Sen sorpresas. Tres semanas despois da convulsión na Deputación de Lugo este xoves botou a andar o novo mandato da corporación provincial da Coruña conforme ao guión previsto. O pacto asinado por PSdeG e BNG para artellar un goberno de coalición foi a base para a investidura do alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, que estivo avalada por unha ampla maioría, mesmo superior á que ata agora sustentaba o goberno do PP. Non en van, ademais dos votos do seu grupo e máis do Bloque, sumou os da Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños; un total de 18 fronte aos 13 do PP.
Tras tomar o bastón de mando González Formoso asegurou que a coalición que dirixirá a Deputación coruñesa levará adiante un mandato marcado polo "consenso" e pola intención de que a Deputación sexa "útil" dende a base do programa do goberno. "Faremos unha organización sinxela pero eficaz" que, di, potenciará o papel dos concellos da provincia. Nesta liña, anuncia, a intención do novo goberno é crear unha mesa de diálogo cos gobernos municipais que derive na creación dun "Consello Provincial de Alcaldes e Alcaldesas" como órgano consultivo.
Para a nova vicepresidenta e voceira da institución, Goretti Sanmartín (BNG), este pacto debe servir para implantar unha "nova arquitectura" nos entes provincias cuxo destino último, a xuízo do Bloque, debera ser a supresión. Na súa intervención ante o pleno Sanmartín animou o resto de forzas a contribuír ao deseño dunha "institución nova" mediante a "transformación radical da Deputación".
Pacto en Pontevedra
Como aconteceu na Coruña, os grupos de PSdeG e BNG na Deputación de Pontevedra tamén chegarán ao pleno de constitución, previsto para este venres, cun acordo asinado. O secretario provincial do PSdeG, Santos Héctor, e o deputado provincial e próximo vicepresidente da institución no nome do BNG, César Mosquera, rubricaron un pacto que converterá en presidenta a viguesa Carmela Silva. Como informa Pontevedra Viva este pacto vai na liña do asinado por socialistas e nacionalistas a nivel galego no que atinxe a "adelgazar" a institución. Por ese motivo, indican, apostarán por transferir á Xunta instalacións e competencias como as do consorcio de Bombeiros e aos concellos, as vías provinciais que discorran por un só municipio.
O acordo na Deputación de Pontevedra implica a desaparición dos fondos de libre disposición da Presidencia
A desaparición do 20% de fondos que ata agora era de libre disposición para a Presidencia ou un límite do 5% para subvencións nominativas e excepcionais son outros puntos dun pacto que, indican Héctor e Mosquera, "non foi doado" pero que é "sólido" para sustentar un goberno que "non será de dúas forzas políticas, senón dos concellos e dos cidadáns", di o socialista. Segundo o recollido no acordo dependerán do PSdeG áreas como Economía, Cooperación Municipal, Emprego ou Turismo, mentres que o BNG asumirá Obras, Benestar, Medio Ambiente, Cultura ou o Museo de Pontevedra, entre outras.