As producións certificadas medran un 18% e achéganse xa aos 100 millóns de euros
As vendas dos produtos ecolóxicos galegos non deixan de medrar. O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou este luns a súa memoria anual, correspondente ao 2019, que recolle un incremento do 18% no volume de negocio das producións certificadas, que xa se achegan aos 100 millóns de euros anuais, situándose nos 92,8 millóns, fronte aos 78,7 do ano anterior.
O aumento está a ser especialmente forte nos últimos anos, pois o valor das vendas practicamente se duplicou dende o ano 2015 (33,3 millóns), momento no que se produciu o verdadeiro despegue dos produtos obtidos mediante criterios ecolóxicos e certificados por Craega.
“Aínda que houbo excepcións, case o 54% dos enquisados diminuíron a súa facturación por mor da pandemia", sinalou o presidente de Craega
O informe foi presentado no pazo de Quián (Boqueixón) polo presidente da entidade, Francisco López Valladares, que estivo acompañado polo conselleiro en funcións do Medio Rural, José González. A pesar dos bos datos do pasado ano 2019, López Valladares alertou dos efectos da crise provocada pola pandemia. “Aínda que houbo excepcións, case o 54% dos enquisados diminuíron a súa facturación por mor da pandemia. As vendas caeron de forma significativa: catro de cada dez reduciron as súas transaccións á metade ou incluso máis”, sinalou.
Neste senso, o presidente de Craega salientou que a crise do coronavirus "deu o empurrón definitivo á venda online no sector ecolóxico". O 89% dos enquisados non dispoñía deste servizo antes da pandemia, pero un 12,3% púxoo en marcha durante o estado de alarma. E agora, á vista do escenario actual, tres de cada dez teñen previsto activar a venda online a curto-medio prazo.
O 89% dos enquisados non dispoñía de venda online antes da pandemia, pero un 12,3% púxoo en marcha durante o estado de alarma
Lugo e Pontevedra seguen a ser as provincias con máis vendas de produtos ecolóxicos (33 e 26 millóns), por diante da Coruña (21) e Ourense (12), pero son estes dous os territorios que máis incrementan o o seu valor no último ano, no caso ourensán polo crecemento dos ovos, do aceite e da carne ecolóxica.
Aumenta tamén o número de operadores (empresas, cooperativas e particulares) de produción ecolóxica, que chegan xa a 1.182, duplicando as cifras que se rexistraban no comezo desta década. Lugo é a provincia cun maior número de operadores.
De igual xeito, a provincia lucense é a que reúne unha maior superficie certificada, con case a metade da superficie ecolóxica total en Galicia (33.736 hectáreas). A moita distancia sitúanse Ourense e Pontevedra. Tamén neste caso a superficie total mantén unha tendencia á alza dende hai anos, cun gran salto dende o ano 2014, cando sumaba pouco máis de 15 mil hectáreas.
Os que máis ingresos xeran son son o leite (32,9 millóns de euros), as carnes (15,7 millóns) -en particular a de ave-, e os ovos (6,3 millóns)
Por sectores, os que máis ingresos xeran son son o leite (32,9 millóns de euros), as carnes (15,7 millóns) -en particular a de ave-, e os ovos (6,3 millóns). As produción de froita son as que máis medraron no ano 2019 (84,2%), seguidas dos ovos (59,9%). Cómpre salientar tamén o avance de elaborados (39,5%), por exemplo, salteados de algas e vexetais ou preparados de tortas, "variedades que saen das industrias para satisfacer a demanda cada vez máis elevada deste tipo de produtos", destaca Craega.
O importante incremento xeral do volume de negocio produciuse a pesar de que as vendas de cereais caeron en case 23 millóns de euros "debido a que en 2019 non se rexistrou importación de terceiros países", sinala Craega. Tampouco foi un bo ano para a castaña. Integrada no concepto ‘bosque e recolleita’, e a súa facturación minguou ata un 43,08% por mor da escaseza de choivas.
Varios autobuses rotulados percorrerán as sete grandes cidades galegas co lema ‘Somos Semente’
Finalmente, na rolda de prensa que serviu para presentar o informe, López Valladares avanzou que a principios de agosto o Consello lanzará unha nova campaña publicitaria para dar a coñecer a marca Craega entre os consumidores. A partir da vindeira semana e ata o mes de setembro varios autobuses rotulados percorrerán as sete grandes cidades galegas con imaxes de diferentes produtos certificados e o lema ‘Somos Semente’.