O 25 de novembro de 2005 o Goberno da coalición de PSdeG e BNG na Xunta levaba pouco máis de tres meses exercendo as súas funcións. Unha das primeiras decisións da Consellería do Medio Rural, dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, foi a suspensión de 247 obras en pequenos concellos aprobadas polo Goberno de Manuel Fraga nos días previos ás eleccións nas que acabou perdendo a maioría absoluta. Os proxectos, lanzados ao abeiro dun plan de infraestruturas rurais, combinaban obras agrarias con outras como piscinas ou traballos previos á construción de campos de golf e a Xunta decidira frealos pola súa "dubidosa operatividade", ademais de por ser "tecnicamente imposibles" de executar naquel ano. Ante aquela decisión o PPdeG organizando a súa primeira gran protesta dende a oposición, enviando os alcaldes aos que Fraga lles concedera as obras a protestar ao Parlamento. Aquel episodio, en versión reducida, vén de se reproducir na Deputación de Pontevedra.
Aquela manifestación duns 200 rexedores e cargos conservadores, recollida na altura polo diario El País, producírase en pleno debate da sucesión de Fraga, isto é, durante os meses nos que o ex-presidente compartía protagonismo parlamentario con dous dos dirixentes que aspiraban ao seu posto: José Manuel Barreiro e Alberto Núñez Feijóo. Cando Feijóo e Barreiro abandonaron o hemiciclo e acudiron ao exterior do Pazo do Hórreo para colleren a pancarta e encabezaren a protesta xa se viviran no recinto momentos de forte tensión: empurróns aos policías que custodiaban o edificio, berros de "non nos moverán" e intentos de entrar pola forza á sede da Cámara despois de que a presidenta, a socialista Dolores Villarino, impedira, por mor da propia protesta, a entrada da corentena de alcaldes acreditados para seguir a comparecencia de Suárez Canal.
En novembro de 2005 uns 200 alcaldes e cargos do PP manifestáronse no Parlamento pola cancelación dun plan de obras
A protesta dos alcaldes para esixir as obras, cuxo importe superaba os 30 millóns de euros -moitas delas acabáronse executando con cargo a outros plans, con excepción das que non tiñan relación directa co desenvolvemento rural- foi o primeiro e un dos máis pirotécnicos episodios da estratexia de oposición ao bipartito por parte dun PPdeG que apenas dous meses despois xa tivo á fronte a Feijóo e, xunto a el, a Alfonso Rueda como secretario xeral. Máis dunha década despois daquel episodio o agora vicepresidente da Xunta é tamén presidente provincial do PP en Pontevedra, formación que o pasado martes enviou os seus alcaldes á sede da Deputación pontevedresa para, como os seus compañeiros de partido en 2005, declararse discriminados polas asignacións de obras e fondos do goberno que dirixe a socialista Carmela Silva en coalición co Bloque e esixir unha xuntanza coa presidenta.
Os populares veñen de enviar unha trintena de rexedores á Deputación pontevedresa para protestar polo reparto de fondos aos municipios
O papel que daquela xogaba o controvertido plan de obras xógano agora as asignacións económicas que a entidade provincial ten que distribuír entre os municipios da provincia. Despois da primeira edición do plan, que segundo o goberno de socialistas e nacionalistas deu acabado co "caciquismo" da etapa de Rafael Louzán, os alcaldes populares din sentirse marxinados e, aseguran, foron en comitiva ata o pazo provincial porque non son atendidos pola presidenta por outras vías. "Non vimos aquí para saudala, nin por pasear, nin a preguntarlle como lle vai a vida", senón a "falar do reparto de fondos para o próximo ano", afirmou no nome dos alcaldes o rexedor de Rodeiro, Luis López, acompañado pola voceira do grupo provincial e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen afirma ademais que o gabinete de Silva lles transmitiu "que non os vai atender nin agora nin nunca", di o PP nun comunicado.
O goberno da entidade ve a protesta "un ataque á democracia" e responsabiliza a Rueda
A escenificación da protesta, cos alcaldes e cargos populares sentados no salón de plenos da Deputación, foi retrucada dende o goberno por parte do deputado de Réxime Interno, o edil vigués Carlos López Font. O PP, di o socialista, "está centrado en organizar verbenas, porque lle gusta moito o chotis", e acusa a Rueda de ser "o verdadeiro ideólogo" do que define como "escrache en toda regra", unha "acción intimidatoria e abusiva" que "converte o PP e o propio Rueda nun antisistema, algo que non se pode tolerar". Segundo López Font o acontecido é "un verdadeiro ataque á democracia" que "amosa a forma de facer política do PP e do señor Rueda, brazo armado de Feijóo na provincia".