O 25 de setembro de 2012 varios milleiros de persoas manifestáronse no centro de Madrid baixo o lema Rodea el Congreso no marco das protestas contra os paquetes de recortes do Goberno de Mariano Rajoy. En previsión dun eventual éxito da convocatoria o PP equiparara aquela mobilización co intento de golpe de Estado do 23-F porque, considerara a daquela secretaria xeral do partido, María Dolores de Cospedal, arrodear a sede do lexislativo é tanto como "ocupar o Parlamento" e "contrariar a vontade popular".
Catro anos despois, en outubro de 2016, a mesma plataforma volveu saír ás rúas para rexeitar a segunda investidura de Mariano Rajoy e o PP, por boca do seu vicesecretario Javier Maroto, considerara que quen apoiase esta protesta tiña "un problema coas urnas". Ao seu xuízo, pretendían "substituír" o foro parlamentario "polos berros da rúa" e "camuflar" con "berros" que a esquerda non lograra maior representación nas eleccións. Esas mesmas acusacións replicáraas o PP galego, que na altura preparaba a terceira investidura de Alberto Núñez Feijóo.
O líder do PP de Poio asegura que coa súa mobilización contra o goberno local, que lidera o BNG, "non buscamos, como ocorreu con Rodea o Congreso, xerar crispación" porque vai ser un acto "construtivo e festivo"
Máis de dous anos despois daquela última mobilización quen chama a arrodear a sede dunha institución pública é o PP. Faino en Poio, consistorio gobernado polo BNG (7 edís nas eleccións, 6 na actualidade tras a marcha dunha concelleira) en coalición co PSdeG (3), mentres que os populares contan cos 7 restantes tras obteren nas eleccións de 2015 como segunda forza máis votada. Antes, en 2011, tamén foran segunda forza con 7 concelleiros fronte a 8 do Bloque e 2 socialistas.
O líder do PP neste concello, tamén voceiro do partido na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, presentou este luns a mobilización impulsada para o 20 de xaneiro polo seu partido, que na provincia preside Alfonso Rueda. Diante dos esperables paralelismos entre a súa protesta e a equipada co golpismo polo propio PP, Moldes asegura que "non buscamos, como ocorreu con Rodea o Congreso ou outras institucións", xerar "crispación ou algunha problemática ou que se produzan cargas policiais". Por iso é en domingo, mantivo en declaracións que recolle Pontevedra Viva.
O obxectivo da mobilización é, segundo o PP, amosar o seu desacordo cos impostos do Concello, que o BNG goberna dende 1995
Mentres dende a dirección central do partido se recorre frecuentemente á presenza de nenas e nenos en mobilizacións para criticar un suposto "adoutrinamento" en lugares como Catalunya, o PP de Poio asegura que, como o seu Rodea o Concello de Poio vai ser "construtivo e festivo", animan a que "veñan as familias, con maiores e pequenos". Ademais, manteñen, non van "interromper a funcionarios, nin nada", ao non ser día laborable.
O motivo da mobilización, aseguran, é expresar o desacordo "con todos os impostos" regulados polo goberno local que encabeza o nacionalista Luciano Sobral dende 1995, e en concreto con tributos como o prezo da auga ou as taxas de vaos. Será, dalgún xeito, "un resumo de todas as reivindicacións" do PP durante o mandato municipal. Para convocar a manifestación xa están a distribuír carteis co lema Rodea o Concello de Poio! e a espallar a convocatoria nas redes sociais.
Na Deputación de Pontevedra e no Parlamento
En 2016 os populares organizaron un peche simbólico na Deputación de Pontevedra contra a distribución de fondos da institución entre os concellos
Non é a primeira vez, así e todo, que o PP galego adopta na oposición xeitos de protesta que critica con dureza dende o Goberno. É o que sucedeu nos últimos anos na propia provincia de Pontevedra. Así, por exemplo, o pasado 2016 a dirección que encabeza Alfonso Rueda enviou unha trintena de alcaldes á sede da Deputación provincial para, cunha sentada simbólica no salón de plenos, rexeitaren o novo modelo de distribución de fondos entre municipios promovido polo goberno de PSdeG e BNG.
Algo semellante aconteceu no ano 2005 no Parlamento galego. Daquela, pouco despois de perder o poder na Xunta, uns 200 cargos do PPdeG protagonizaron unha tensa manifestación no Parlamento contra o Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas por anular 247 obras en concellos rurais que o Executivo de Manuel Fraga aprobara poucos días antes das eleccións nas que acabaría perdendo a maioría absoluta. Anos despois, xa no poder, Feijóo considerou unha "violación da democracia" manifestacións no Parlamento como as dos afectados polas preferentes en 2012.