A empresa Xestión Agrogandeira e Natureza foi convidada o pasado 14 de xaneiro pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea a amosar nun seminario en Bruxelas o seu traballo de fomento da investigación e a innovación nas explotacións agrogandeiras galegas. O obxectivo deste encontro era presentar as futuras liñas europeas de financiamento da investigación, desenvolvemento e innovación para o medio rural, dentro do plan europeo de investigación Horizonte 2020. Asistiron uns cen expertos: responsables de centros de investigación, investigadores, directivos de entidades de desenvolvemento rural e agrario e executivos de centros de desenvolvemento de iniciativas empresariais. O xerente da empresa galega, Xan Pouliquen, explicoulles os métodos de difusión de técnicas máis respectuosas co medio ambiente e de fomento da produción ecolóxica, nunha conferencia titulada conferencia titulada “Como conectar a investigación e a práctica: un exemplo”.
Xestión Agrogandeira e Natureza naceu no seo do Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo e dende hai un ano realiza obradoiros e cursos, ao igual de labores de asesoramento e consultaría para poñer o "coñecemento ao servizo das explotacións agrogandeiras e da natureza", como destaca a súa web. Tamén leva a cabo investigación práctica e transferencia de tecnoloxía para as explotacións coas que traballa.
Como foi a experiencia de Bruxelas? Enténdela como un recoñecemento ao voso traballo?
Como un recoñecemento ao noso labor, clarisismamente. Bruxelas quere que a investigación en agricultura permita unha real implicación dos produtores no deseño do que se debe investigar para a agricultura, e isto é o que estabamos supostos a mostrar. Polos agradecementos posteriores dos organizadores, entendo que o noso traballo vai totalmente na liña do que queren fomentar.
"Aínda se fala máis da agricultura ecolóxica do que se fai"
En Galicia está aínda desaproveitado o potencial da agricultura e a gandaría ecolóxica?
Segue habendo un atraso moi importante no desenvolvemento, aínda que, por fin, empezamos un certo despegue, basicamente en horta e industria artesá. Por mor da crise: a xente volve ao campo, e cando volve é para ecolóxico. Hai movemento para que se desenvolva esta produción, pero non existe estratexia de país para facelo, como, do mesmo xeito, estase a menosprezar o papel da produción agraria en tanto como creadora de valor. Polo tanto, aínda se fala máis da agricultura ecolóxica do que se fai.
"A maioría dos produtores convencionais e das persoas que os asesoran (técnicos, pero sobre todo comerciais), seguen a pensar que esta produción non serve"
Están a mudar as conciencias (de produtores e consumidores) sobre os produtos ecolóxicos?
De consumidores, si. Con 15 ou 20 anos de atraso sobre Europa, coma sempre, pero empeza un certo aumento de consumo e tamén de produción. En canto ao sector produtor, non está tan claro. A maioría dos produtores convencionais e das persoas que os asesoran (técnicos, pero sobre todo comerciais), seguen a pensar que esta produción non serve.
"Levamos tres anos mostrando que os resultados económicos das explotacións de leite ecolóxicas son cando menos tan bos coma os das explotacións intensivas"
É rendible a produción de leite ecolóxico?
Si que o é. Levamos tres anos (a ver como sae este cuarto) mostrando que os resultados económicos das explotacións de leite ecolóxicas son cando menos tan bos coma os das explotacións intensivas. Todo é unha cuestión de como se traballa: hai quen traballa ben en ecolóxico e quen traballa ben en convencional, e quen o fai mal tanto en ecolóxico como convencional. Agora ben, en contextos de prezos de alimentación animal altos e prezos de leite baixos, os ecolóxicos saen mellor parados. Tamén hai que contar que dependen moito menos da evolución de prezos fixados fóra da explotación. Son máis independentes, vaia.
"A Administración neste intre enche a boca de apoio á agricultura en xeral, cando está deixando o sector cada vez máis abandonado"
As administracións apoian a produción ecolóxica ou deberían facer un esforzo maior?
A Administración neste intre enche a boca de apoio á agricultura en xeral, cando está deixando o sector cada vez máis abandonado. A produción ecolóxica vai na mesma dirección: de cando en vez a Administración fala dela, pero non ten nin máis nin menos interese nela.
"Non existe suficiente conexión entre investigación e práctica agraria, en ambos sensos, polo que non se difunden ben os resultados da investigación, nin se investiga ben o que é necesario"
Da mesma maneira, labregos e gandeiros aproveitan como se debería todas as posibilidades técnicas e froito da investigación que están ao seu dispor?
A verdade é que non hai ao seu dispor moito froito da investigación, e precisamente para isto é a nova formulación que pretende fomentar Bruxelas na súa nova política de investigación. Non existe suficiente conexión entre investigación e práctica agraria, en ambos sensos, polo que non se difunden ben os resultados da investigación, nin se investiga ben o que é necesario. Ao final, a innovación no campo esta a vir da man das empresas comerciais, que, evidentemente, non o fan en beneficio do labrego, senón das súas vendas. Por iso era importante que puideramos presentar o noso traballo, onde tentamos ser un intermediario entre investigadores e produtores.
"A liña de transferencia tecnolóxica iniciada polo BNG na consellería do Medio Rural foi un exemplo excelente de como favorecer proxectos, pequenos, de demostración e investigación"
De que forma se podería levar a técnica ás explotacións e conectar investigadores e produtores, como dis?
E o núcleo do que presentamos alí. O como precisa de cartos, que é o que quer facer agora Bruxelas con este novo enfoque, precisamente. Explicar todo sería moi longo, pero, basicamente, o que temos que facer é conectar ambas partes, e dinamizar o sector agrario para que poida expresar as súas necesidades (e non as da cooperativa, do sindicato ou da empresa). Precísanse interfaces que fagan este traballo. Estes, somos nosoutros: conectando investigación e produtores, traducindo idiomas (que non falan a mesma linguaxe) nos dous sentidos, e tentando xuntar intereses. A liña de transferencia tecnolóxica iniciada polo BNG na consellería do medio rural foi un exemplo excelente de como favorecer proxectos, pequenos, de demostración e investigación. Precisase moita investigación e demostración en campo, en condicións reais. E difundir isto con visitas e actividades de grupo.