Dende que abandonou a presidencia da Xunta para liderar o PP como remuda de Pablo Casado, Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo de asesores veñen reciclando boa parte das estratexias de oposición que xa puxeran en práctica en Galicia contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Dende as esixencias de dimisións de membros do socio minoritario do goberno ata acusacións de suposto desbalde, campañas contra o "gasto político", cuestionamento da lexitimidade de quen goberna ou caricaturización da situación política e social como unha emerxencia sen precedentes por mor das políticas da esquerda.
Como xa fixera no pasado, o ex-presidente dá en equiparar mobilizacións ante Cámaras lexislativas con irrupcións violentas nelas, agora aproveitando o acontecido no Brasil
Esta dinámica ten nalgunhas ocasións base real -caso das reducións de condenas ratificadas por algúns tribunais en aplicación da nova lei de liberdade sexual-, mentres que noutras o ex-presidente e a súa contorna optan por botar man dalgunha referencia máis forzada para adaptala ao seu argumentario. É o que sucede nos últimos días co asalto bolsonarista aos poderes do Brasil, no que partidarios do derrotado mandatario ultradereitista pretendían alentar un golpe de estado contra o presidente Lula da Silva poucos días despois da súa toma de posesión.
Dende pouco despois do inicio das accións violentas en Brasília, cargos conservadores procuraron ligar o acontecido co Goberno do PSOE e Unidas Podemos. Xa for para afirmaren que o acontecido carecería de castigo en España por mor da reforma do delito de sedición -malia non corresponderse coa realidade- ou para equiparáreno con mobilizacións como a denominada Rodea el Congreso, que a plataforma 'Coordinadora 25S' convocara en 2016 cadrando coa segunda votación da investidura de Mariano Rajoy.
En novembro de 2005 o PP enviou uns 200 cargos a manifestarse contra o Goberno de PSdeG e BNG no Pazo do Hórreo pola cancelación dunhas obras que Fraga aprobara en campaña. A comitiva rompera o cordón policial e irrompera no recinto parlamentario
Esa equiparación entre manifestacións próximas a parlamentos e irrupcións violentas nos mesmos xa a realizara o PP en Madrid e en Galicia no pasado e o propio Feijóo botou man dela este martes. Durante un almorzo informativo organizado polo xornal ABC, considerou que "hai que tipificar o referendo como delito ilegal para evitar males maiores como os que aconteceron no Brasil ou no Capitolio" dos EUA, pero tamén "como algunhas manifestacións que vimos en España que ten a xente na memoria, como é unha manifestación no Congreso mentres un presidente que gañou as eleccións toma posesión".
Como noutras ocasións, esa apelación á memoria non incluíu a ocasión na que foi o propio Feijóo quen secundou unha mobilización nun Parlamento. Unha mobilización que transcorrera no Parlamento de Galicia, ante a súa sede, mais tamén no interior do recinto parlamentario. Iso foi o que aconteceu en novembro de 2005, cando transcorreran apenas tres meses dende que o PP tivera que abandonar a Xunta pola chegada do Goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, investido pola maioría absoluta que sumaran PSdeG e BNG nas eleccións do 19 de xuño daquel ano.
Foi, concretamente, o 23 de novembro de 2005 cando o PP aínda liderado por Manuel Fraga e con Feijóo como número dous do seu grupo na Cámara enviara uns 200 cargos do partido a manifestarse ante o Pazo do Hórreo para protestar pola suspensión de 247 obras da Consellería do Medio Rural que o Executivo do PP comezara a tramitar durante a campaña electoral. O PP acreditara unha corentena de alcaldes dos concellos atinxidos para seguir o debate ao respecto que se ía producir no pleno, pero acudiran acompañados por máis dun cento de correlixionarios en manifestación que, tal e como recolleu daquela o xornal El País, premeron no cordón policial que blindaba o Pazo do Hórreo ata lograren traspasalo.
Feijóo, na altura 'número dous' do grupo do PP, permanecera inicialmente na sesión. Pero tras un tirapuxa dialéctico coa daquela presidenta da Cámara, abandonou o pleno, secundou os manifestantes e tomou a pancarta
Xa dentro do recinto parlamentario, pero sen entrar no edificio, despregaran pancartas e corearan consignas contra o presidente Touriño (PSdeG) e o conselleiro Alfredo Suárez Canal (BNG). Mentres, no pleno, a daquela presidenta Dolores Villarino (PSdeG) alertara de que "por primeira vez" se "permitira entrar unha manifestación dentro do recinto do Parlamento para coaccionar e presionar os deputados". "Se hai algún deputado ou deputada que crea que iso é contribuír á democracia (...), pídolle que abandone o hemiciclo", retara Villarino, tal e como ficou reflectido no Diario de Sesións.
Ao tenso convite da presidenta do lexislativo responderan marchando da sesión todos os membros do PP agás o que tiña que debater con Suárez Canal -Roberto Castro-, o propio Feijóo e o outro voceiro adxunto, José Manuel Barreiro. O ex-presidente e agora líder estatal do seu partido, non obstante, si marcharía minutos despois, cando Villarino advertiu de que a "falta de respecto á institución" por parte dos conservadores "ao que máis me recorda é ao 23F".
"Vostede uniu o meu nome ao 23 de febreiro e non o consinto (...). Nin somos fascistas nin temos nada que ver co 23 de febreiro. E para demostrarllo, nós democraticamente abandonamos este pleno", concluíra Feijóo. Acto seguido, saíu e tomou a pancarta xunto aos seus compañeiros de partido, como amosa a imaxe publicada despois por El País. Previamente, o deputado popular que interviñera na sesión, Roberto Castro, lanzara ao conselleiro nacionalista unha elocuente advertencia: "Vostede non coñece aínda ben a xente indignada, cando o está realmente, neste país noso. Corre vostede o risco de non poder aparecer institucionalmente".