Ana G. Liste

Unha ducia de escritoras que recomendan lecturas para o Nadal

O Nadal é tempo de agasallos, para outras persoas e para nós mesmas, ademais de que coas vacacións sempre hai máis tempo para ler. Por iso, Praza contactou cunha ducia de escritoras e escritores para que nos recomenden algunhas lecturas. Antía Otero, Chus Pato, María Villamarín, Diego Ameixeiras, María do Cebreiro, Ismael Ramos, Oriana Méndez, Antía Yáñez, Arancha Nogueira, Isaac Xubín, Cecilia F. Santomé e Alberto Mancebo comparten un libro coa única condición de que se poida ler en galego.

  1. 01

    Diego Ameixeiras recomenda 'Poesía reunida', de X.L. Méndez Ferrín

    Sendo unha figura central da nosa literatura, un clásico vivo, sempre é aconsellable insistir na lectura atenta da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín. A recente edición de Poesía reunida (Xerais), a cargo de Anxo Angueira, permite un achegamento completo á súa produción poética. Así se dirixía aos seus lectores futuros, hai agora case vinte e cinco anos: ‘Para que ti existas como eu quero / todo pende en nosoutros’.

  2. 02

    María Villamarín escolle 'Tempo tardade', de Raquel Miragaia

    Branca, a protagonista de Tempo Tardade (Através), realiza nesta novela dúas viaxes. O primeiro é a volta a súa casa familiar en Tardade, a súa aldea natal, agora baleira despois do falecemento da súa nai. E o segundo é unha viaxe interior e ao pasado, cheo de recordos de cando era nena, preguntas, silencios e unha maleta chea de cartas dun tío emigrado a Bos Aires. Esta premisa sírvelle a Raquel Miragaia para abordar diferentes ideas e conflitos como a importancia da memoria, as fisuras emocionais producidas polo transitar entre o campo e a cidade ou a reivindicación dun retrato do mundo rural afastado de visións románticas e tópicas.

  3. 03

    Ismael Ramos opta por 'Cousas pequenas coma estas', de Claire Keegan

    Recomendo Cousas pequenas coma estas de Claire Keegan (Rodolfo e Priscila, trad. de Isaac Xubín).

    É un dos mellores libros que lin nos últimos anos. En menos de 100 páxinas, Keegan crea unha personaxe, Bill Furlong, que podería representar a calquera persoa honrada. Lévanos canda el nunha xornada de traballo (un día de inverno, Irlanda, anos 80, repartindo leña e carbón) e, sen querer nin buscalo, fainos bater de fuciños coa Historia con maiúscula e os seus abusos. Esta novela pon sobre a mesa unha cuestión fundamental: pode un calquera rachar coa inxustiza e a violencia de toda unha institución, dun país enteiro, dunha parte da súa historia? Ou énos sempre mellor agochar a cabeza, esquivar a mirada e seguir camiñando coma se nada pasase? Non se me ocorre pregunta máis importante para a Galicia de hoxe.

  4. 04

    María do Cebreiro recomenda 'Enciclopedia perplexidade', de Antón Reixa

    Recomendo para este Nadal o libro de Antón Reixa Enciclopedia perplexidade (escolma poética 1976-2023) (Kalandraka), con limiar e edición de Xabier Cordal. Do mesmo xeito que o Walter Benjamin hoxe reivindicado como filósofo, sociólogo e teórico cultural sempre se pensou a si mesmo como crítico de poesía, Antón Reixa sempre se concibiu ante todo como poeta. Este é o punto de partida dunha moi persoal escolma da que Cordal é, para fortuna dos dous, tan autor como Reixa.

  5. 05

    Arancha Nogueira propón 'Ser Cetáceo', de Francisco X. Fernández Naval

    Recomendaría Ser cetáceo (Bululú) de Francisco X. Fernández Naval a case todo o mundo porque ten dun libro moito do que eu busco na literatura: aprendizaxe, boa escrita e unha húmida sensación de conforto despois da lectura. É esta unha viaxe por un continente abisal, que é tanto o das baleas como o da xeografía emocional do seu autor. Un volume grande como un cachalote que reúne investigacións de anos que son tamén anécdotas tenrísimas, entrevistas sorprendentes e un inmenso amor por esa forma de vida que nos é tan descoñecida e tan próxima. Non sabería dicir exactamente a que xénero pertence, e iso, por suposto, tamén me gusta.

