No vindeiro mes de xullo faranse 14 anos dende que a Xunta pechou co Goberno de España as últimas transferencias de competencias ata o momento, un paquete negociado nos tempos do Goberno de coalición PSdeG-BNG (aínda con Zapatero na Moncloa) que incluía como traspaso máis destacado o do parque natural das Illas Atlánticas. En vésperas desa efeméride, as dúas formacións da actual oposición aproveitaron outro aniversario, o do Estatuto de Autonomía de 1936, para axitar o debate sobre a necesidade de desconxelar o autogoberno galego.
Este 28 de xuño fanse 86 anos do plebiscito do primeiro Estatuto. O impulsado polo galeguismo e a esquerda en 1936, o que permitiu a Galicia acceder á condición de nacionalidade histórica en 1978 e acceder á autonomía pola vía rápida prevista na actual Constitución. Na véspera da conmemoración, o BNG e o PSdeG organizaron senllos actos para celebralo, mais tamén para poñer o foco na parálise do autogoberno e en cadansúas propostas para reactivalo. Como vén sendo habitual, nin a Xunta nin o PP realizan celebración ningunha en torno ao Estatuto de 1936.
O BNG, onde 'naceu' o Estatuto de 1936
A portavoz nacional do BNG e outros membros da formación soberanista trasladaron as súas propostas ao respecto a un dos escenarios clave na aprobación do primeiro Estatuto, a facultade de Medicina da Universidade de Santiago, que en 1932 acollera a Asemblea de Concellos para impulsar -e compoñer case integramente- o texto estatutario e onde en 1936 se celebraran diversos trámites do plebiscito. Sinala Ana Pontón que, na actual "encrucillada histórica" marcada pola "suma de crises" económicas e sociais, o BNG se ve "preparado para a grande tarefa" de "ser maioría e dirixir o futuro do país" e nesa clave lanza a "a axenda para unha nova Galiza" en materia de autogoberno.
Pontón anuncia que o Bloque se dispón a solicitar a activación do artigo do actual Estatuto que prevé a súa reforma e, en paralelo, reclama impulsar "de inmediato" transferencias pendentes ou xa negociadas, como as da AP-9, o tráfico ou a policía
A iniciativa do Bloque lanzada ao fío do aniversario do primeiro Estatuto ten "dous niveis complementarios". O "inmediato", sinala Pontón, pasa por "impulsar a transferencia efectiva de todas as competencias previstas no actual Estatuto ou sobre as que xa hai acordos políticos, caso da autoestrada AP-9, do Salvamento Marítimo, da Inspección de Traballo, a xestión do litoral ou do control do tráfico e da seguridade e, ligado con este, o despregamento da Policía galega contemplada pola lei dende 2007.
Paralelamente, a líder do Bloque aposta por reactivar xa o "debate dun novo estatus político" para o país e por iso, avanza, a formación rexistrará no Parlamento "a proposta de activar o artigo 56" do actual Estatuto, o que prevé a súa reforma e ao que pode apelar un mínimo dunha quinta parte dos membros do Parlamento (15, e o BNG ten actualmente 19), se ben a súa posta en marcha definitiva depende en calquera caso da maioría. A súa aspiración, sinala, é "un novo marco político que nos recoñeza como nación", con "máis poder político e económico para mellorar a vida das persoas" en aspectos como a protección dos servizos públicos, o coidado das persoas maiores, o idioma ou os dereitos das mulleres, exemplifica.
O PSdeG, ante Castelao
O PSdeG, pola súa banda, conmemorou o aniversario do primeiro Estatuto galego ante o sartego de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no Panteón de Galegos Ilustres. O secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, coida que a mellor maneira de deixar atrás os 13 anos de "parálise e inmobilismo do PP" co autogoberno galego é abrir unha "mesa de diálogo" entre as tres forzas con representación parlamentaria para, nese foro, abordar a posibilidade de reformar o Estatuto.
Galicia, sinala Formoso, leva máis de 13 anos sen competencias novas, en primeiro termo, "porque a Xunta non as demandou" alén de declaracións puntuais. Por iso, defende, a súa proposta a PP e BNG é "que nos sentemos a debater, de forma consensuada e serea, pero con determinación e convicción", esa reforma do Estatuto pensando "nun país que ten identidade propia" e que "precisa os mesmos mecanismos que teñen outros territorios para competir no actual escenario económico".
Formoso propón unha "mesa de diálogo" con PP e BNG para debater unha reforma "profunda e consensuada" do Estatuto tras máis dunha década de "parálise" no autogoberno
Coida o secretario xeral do PSdeG que esa vía de negociación para a reforma do Estatuto pode ser a "forma máis áxil e intelixente de dar resposta ás necesidades deste país". Só Galicia e Euskadi, lembra, non reformaron os estatutos, o que no caso galego "lesiona os intereses" da cidadanía. Por iso, di, considera que "o diálogo non debe centrarse na transferencia dunha competencia illada", senón nunha reforma "profunda e consensuada" para, "como mínimo, acadar a capacidade que teñen outros territorios históricos" do Estado "para defender os seus intereses".
A última vez que as forzas políticas con representación parlamentaria abordaron a reforma do Estatuto de Autonomía foi na lexislatura que comezou en 2005, a do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Durante o ano 2006, a comisión parlamentaria tripartita encargada de redactar o novo Estatuto acadara un acordo case total e deixara para unha última reunión de líderes (Emilio Perez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo) a resolución dos flocos pendentes a principios de 2007. O bloqueo de Feijóo a reflectir no preámbulo do Estatuto o carácter nacional de Galicia fixera descarrilar de vez unha reforma que, malia ás promesas do propio ex-presidente, nunca foi recuperada.