Valentín González Formoso (As Pontes, 1971), alcalde das Pontes dende 2007 e presidente da Deputación da Coruña dende 2015, é secretario xeral do PSdeG dende finais do pasado 2021, tras impoñerse nas primarias do partido a Gonzalo Caballero con case o 60% dos votos. Asegura que "deu o paso" porque el e o seu equipo cren ter a fórmula para trasladar ao ámbito galego o apoio cidadán que deu lugar a que a maioría da poboación galega viva en vilas e cidades con alcaldía socialista. Formoso recibe a Praza.gal na sede nacional do partido, onde nas últimas semanas vén mantendo primeiras tomas de contacto con diversos colectivos. Dende alí observa o inicio dun novo ciclo político en Galicia coa marcha de Feijóo e reitera a súa disposición a ser o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta. Asegura ver a súa formación en condicións de "liderar" o cambio e desbancar un Goberno do PP que, durante 13 anos, "se centrou no control do marketing político para parecer que facía en lugar de facer".
É vostede o cuarto secretario xeral do PSdeG dende a perda da Xunta en 2009. As causas das remudas foron diversas, pero o certo é que se produciron. O ex-presidente Touriño ten sinalado que evitar esas mudanzas reiteradas é unha das claves para que o partido logre o goberno en Galicia, concorda? Comezou agora unha xeira de estabilidade?
Somos a formación política máis antiga das que operan en Galicia e cunha traxectoria institucional e de Goberno que protagonizou as grandes pancas de modernización, dende a incorporación ao proxecto europeo na época de Laxe aos instrumentos de protección do territorio e dinamización dos sectores produtivos con Touriño. A iso sumamos que xestionamos máis do 60% da poboación no ámbito municipal, sobre todo no urbano e esta nova etapa apóiase nesa ferramenta tan útil que é ter a experiencia de dirixir os gobernos máis próximos á cidadanía, onde a estabilidade e a tranquilidade é clave para centrarse nos problemas da cidadanía. Iso convértenos nun instrumento útil na vida política galega.
Están pechadas as posibles feridas das primarias?
Si. O proceso de renovación das estruturas do partido, que se fai cun sistema de sufraxio universal da militancia que decide libremente, fíxose de maneira exemplar e con total normalidade. É un proceso rematado nunha organización viva e cunha dirección que ten claro que o prioritario é non despistarnos nin un centímetro do prioritario, sobre todo nun momento tan crítico.
Agora mesmo a provisionalidade, por primeira vez en década e media, está no Partido Popular, coa marcha de Alberto Núñez Feijóo. Diría que aumentan as probabilidades de cambio en Galicia?
"Podemos facer que a xente que nos vota nas municipais, europeas e xerais o faga tamén nas autonómicas, por iso iniciamos un novo proxecto no partido. Era posible con Feijóo e sen el, máis"
Mentiría se dixese que non. Pero tamén é certo que a oportunidade nós xa a viamos de lonxe. Por iso tentamos iniciar un novo proxecto no Partido Socialista. Dende a nosa experiencia de apoio no ámbito municipal e provincial, en eleccións europeas e xerais, preguntámonos por que habería que renunciar a ese mesmo apoio en eleccións autónomicas, se é a mesma xente. Cremos que podemos facer que esa xente que nos vota en tres de catro procesos electorais, nos vote tamén no cuarto ofertando liderado e coñecemento. E abrindo a casa do socialismo a todas as persoas con intención de mellorar o seu país para, por exemplo, ofrecer unha oportunidade a esa mocidade que ve en Galicia un lugar ao que volver no Nadal pero non no que vivir. Iso era posible con Feijóo e creo que é aínda máis posible sen a figura de Feijóo.
Remata, en calquera caso, un ciclo político de 13 anos e estamos na cuarta maioría absoluta consecutiva do PP. O PP fíxoo moi ben na Xunta ou a esquerda non foi capaz. Que ten que cambiar, neste caso por parte do PSdeG?
O PSdeG ten agora unha equipa, e dígoo con humildade, para formar máis dun Goberno da Xunta. Fomos quen de incorporar persoas de recoñecidísimo prestixio no ámbito xurídico, científico, das infraestruturas, cultural, da igualdade… Precisamos un tempo para achegarnos a territorios que eran descoñecidos para nós e coa mesma filosofía imos tratar a cidadanía no ámbito galego. Creo que iso dará un bo resultado e seremos merecedores da confianza dos galegos e galegas. Sen dúbida, este partido está chamado a liderar o cambio en Galicia por historia, tradición e capacidade. O noso reto é acelerar esa proximidade á cidadanía galega, darlle serenidade, amosar que somos quen de respectar as tradicións galegas e de revolucionar este país dunha maneira tranquila pero contundente, sen renunciar aos principios socialdemócratas, con respecto absoluto ao resto de ideoloxías e tendo claro que este país ten que estar liderado en espazos económicos ou científicos que este Goberno preferiu deixar de lado.
