
O pasado verán Xanceda lanzou dúas variedades propias de kombucha: unha de froitos vermellos e outra de cítricos. Chamoulle kombuxa e a arriscada aposta foi todo un éxito
O pasado verán a Casa Grande de Xanceda lanzou dúas variedades propias de kombucha, o fermentado de té de orixe chinesa tan de moda nos últimos anos en todo o planeta. Con dúas modalidades -Maxical berries, de froitos vermellos; e Xan lemmon, cunha combinación de cítricos-, chamoulle kombuxa e a arriscada aposta foi todo un éxito.
Trátase dunha bebida fermentada de sabor lixeiramente acedo a base de té ao que se lle engade en orixe azucre e unha combinación de microorganismo que se encargan da fermentación que lle outorga as súas características finais. A Kombuxa de Xanceda conta, así mesmo, coa certificación da Unión Europea que garante que se trata dunha produción 100% ecolóxica.
"É importante "que haxa alternativas á hora de tomar algo nun bar ou nunha cafetaría, que vaia máis aló da cervexa ou das bebidas azucradas"
Dende o ano pasado o ritmo de venda do produto non deixou de medrar e son cada vez máis persoas que o mercan en tendas e supermercados ou que o piden en bares e cafetarías. "A verdade é que estamos sorprendidas polo éxito, sobre todo para un produto novo, que non ten un gran coñecemento previo en Galicia", destaca en conversa con Praza.gal Sara Torreiro, responsable de comunicación e marketing da Casa Grande de Xanceda.
"Gustaríanos que a hostalaría comezase a apostar cada vez máis pola Kombuxa. Pero de momento son poucos os locais nos que se pode atopar", sinala, apuntando que é importante "que haxa máis alternativas á hora de tomar algo nun bar ou nunha cafetaría, que vaia máis aló da cervexa ou das bebidas azucradas".
A kombucha é un produto versátil que se pode tomar só, frío ou do tempo, pero que tamén se pode mesturar de moitas formas. Por exemplo, en cócteis de Nadal ou en refrestantes cócteis de verán
En realidade, a kombucha é un produto versátil que se pode tomar só, frío ou do tempo, no verán ou no inverno, pero que tamén se pode mesturar de moitas formas. Por exemplo, en cócteis de Nadal ou en refrestantes cócteis de verán coma os que propón Carlota Farina na súa conta de Instagram. Coa kombuxa Maxical Berries propón engadirlle un pouco de sandía en anacos, unha lima cortada en pequenos fragmentos, menta fresca e xeo. E coa kombuxa Xan Lemmon, opta por mesturala cunha présa de froitos do bosque e xeo, dando lugar a unha bebida aínda máis refrescante e axeitada para os días de máis calor do verán.
A Kombuxa de Xanceda pódese atopar na súa tenda online e na tenda física que está na propia granxa, pero tamén en grandes superficies como os supermercados de El Corte Inglés, Eroski Galicia, Froiz, Alcampo Galicia, Carrefour Galicia e en moitísima tendas locais esparexidas por todo o país.
"Nós somos unha granxa de vacas e pareceunos que aínda que non é un produto lácteo, ten moito que ver con nós, porque é un fermentado e porque emprega a mesma froita dos nosos iogures", sinala
Pero a quen se lle ocorre? Unha granxa de vacas preparando kombucha? "En fermentados tiñamos xa moita experiencia co iogur e coa fomulación do noso kéfir14, realizado con 14 bacterias diferentes", lembra Sara Torreiro. "Nós somos unha granxa de vacas e pareceunos que aínda que non é un produto lácteo, ten moito que ver con nós, porque é un fermentado e porque emprega a mesma froita dos nosos iogures", sinala.
O proceso de produción implica varias fases e algo de paciencia. O té introdúcese nuns lactofermentadores, que son unhas cubas moi grandes, e alí fermenta mesturado con froita e azucre de caña. Nesta fermentación, as bacterias comen ese azucre -que desaparece case por completo- e transfórmano noutros elementos: ácido acético, minerais, vitaminas... A kombuxa de Xanceda caracterízase por ter unha fermentación moi lenta, ao redor de 21 días, pero así conséguese que a bebida resultante teña unha burbulla moi fina.
"Cando unha persoa toma unha kombuxa, é consciente de que dentro desa botella hai 200 hectáreas en ecolóxico, 50 persoas traballadoras que desenvolven o seu proxecto vital aquí e os tres compromisos que Xanceda ten: co rural, coa natureza e cos animais"
Ao final, na kombuxa, como en todos os produtos de Xanceda e de moitas das granxas do rural galego, destaca un saber facer, un agarimo e unha atención ao detalle. "Nós sempre fixemos unha aposta de diferenciación en base á calidade, iso vese en todos os nosos produtos e tamén na kombuxa", di Sara Torreiro.
"Creo que son moitos os consumidores que valoran o proxecto que hai detrás dun produto", remata Torreiro. "Cando unha persoa toma unha kombucha de Xanceda, é consciente de que dentro desa botella hai 200 hectáreas en ecolóxico, 75 delas espazo natural protexido, 50 persoas traballadoras que desenvolven o seu proxecto vital aquí, o 62% delas mulleres... Os consumidores valoran tamén toda a parte de responsabilidade social corporativa que hai detrás da marca e os tres compromisos que Xanceda ten: co rural, coa natureza e cos animais", conclúe.
As novidades de Xanceda: o Kéfir Café
Hai uns meses a Casa Grande de Xanceda presentou a súa última innovación: o Kéfir Café, unha proposta pioneira e única no mercado estatal
Hai uns meses a Casa Grande de Xanceda presentou a súa última innovación: o Kéfir Café, unha proposta pioneira e única no mercado estatal que dá como resultado unha bebida "funcional, de sabor suave e textura cremosa que achega enerxía e saúde", un produto que encaixa "co estilo de vida actual: activo, consciente e coidado", destacan dende Xanceda.
O Kéfir Café vén completar esta gama que xa inclúe o kéfir bebible con cítricos e natural e catro modalidades de culler: natural, desnatado, con froitos vermellos e con pexego e froita da paixón. Este novo produto non xurdiu nun laboratorio suízo nin nun despacho de márketing, senón aquí, nunha granxa ecolóxica galega. É outra das oportunidades coas que Xanceda demostra que o rural, lonxe de tópicos, pode ser espazo de vangarda.
Vacafest
O sábado 26 de xullo a Casa Grande de Xanceda acolle o Vacafest, "un festival sen brilli-brilli, sen filtros nin postureos, onde o natural, o divertido e o familiar son os verdadeiros protagonistas"
O sábado 26 de xullo a Casa Grande de Xanceda acolle o Vacafest, "un festival sen brilli-brilli, sen filtros nin postureos, onde o natural, o divertido e o familiar son os verdadeiros protagonistas". Trátase dun festival pensado para gozar "cos máis pequenos, cos maiores e coas vacas máis curiosas". Nel haberá música no prado, un cirncuíto de mini-tractores para os máis pequenos (e para os que non o son tanto), xogos tradicionais, obradoiros de muxido e un desfile vacún no que as vacas de Xanceda "sacan as súas mellores galas".
Ademais, consumindo os produtos de Xanceda se poden atopar entradas de balde para o festival. Os iogures agochan 100 packs de entradas vaca-vip para 4 persoas.