  6. 06

    Alberto Mancebo aposta por 'Contos Gringos', de Lara Dopazo Ruibal

    Contos gringos (Galaxia) de Lara Dopazo é meter o pé nas experiencias da escritora durante a unha estadía en lowa durante dous anos; empaparse de historias vibrantes que se teceron a partir das súas vivencias e que resultan para o lector estrañamente alleas e achegadas á vez. Dopazo logra un equilibro perfecto entre o crible e o inverosímil que nos acompaña páxina tras páxina.

  7. 07

    Chus Pato recomenda 'Resistencia da auga', de Xabier Cordal

    Neste libro Resistencia da auga toda a linguaxe se dirixe ao anterior. Poucos poemas resisten a viaxe

    "Temes as aves / porque son máis antigas que os teus ollos"
    Xabier Cordal

  8. 08

    Oriana Méndez escolle 'Tempo de ría', de Xohana Torres

    Recomendo Tempo de ría, de Xohana Torres, un poemario breve en páxinas e inmenso en canto a potencia creadora. É certo que o verso que pecha o libro —esa Penélope que di EU TAMÉN NAVEGAR— converteuse nun emblema, mais a voz singular de Xohana Torres, brillante e escura asemade, merece unha lectura demorada. Este libro, que conecta a nosa ría coa de Ferrol, é unha travesía única.

  9. 09

    Antía Otero selecciona 'O valo de Manselle', de Anxo Angueira

    Escollo O valo de Manselle de Anxo Angueira porque é unha obra imprescindible coa que afrontar calquera desafío tendo en conta a unión e a forza do colectivo. Un libro de libros, máis actual ca nunca, onde descubrir o poder da vontade comunal. Un clásico contemporáneo que contén poemas excelsos como O liño de María. Toda a beleza da flor azul.

  10. 10

    Isaac Xubín aposta por 'Antón e os inocentes', de X.L. Méndez Ferrín

    Antón e os inocentes (Xerais). Porque me lembra a miña amorosa iniciación, as primeiras certezas adolescentes, e tráeme á lembranza aquel que fun cando o lin por vez primeira. Hai libros que son amigos meus pero ás veces cando volvo a eles conseguen sorprenderme, coma min, vaia, que parece que volvo a Galicia cando teño algo que dicir. Non sei se son eles os que me seguen dun país ao outro ou máis ben eu que, de forma inconsciente, teimo por converterme en personaxe secundaria por entre as liñas, visitando os marcos en que inscriben as súas tramas. Paréceme correcta e pertinente, mestre, a presenza de Dien-Bien-Phu e Vilanova dos Infantes, que apareza Trintxerpe tan rapaz e encarnizadamente, Bantri, Galvai, Castretón,... e Vigo, claro, Vigo, moito Vigo.

  11. 11

    Cecilia F. Santomé opta por 'Conto ao carón do río', de Oihane Amantegi

    Conto ao carón do río, Oihane Amantegi (Rodolfo e Priscila, 2022).
    Velaquí a historia dun buraco. O que deixou no corazón dunha familia a morte dunha das xemelgas que agardaba. O que a supervivente escavou no peito con forma de colmea para protexer a súa memoria e levala sempre canda a ela. E sabe a mel, doce coma a música que desprende o texto. Unha novela dunha tenrura infinita fiada por unha nena sabia.

  12. 12

    Antía Yáñez escolle 'A raíña de Turnedó', de Gloria Sánchez

    Recomendo A raíña de Turnedó, de Gloria Sánchez. A miña versión* é de 1999 de Xerais, pero está reeditado en 2014 por Kalandraka. É un libro que non pasa de moda e escólloo porque recentemente fun á "Contada" do CEE Infanta Elena e causou furor. É poesía para ler en alto e pasalo ben, e dentro de pouco lereillo tamén á miña filla. Gloria Sánchez recibiu este ano o galardón Socia de Honra de Gálix pola súa traxectoria. Os seus libros deberían ser inmortais.

    *Antía Yáñez gañou o seu exemplar do libro como premio no certame infantil Entre nós, en galego do ano 99 e gustoulle tanto que o aprendeu de memoria para poder recitalo.