Big girls don’t cry: arte, moral e xénero

Shakira, nun momento do vídeo da 'BZRP Music Sessions #53' © Bizarrap

No caso feminino, as sensacións de rexeitamento ou impotencia que puideron ser sublimadas foron consideradas tradicionalmente arte menor, creacións terapéuticas que en ningún caso representaban a condición ontolóxica dese universal humano tan manido

Nos anos 60 The four seasons cantaban aquilo de big girls don’t cry, no século XXI é normal que falen de cartos, porque, ademais da cultura trap, accedemos, con dificultade, a certo mercado laboral.

Reflexionaban as redes estes días se o despeito é lexítimo como punto de partida de calquera creación. Eu comezaría sinalando que o caso é ser capaz de facer arte a partir da dor ou da frustración ou do sentimento negativo que sexa. Ora ben, se no caso masculino ese tipo de emocións funcionaron, como se escribiu por aí, como motor da súa arte, e esa arte foi considerada dentro daquilo que se deu en chamar canon, no caso feminino, as sensacións de rexeitamento ou impotencia que puideron ser sublimadas foron consideradas tradicionalmente arte menor, creacións terapéuticas que en ningún caso representaban a condición ontolóxica dese universal humano tan manido.

Quizais non se trata de que non poda representarse aquilo que non sexa politicamente correcto, caendo en visións maniqueas do ben e o mal, senón de percorrer o ontolóxico

Por outra banda, á hora de pensar a relación entre a arte e a moral, pode ser conveniente, polo ben da arte, fracturar o vínculo, ou sofisticalo, polo menos: quizais non se trata de que non poda representarse aquilo que non sexa politicamente correcto, caendo en visións maniqueas do ben e o mal, senón de percorrer o ontolóxico. Mais, significa isto que na orde semiótica poda ser dito, validado ou lexitimado calquera sentimento? Non hai que negar emocións, haberá que comprendelas, e esa pode ser a función epistemolóxica e ontolóxica da actividade artística, chegando a unha resolución catártica ou manténdose nunha posición dialéctica, no conflito que precisaría fiar fino e non resolver casos coma nos procesos xudiciais.

Debemos seguir reducindo as feminidades ao deber ser? Seguimos actuando como policía da moral de cada muller, falando sobre se se axusta ao modelo moral que estea vixente? 

Nun terceiro punto, é común que se entenda a expresión de sentimentos de todo tipo como unha reacción á cultura burguesa, concretamente ao chamado feminismo burgués, que se concibe como esencialmente intelectual, como se a cultura fose propia, exclusiva da burguesía. Coma se fose o intelectual o que delimita o que pode ser, e non as arraigadas e emocionais estruturas do xuízo moral. Coma se fose burgués, por outro lado, todo o que non é lumpen, como se a produción de lumpen por parte do sistema fose algo a reivindicar. E coma se o intelectualismo moral, que é o do que se estaría falando, non fose xa enunciado por Sócrates a long time ago. Adoito insistir nos riscos de caer en posturas anti-intelectuais, sen matizar os usos da razón. 

Van seguir as masculinidades autorepresentándose como vítimas?

Para rematar rapidamente, un par de cuestións: Un, debemos seguir reducindo as feminidades ao deber ser? Seguimos actuando como policía da moral de cada muller, falando sobre se se axusta ao modelo moral que estea vixente? Dous, van seguir as masculinidades autorepresentándose como vítimas? Piqué reacciona ao tema e di: insúltame, coma sempre. Quero recordar que Piqué, e sobre isto tal vez debería versar algún artigo, quixo negociar co emérito Rei Juan Carlos a propósito de levar a Supercopa a Arabia Saudí, you know....

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.