María do Cebreiro achéganos ao seu ensaio 'Maternidades virtuosas' onde a crítica aos modelos neoliberais de crianza non está exenta do humor, e mesmo da poesía, acompañando unha análise da sociedade actual desde o prisma de ser nai. Un libro no que pretendeu "falar desde o rigor a favor da maternidade"
Un dos mellores acontecementos que pode suceder ao redor dun libro é que sexa compartido, como está a suceder con Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza (Editorial Galaxia) de María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976). Este ensaio que deixa clara a súa vontade crítica, recompila as teorías e visións que determinan, dalgunha maneira, o feito de ser nai hoxe. A maternidade, ou precisamente a decisión de non seguir ese camiño, debátese neste texto ensaístico e mais noutros exemplos recentes da literatura galega como a novela Os seres queridos (Xerais) de Berta Dávila ou o poemario Materia (Xerais) de Yolanda Castaño. María do Cebreiro, poeta e ensaísta, di que non contaba escribir este libro, co que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, e que dedica á súa primeira filla.
Por que decide xogar coa ironía no título?
Eu creo que o humor é un recurso non demasiado explorado no pensamento crítico pero moi valioso. De feito, creo que na totalidade do libro o é. Quizais non a ironía e o sarcasmo, que si se ven no título, pero si outros tipos de humor, a parodia, para buscar a complicidade dos lectores a través deses guiños porque creo que o libro lle pedía bastante aos lectores a nivel de uso dun determinado aparato conceptual, dunha tentativa de rigor analítico... Entón, eu quería que ese modelo de crítica que está moi presente ao longo de todo o ensaio, ao mesmo tempo se vira acompañado desa outra lixeireza que son como cambios de ton, que diría que axudan tamén a facer máis amena a lectura e a non plantealo todo desde o enfado. Porque a nosa época tende moito a iso, dá a sensación de que todo o mundo está enfadado todo o tempo. Para min o sorriso é totalmente compatible coa filosofía, co pensamento, aínda que moitas veces non se vexa así.
"Creo que para moitas mulleres seren nais é como un brinde ao futuro, un amor ao que a vida pode chegar a ser, máis alá do que o mundo é"
Avanza no limiar por que apostou polo ensaio en lugar da auto-ficción para abordar a maternidade e coa lectura do libro parece que en gran medida foi para fuxir deses “excesos retóricos do sentimentalismo” que tamén apunta.
Totalmente. Penso que no libro hai dúas dimensións: unha de crítica aos modelos maternofiliais no neoliberalismo impostos un pouco por esta sociedade de consumo, que é realmente o núcleo duro, pero logo hai outro tipo de reflexións que son máis poéticas e máis a futuro porque a min tamén me preocupaba moito escribir unha crítica na que non houbera esperanza. Eu penso que cando un fai unha crítica tamén está case obrigado –ou invitado, polo menos– a propoñer outro mundo posible, creo moito niso e dende que son nai, máis. Creo que para moitas mulleres seren nais é como un brinde ao futuro, un amor ao que a vida pode chegar a ser, máis alá do que o mundo é; case como unha tensión entre o mundo e a vida. Unha amiga miña que non é nai dicíame que non sabía por que traemos fillos ao mundo e eu contesteille: traémolos á vida, non os traemos ao mundo. Se os quixésemos traer ao mundo non os quereríamos traer porque non somos parvos ninguén, sabemos como son as cousas, pero ao final no desexo maternal hai un elemento tamén de confianza e esperanza.
Entón, esa outra dimensión do libro, a máis esperanzada, expresouse dunha maneira máis poética e menos analítica e, polo tanto, máis confesional. Pero, dado que creo que no libro predomina máis a parte analítica, creo que é así porque faltaba. Eu creo que faltaba un discurso sobre a maternidade a favor da maternidade, non en contra, feito dunha maneira rigorosa e analítica, case científica en certo sentido. É certo que nos últimos hai tanto moitos libros celebratorios da maternidade escritos dunha maneira máis confesional, moitos deles feministas e moi interesantes; como tamén hai moitos libros científicos e académicos cuestionadores da maternidade. Quixen buscar un xeito de falar desde o rigor a favor da maternidade. Por suposto, en contra de moitas realidades que a rodean, pero a favor dese compromiso coa vida que implica a maternidade.
