A falta de previsión da Xunta na dotación de fondos para o pagamento de axudas á produción en ecolóxico provocou a exclusión de máis de 300 solicitudes de explotacións agrarias e gandeiras na convocatoria do ano 2022. O Goberno galego só reservou seus orzamentos 3,18 millóns de euros cando necesitaba 5,6 millóns para dar resposta a unha demanda crecente no rural galego. O erro deixou fóra moitas iniciativas que cumprían con todos os requisitos esixidos e que contaban con esta axuda para saír adiante nun ano moi difícil, ademais, marcado pola crise de prezos.
A Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico pide "que se tomen medidas, sexa a modo de indemnización ou como sexa" para achegar os 2,5 millóns de euros necesarios "para que ningunha solicitude sexa denegada a causa dos criterios de priorización"
O sucedido levou á constitución dunha plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico, que nas últimas semanas esixiu (xunto con SLG e BNG) da Consellaría de Medio Rural a adopción de medidas que solucionasen o problema creado, ao igual que compromisos para que o erro non se volva repetir nos vindeiros anos, tendo en conta que neste 2023 comeza un novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que chegará ata o 2027.
Todas as olladas estaban postas na xuntanza do Consello Agrario, celebrada este luns, no que os representantes do Goberno galego sentan con entidades representativas do sector. Porén, a reunión deixou a produtores e produtoras igual de descontentas, debido á negativa da Xunta a achegar os fondos necesarios para evitar a exclusión das axudas das máis de 300 solicitudes que ficaron fóra.
Na xuntanza, Medio Rural si se comprometeu a "incrementar os fondos destinados ás axudas á produción ecolóxica" para "atender todas as solicitudes que se presenten"
Na xuntanza, Medio Rural si se comprometeu a traballar para modificar o Plan Estratéxico da PAC "para incrementar os fondos destinados ás axudas á produción ecolóxica para o período de cinco anos que comeza neste mesmo ano 2023". O obxectivo, afirmou o conselleiro José González, é “fixar os criterios que permitan dotar cun colchón orzamentario suficiente para poder atender todas as solicitudes que se presenten na orde que se publique neste 2023”. Ademais, Medio Rural quere “ter os datos o máis afinados posible” en canto ás hectáreas declaradas en ecolóxico.
En cambio, non houbo compromisos por parte da Xunta para achegar novos fondos este ano
Porén, non houbo compromisos de cara a achegar novos fondos este ano. José González cualificou como “puntual” o ocorrido no 2022, e explicou que se tratou “dun tema derivado dun incremento extraordinario de superficie”, xa que se neste último ano se incorporaron 12.000 novas hectáreas de produción ecolóxica. Ademais, defendeu que no 2022 "a suba do orzamento para estas axudas foi do 60% respecto do ano 2021, polo que todos, tanto o sector como a Xunta, entendemos que había orzamento suficiente”, dixo.
Os produtores e produtoras si celebran o compromiso adquirido para cubrir todas as solicitudes de ecolóxico no período 2023-27. "Non esperábamos menos, para que poidamos ter tranquilidade e seguridade ó respecto, tanto nós como os consumidores de produtos ecolóxicos", di a plataforma
A Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico amósase moi crítica e pide "que se tomen medidas, sexa a modo de indemnización ou como sexa posible" para achegar os 2,5 millóns de euros necesarios "para que ningunha solicitude sexa denegada a causa dos criterios de priorización".
Os produtores e produtoras si celebran o compromiso adquirido para cubrir todas as solicitudes de ecolóxico no período 2023-27. "Non esperábamos menos e solicitamos que quede ben claro que será así, sen criterios de priorización, para que poidamos ter tranquilidade e seguridade ó respecto, tanto nós como os consumidores de produtos ecolóxicos", sinalan.
"A maioría das familias que traballamos en ecolóxico estamos a ver peligrar o noso futuro e o do noso entorno", conclúe a plataforma
A plataforma ten solicitadas reunións co Conselleiro de Medio Rural e o co Presidente da Xunta, así como cos representantes dos tres partidos políticos con representación no Parlamento Galego, xuntanzas nas que queren trasladar "a nosa preocupación polo sector primario ecolóxico e pola repercusión que poida ter a perda das axudas de ecolóxico tanto do 2022 como o que poida suceder de cara ao novo ciclo 2023-2027". "A maioría das familias que traballamos en ecolóxico estamos a ver peligrar o noso futuro e o do noso entorno", conclúe a plataforma.