A xestión do Goberno de España suma ou resta a esas posibilidades de cambio?
"As respostas contundentes que vén de adoptar o Consello Europeo, promovidas polo Goberno de España, van permitir rebaixar a factura da enerxía á metade"
Claramente suma. Esta experiencia do Goberno de España no peor escenario dende a Guerra Civil, cunha pandemia que fixo que dubidásemos da supervivencia da raza humana, que dubidásemos mentres estabamos confinados se a empresa que deixabamos ou o noso posto de traballo seguiría existindo, se o propio sistema aguantaría un país confinado… E vimos que si, que o Goberno de España foi quen, xunto con outros gobernos europeos, de liderar unha posta en valor do proxecto europeo a través dos fondos que se conseguiron a través desa concepción europea que defende o Goberno do Partido Socialista. Eses 140.000 millóns que virán a España son froito da visión máis socialdemócrata, que agora impera nos países máis avanzados da Unión. Polo tanto, si, suma; e agora atopámonos cun escenario aínda máis difícil, cunha guerra que se suma aos efectos económicos da pandemia e que require de respostas tan contundentes como as que acaba de adoptar o Consello Europeo, de novo promovidas polo Goberno de Pedro Sánchez, e que nos vai permitir rebaixar á metade a factura da enerxía tanto das familias como das empresas. Están facendo un gran labor dentro dun proxecto europeo que estaba languidecendo e volve rexurdir e volve ser vista a súa utilidade pola sociedade.
Na actual crise de prezos, coa inflación a subir, máis aínda cos efectos da guerra en Ucraína. Temen que sexa a dereita a que canalice o descontento cidadán, como pasou na anterior crise?
Creo que ese risco é menor que na anterior crise, entre outras cousas pola resposta europea. Daquela, Zapatero tivo que enfrontarse a unha suba da prima de risco do 400%, a un endebedamento e a un aumento do desemprego brutais, un escenario de treboada económica perfecta que era caldo de cultivo para o populismo en xeral, de esquerda e dereita. E, efectivamente, floreceu, pero como previamos moitos e moitas neste país, era unha flor con data de caducidade. Porque a política non pode vivir de eslogans, iso ten un tempo moi curto de vida: a política trata de dicir a verdade á xente, de ser capaces de poñer solucións que ás veces non teñen efecto inmediato e requiren sacrificios ou priorizar uns gastos sobre outros. Se queremos non enganar á xente.
Vostede manifestou nalgunha ocasión que estaría á disposición da militancia do PSdeG para ser candidato á presidencia da Xunta. Como ve o panorama agora mesmo, xa con Feijóo fóra do taboleiro e coas principais forzas políticas cos seus procesos internos concluídos, agás o PP?
Hai dous candidatos claros en Galicia: o BNG, porque así o decidiu, con Ana Pontón, e o PSdeG eu espero que así o decida a militancia. Queda unha terceira opción política, que é o PP, que será candidato quen decida Alberto Núñez Feijóo. Tamén hai que poñer en valor o sistema de elección dos candidatos, un pode dicir que é demócrata e non actuar como tal. O Partido Socialista leva anos demostrándoo, aínda asumindo o risco de xerar tensións entre persoas ou proxectos, pero é unha tensión que un partido que cre na democracia debe asumir como algo normal.
Chegou á secretaría xeral do PSdeG tras unha ampla e experiencia municipal, tamén na Deputación da Coruña cun gobernos de coalición co BNG. É unha vantaxe ese goberno cara a un eventual entendemento co BNG, se as urnas o propiciasen?
"Se se prioriza o social, o laboral, os temas de país, haberá entendemento [co BNG]. Se se priorizan temas que rachen a convivencia, non"
É un camiño andado. A experiencia do Goberno de coalición como o que temos na Deputación da Coruña é importante, pero non nos podemos enganar. A política fana as persoas e teño que recoñecer que tanto no anterior mandato como neste, con Goretti Sanmartín e Xosé Regueira, hai moito feeling persoal e fomos quen de afastar as diferenzas que sempre hai nun goberno, mesmo monocor, e priorizar o esencial. Permitiunos modernizar unha institución con 200 anos de vida, que tiña nalgúns aspectos unha mentalidade moi anquilosada, e revolucionar aquela casa para falar dos asuntos que importan á cidadanía: de emprego, de cultura, de igualdade… Ou responder ante unha situación de crise como a actual e pagar a transportistas, mariñeiros e agricultores 5 millóns de euros en sete días. Amosamos a cara máis útil dunha institución que non o parecía para a sociedade. É unha boa experiencia, coñecémonos, pero o taboleiro autonómico é distinto: hai que falar de contidos, de programas. Nós non somos independentistas nin nacionalistas, o Bloque é independentista; sempre que haxa a posibilidade de priorizar o social, o laboral, os temas de país, vai haber entendemento. Se se priorizan cuestións que rachen a convivencia do país, non o haberá.
