O Goberno galego declarou a pasada semana “de interese autonómico” a ampliación da explotación agrogandeira que agora, tras un acelerado intercambio de informes entre consellerías, esgrime como obstáculo para os aeroxeradores
“A implantación dun parque eólico na zona dunha explotación agrogandeira de produción ecolóxica podería afectar ao benestar animal e á maior protección que debe darse a estes métodos produtivos”. Con ese argumento da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias vén de declarar o goberno galego como “non viable” ambientalmente o parque eólico Gasalla. Impulsado por Green Capital Power con 7 aeroxeradores nos concellos de Mesía e Frades, situaríase a carón das explotacións ecolóxicas de Casa Grande de Xanceda, que leva anos mobilizándose contra o proxecto.
O Consello da Xunta declarou o pasado xoves “de interese autonómico” a ampliación da explotación agrogandeira e ese feito, tras un acelerado intercambio de informes entre consellerías, é esgrimido agora como obstáculo para os aeroxeradores. Unha decisión final ante a que Casa Grande de Xanceda amosa a súa "satisfacción" e considera "unha magnífica noticia para o sector ecolóxico galego".
O proxecto do parque eólico Gasalla comezou a súa tramitación en outubro de 2017. Durante este tempo a propiedade de Casa Grande de Xanceda vén advertindo do dano que suporía para o futuro dunha granxa referente na produción ecolóxica en todo o Estado. Para mellorar a protección da súa contorna a empresa mesmo impulsou a declaración de 74 hectáreas como Espazo Privado de Interese Natural. E finalmente conseguiu que o pasado xoves o Consello da Xunta declarase como de interese autonómico o seu proxecto de ampliación da súa explotación. Un feito que é agora clave para que a Consellería de Medio Ambiente considere inviable o parque eólico.
Segundo a propia Xunta, tras varios informes previos de diversos departamentos non foi ata este luns 23 de xaneiro que Medio Ambiente solicitou á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias un “informe complementario” sobre a interacción do parque eólico e Casa Grande de Xanceda. Ese informe da Consellería de Medio Rural foi emitido durante a mesma xornada para que o subdirector xeral de Avaliación Ambiental e a directora xeral de Calidade Ambiental o incorporasen á súa resolución denegatoria asinada ás 19.58 horas da tarde deste luns e publicada este martes no Diario Oficial de Galicia.
Ao contrario que noutros parques, o informe negativo de Medio Rural é o único motivo de denegación, e nel apúntase a como pode afectar unha instalación así "ao nivel de tensión nos animais"
Ao contrario do que acontece noutros parques eólicos denegados, nos que as causas principais adoitan ser, en solitario ou conxuntamente, os impactos sobre a natureza ou o patrimonio cultural detectados polos departamentos da Xunta encargados de velar sobre eses eidos, neste caso a única causa esgrimida é o informe de Medio Rural.
Nel saliéntase a protección especial que a normativa europea dá á produción ecolóxica e como a implantación dun parque eólico nas proximidades da explotación “pode afectar ao nivel de tensión nos animais” por catro tipos de alteracións: “ruído de baixa frecuencia e parpadeo de sombras, infrasóns (onda sonora inaudible para os humanos debido á súa frecuencia extremadamente baixa, pero si para outros animais), campos magnéticos de frecuencia extremadamente baixa e radiacións electromagnéticas de alta frecuencia”. Cuestións que Medio Rural di que son de “aplicación tanto a Casa Grande de Xanceda como as outras granxas que colaboran de forma coordinada con ela”.
O informe de Medio Rural incide na “maior protección que debe darse” á produción ecolóxica e di que “para garantir o mantemento das condicións requiridas de benestar animal na produción ecolóxica da zona, pero especialmente da Casa Grande de Xanceda pola súa magnitude e extraordinariedade debe evitarse calquera influencia que poida conducir a efectos prexudiciais en todas as etapas da vida dos animais, o que non pode ser garantido coa instalación do parque eólico a algo máis de 1 quilómetro de distancia”.
Medio Rural tamén salienta o proxecto de ampliación da explotación declarado o pasado xoves como de interese autonómico “ao redor do cal xirarán todas as innovacións dixitais, tecnolóxicas e produtivas do sector lácteo ecolóxico galego e cuxo impacto positivo na concienciación da cidadanía e mesmo dos produtores do sector primario permite o fomento da produción ecolóxica e da comercialización dos seus produtos”. Por iso, a dirección xeral de Gandaría e Agricultura considera “prioritario” o desenvolvemento do proxecto de Casa Grande de Xanceda sobre os do sector eólico porque “redunda no beneficio de todo o sector primario da comarca, e mesmo de toda Galicia”. E non só no eido produtivo, xa que Medio Rural, sen ter competencias neses eidos, tamén cita as actividades “turísticas, culturais e de formación” que se desenvolven en Casa Grande de Xanceda como positivas para potenciar o rural.
Desde Casa Grande de Xanceda a resolución da Xunta é acollida con “satisfacción” por Victoria Armesto, socia e avogada da empresa, que lembra que “levamos desde 2017 tratando de facer entender, dedicando tempo e esforzo, por que consideramos que un proxecto eólico como este era incompatible cunha actividade agrogandeira como a nosa”.
Victoria Armesto, socia e avogada da empresa, amosa "satisfacción" pola decisión, que considera unha "magnífica noticia para o sector ecolóxico galego" ao primar esa actividade fronte á produción enerxética
Armesto di que, fronte aos impactos que tería o parque, desde Casa Grande de Xanceda “intentamos paliar os nosos impactos negativos xerando impactos positivos, con máis biodiversidade, bosques, proxectos paralelos á nosa actividade principal que é producir iogur e vendelo”.
A avogada considera relevante que o parque resulte invalidado “pola prioridade da actividade agroecolóxica” fronte “á política enerxética que se tenta impoñer” e considera a decisión unha “magnífica noticia para o sector ecolóxico galego”, pola aplicación que pode ter a resolución noutras explotacións ameazadas por eólicos máis alá de Casa Grande de Xanceda.