O IES de Curtis e o Grupo Naturalista Habitat están a retransmitir o aniñamento dunha parella de lagarteiros da que en breve se agarda que nazan seis crías
A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, o IES de Curtis e o Grupo Naturalista Habitat veñen de poñer en marcha un proxecto de observación en directo do aniñamento e cría dunha parella de lagarteiros. Bird Brother, como o denominan, supuxo a instalación dunha caixa-niño cunha cámara que retransmite en directo as 24 horas na canle de twitch do IES de Curtis. Aquí podes seguir o directo.
O alumnado do centro encargouse da instalación da caixa e do sistema de retransmisión e os vídeos emitidos, cos momentos máis significativos do que vai de proceso, acumulan xa centos de reproducións, á espera de que nos próximos días se produza a agardada apertura de seis ovos.
Segundo explican desde Casa Grande de Xanceda, a localización da caixa-niño decidiuse porque "é un sitio no que o lagarteiro xa aniñou máis veces na granxa". O ano pasado sacaron adiante unha rolada de 5 polos, o que para o Grupo Naturalista Habitat "é un síntoma de que na granxa hai calidade e cantidade de comida". "É moi importante lograr estas roladas porque o lagarteiro é unha especie en declive en Galicia", engaden.
Desde Casa Grande de Xanceda subliñan que "o lagarteiro é unha especie asociada ao mosaico agrícola galego, como o que conservamos aquí e que está a desaparecer por mor dos monocultivos. A perda de hábitat está sendo determinante no declive do lagarteiro".
Na rolada actual a femia rematou a principios de abril a posta de 6 ovos, polo que previsiblemente o nacemento poderá verse nos vindeiros días. Logo diso o macho e a femia empezarán a crianza e, a finais de maio ou principios de xuño, os polos empezarán as súas prácticas de voo.
Casa Grande de Xanceda leva anos colocando caixas-niño para que na granxa proliferen aves diversas, acadando en 2023 unha ocupación do 88%. 75 hectáreas da granxa son un Espazo Natural Protexido, as Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro. A Xunta declarounas así polos seus valores de biodiversidade entre os que destacan, neste caso, 92 tipos de aves.