O peso do ámbito local é historicamente unha das fortalezas do PSdeG, pero iso tamén ten suscitado críticas no sentido de que non vale un agregado de proxectos locais para construír un proxecto en clave galega… É posible agora compatibilizar ambas vertentes?
A cidadanía galega merece o respecto de que unha forza política federal coma o PSdeG responda aos intereses de Galicia e iso non significa ter que confrontar para demostrar que somos galegos co Goberno do Estado, con outros gobernos autonómicos ou coa UE. Temos que demostrar que cando Galicia nos necesita, estamos aí, priorizamos Galicia por riba de calquera outro interese e a coordinación co Estado favorécenos. Agora ben, cando haxa contradición cos intereses de Galicia, nós estaremos con Galicia.
Antes das eleccións galegas, se os calendarios se manteñen con normalidade, serán as eleccións municipais. Con Valentín González Formoso como candidato nas Pontes?
É un tema que temos que valorar os compañeiros e compañeiras e a decisión ten que tomarse con respecto á sociedade, pensando se es capaz de seguir realizando un papel digno e de compromiso co territorio ao que vas representar e non tanto en clave persoal ou partidista.
As Pontes é, posiblemente, o mellores exponente en Galicia do reto que supón a transición ecolóxica, a fin do carbón. Está satisfeito co camiño iniciado? Acaba de ser aprobado o proxecto para desmantelar a central térmica…
"O proxecto de hidróxeno e a central de bombeo hidráulico que se valoran nas Pontes precisan de apoio público, pero a Xunta xestiónaos como se fosen un taller de coches"
Non, non podo estar satisfeito. Nin moito menos. Si estou satisfeito coa resposta da sociedade pontesa e son francamente optimista co futuro da vila, que segue sendo a maior produtora enerxética do país independentemente do carbón: seguimos producindo con gas natural, con madeira, con auga e con vento. Pero queremos ser tamén referencia no gran reto deste século, que é o almacenamento enerxético sen emisións. O proxecto de hidróxeno e a central de bombeo hidráulico que se valoran nas Pontes precisan de apoio público ou, como mínimo, de non obstaculizalas. Pero o que percibimos é que a Xunta xestiona estes proxectos como se fosen un taller de coches. A relevancia destes proxectos non só para As Pontes, senón para a comarca e para Galicia, requiren dunha visión que os axilicen. Igual que o proxecto da fábrica de pneumáticos, a primeira chinesa en Europa. E o que atopamos son trabas e falta de visión política por parte dalgún departamento da Xunta, non de todos; esperamos que valoren que é un proxecto que quere xerar 700 empregos directos.
Sobre o futuro industrial das Pontes, precisamente, o PP di que o Goberno de España quere que Ence vaia ás Pontes porque o secretario xeral do PSdeG é o alcalde das Pontes…
Non. Non sei se o Goberno de España quere que Ence vaia ás Pontes, o que si que sei é que As Pontes leva toda a vida ofrecendo solo para un centro de transformación de madeira. Chámese Ence, Finsa, Losán, Altri ou calquera outra marca con capacidade para facelo. O certo é que estamos no centro do maior centro de produción forestal de Europa, cunha rede capilar de comunicacións única e cunha capacidade de aprovisionamento que daría para fornecer a máis dunha celulosa ou gran fábrica de fibra téxtil. E a apenas media hora en camión do porto exterior de Ferrol, polo que transcorren dúas das tres principais rutas marítimas comerciais do mundo, con gas natural de alta presión procedente de Reganosa e cunha mentalidade industrial clarísima na vila. Esa é a realidade pola que as empresas forestais teñen As Pontes na súa axenda.
Se tivese que apostar, ve máis viable unha presidencia da Xunta do PSdeG ou a Feijóo como presidente do Goberno de España?
Eu creo que vai haber presidencia do PSOE en España máis lexislaturas; merecemos poder despregar as políticas socialistas en tempos de bonanza. E en Galicia haberá un presidente socialista.