A Unión Europea ten marcado o obxectivo de que a principios da década vindeira, os anos 30, a cuarta parte da superficie agraria útil estea dedicada á produción ecolóxica. En Galicia este sector leva anos medrando, pero aínda é pequeno, apenas chega ao 5% da superficie agraria útil. Nas últimas semanas saltou aos titulares porque as axudas da Xunta destinadas a virar superficie agraria convencional en ecolóxica quedaron moi curtas: precisaría case 6 millóns de euros para responder todas as solicitudes, pero tiña reservados pouco máis de 3.
Semella que xa hai propósito de emenda para anos vindeiros, pero de momento o sector xa lanza unha alerta moi clara: hai unhas trescentas explotacións en risco. Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos explicar a importancia deste conflito e da propia agrogandaría ecolóxica.
Con Marcos Pérez Pena coñecemos a dimensión do sector e o importante volume de explotacións que ficaron fóra dunhas axudas que daban por seguras, co consecuente desequilibrio nas contas que en diversos eidos xa denunciaron o Sindicato Labrego Galego, o BNG e tamén unha plataforma de afectadas acabada e constituír. Unha das súas integrantes é a gandeira Ana Corredoira, Ana da Cernada, responsable dunha explotación de leite en ecolóxico na Ulloa, con quen falamos.
Ana Corredoira explica a importancia de que o Goberno galego emende estes fallos cara ao vindeiro ciclo da Política Agraria Común (PAC) da UE, de 2023 a 2027, pero tamén vai máis alá para falar de aspectos estruturais. Explica que as explotacións en ecolóxico asumen moitos compromisos e que a Administración, neste caso a Xunta, debera comprometerse tamén na mesma medida.
O asalto á fama de Feijóo
O segundo tramo do Fálase comeza coa sintonía do Supermartes, un dos emblemas da Televisión de Galicia no fraguismo, o programa concurso que tiña entre as súas probas o Asalto á fama, no que os concursantes tiñan que cantar unha canción e cando desafinaban, o esquelete Atilano tocaba a trompeta e eliminábaos.
Hai agora un pouco máis de dezasete anos, no outono de dous mil cinco, o actual líder estatal do PP e ex-presidente da Xunta tivo o seu particular asalto á fama. Daquela Alberto Núñez Feijóo era ex-xerente do Sergas, ex-presidente do Insalud, ex-presidente de Correos, ex-conselleiro, ex-vicepresidente da Xunta…. E tamén viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG no Parlamento de Galicia, onde os populares aínda estaban afacéndose a estar na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG.
Este era o panorama cando o 23 de novembro de dous mil cinco, cando o Goberno de esquerdas levaba apenas tres meses, os populares mandaron uns 200 cargos do partido a manifestarse ao Parlamento porque o novo conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG) suprimira algo máis de duascentas obras que o Goberno de Fraga aprobara en campaña para, por exemplo, construír piscinas e outras infraestruturas. A protesta acabara rachando o cordón policial e irrompendo o no recinto parlamentario. Feijóo, que estes días aproveita o asalto da extrema dereita aos poderes do Brasil para condenar mobilizacións pasadas da esquerda preto de parlamentos, acabara secundando aquela manifestación.
Ademais, neste trixésimo quinto episodio do Fálase abrimos unha nova xanela. Unha xanela para a reflexión, para a opinión da man de Rebeca Baceiredo, profesora, filósofa e escritora. Ao fío dunha das grandes polémicas mediáticas e internáuticas dos últimos días, o famoso tema de Shakira e Bizarrap, Rebeca Baceiredo déixanos unha reflexión baixo un título suxestivo… Big girls don’t cry: arte, moral e xénero.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.