A produción ecolóxica galega duplicouse dende o 2016 e xa factura 80 millóns de euros ao ano

Produción ecolóxica © CRAEGA

A produción ecolóxica galega segue batendo récords, cun ritmo de crecemento que se mantén e mesmo se incrementa ano tras ano. En 2018 as vendas dos produtos ecolóxios certificados aumentaron un 33,2% e chegaron aos 78,7 millóns de euros, segundo os datos que este luns fixo públicos o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Nos últimos dous anos o volume de negocio practicamente duplicouse (41,7 millóns en 2016) e as cifras multiplictáronse por seis na última década.

O leite e a carne avícola son os produtos certificados estrela, destacando especialmente o lácteo, cunha facturación que no 2018 superou aos 26 millóns de euros, cun crecemento de case 41 puntos. De feito, o 65% do leite ecolóxico consumido en España é de produción e certificación galega.

As conservas de peixe, pensos e alimentación animal, a acuicultura ou a algas tamén suman varios millóns de euros na súa facturación anual, o mesmo que os ovos, os viños e os produtos de horta.

Aumenta tamén o número de produtores e operadores e, igualmente, a superficie de terreo produtivo certificado. No último ano, o número de entidades e profesionais inscritos chegou a 1.152, oito puntos máis que en 2017 e máis do dobre que hai unha década. O ámbito cun maior número de produtores é o vexetal, cun 36% do total. De igual xeito, a superficie certificada polo CRAEGA tamén crece seis puntos e acada as 33.736,44 hectáreas, sendo Lugo a provincia con máis terreo en ecolóxico, o 49% do total.

O presidente de CRAEGA, Francisco López Valladares, celebrou os datos e salientou que "a agricultura ecolóxica chegou para quedar con nós”. Así mesmo, o secretario da entidade, Javier García Lozano, fixo fincapé no peso que van cobrando no conxunto do Consello os elaboradores (industrias e comercializadores), que xa representan o 25% dos inscritos. "O seu papel é fundamental para que o produto certificado chegue ao consumidor final", dixo.

CRAEGA recibiu esta fin de semana o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Isto é o que nos dicía hai uns meses o seu presidente nesta entrevista:  "Temos que ser capaces de chegar ás novas xeracións e convencelos de que non é necesario marchar de camareiros a Londres, de que no rural se pode vivir e hai moito futuro na produción ecolóxica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.