en calquera sitio; hai que respectar á xente que vive no medio rural, sen poñer en risco a produción de alimentos ou a pesca nas nosas costas. E cun modelo que xere emprego e riqueza no país, se non, é converter nunha perversión o que significan as enerxías renovables. Por iso nos preocupa o Real Decreto no que se queren acelerar trámites que pasan por riba dos procesos de participación e exposición pública e que claramente van beneficiar o lobby enerxético.