"A maternidade foi un campo de probas para unha exploración case sociolóxica na que atopei moitos indicios para entender en que tipo de sociedade estamos"
No libro dálle voltas a que existe un “xiro discursivo” sobre a maternidade, relacionado intimamente co sistema capitalista no que vivimos, onde entran tamén as redes sociais. Cando decide se quere formar parte dese “xiro discursivo” ou non e como o enfoca para poder contalo?
Eu vía que había unha produción verbal extensísima pouco coidadosa coas palabras e coa propia vida. Pensaba que un fenómeno como o da maternidade, que é tan marabilloso, que nos transforma tantísimo e que moitas das que o habitamos xa non concibimos a nosa vida sen ser nais, como vén acompañado de tan mala produción discursiva? Hai moito lixo e molestábame pola súa carga ideolóxica, non é unha cuestión elitista de valor –hai literatura boa e literatura mala– senón de lixo mental. Un lixo ideolóxico que contamina moito a percepción que a xente ten dese proceso, e que o contaminan dun xeito moi tendencioso para meter medo, asustar, manipular... Ou ao mellor sen ningunha desas intencións, pero o resultado é moi pobre como debate e como produción intelectual. Falo en xeral, pois eu tamén saquei cousas moi valiosas dos foros de nais e de pais, por iso tamén me metín.
Utilicei a maternidade para pensar sobre certas tendencias discursivas do noso mundo. Creo que isto non é privativo da maternidade, o que pasa é que isto é unha experiencia tan forte e que afecta a tantas persoas dunha maneira tan intensa que todo se ve moi potenciado. Para min foi un campo de probas para unha exploración case sociolóxica na que era investigadora e participante, e na que atopei moitos indicios para entender en que tipo de sociedade estamos e o xeito tan pouco amoroso e sensible no que usamos ás veces as palabras. Porque as palabras poden servir para unirnos, pero tamén para censurar, para xulgar, para meter medo...
Menciona no libro unha frase que chama moito a atención: “Eu criei aos meus fillos por internet”.
Foi unha frase que escoite de primeira man a unha persoa que pasara por uns embarazos e díxoo así. É un fenómeno moi emerxente, a idea das novas crianzas, de que son os dispositivos de chats ou de blogs os que che soen dar ferramentas. Cando antes todo iso se vía moi suplido porque se criaba en familias máis extensas, normalmente era túa nai a que che transmitía a experiencia, ou unha tía túa ou unha amiga que criara... pero claro, na nosa sociedade a xente cada vez cría máis soa porque as familias cada vez son máis reducidas e porque se perde ese vínculo interxeracional. Así, entra iso de buscar en Google as dúbidas, que parece incrible que para algo que leva estando aí dende que o mundo é mundo tamén vaiamos necesitar o algoritmo. A frase pareceume moi reveladora dese xiro discursivo no que estamos.
Vese nela a relación coa baixa natalidade e o feito de que cada vez as mulleres somos nais con máis idade.
Si, en Galicia vese moi claramente pero creo que é un fenómeno de occidente. De novo aquí Galicia pode ser un bo campo de probas para unha tendencia que cada vez é máis global, polo menos no noso mundo máis inmediato e coñecido.
"Son unha disidente cando digo que en realidade esa aparente educación emocional é unha forma de control porque o propio termo 'xestión emocional' xa fala do marco empresarial neoliberal no que teñen orixe eses dispositivos"
Despois de ter traballado sobre todas as teorías presentes no ensaio, considera que é moi forte esa “falta de confianza no propio criterio” que tamén apunta no libro?
Ao escribir o libro xoguei cunha vantaxe que era que levaba uns anos nun proxecto de investigación traballando sobre teoría afectiva, que creo que é o marco teórico máis forte. Porque de todos os dispositivos de control parental e todas esas prácticas neoliberais de crianza que menciono no libro o control afectivo forma parte de varios dos apartados, é unha crítica transversal no conxunto do libro e para min pode ser o aspecto máis orixinal do ensaio. Eu sitúome moi simpatizante da pedagoxía crítica e progresista, loxicamente, pero creo que hai unha tendencia discursiva que se fai pasar por progresista e avanzada e que non é, e ten que ver coa educación emocional. É dicir, estamos agora rodeados de emocionarios e de técnicas de recoñecemento emocional a partir da expresión facial para os pequenos pero tamén para os adultos, reclamando máis educación emocional. E aquí son unha disidente –penso en contra do sentido común do noso tempo– cando digo que en realidade esa aparente educación emocional é unha forma de control porque o propio termo ‘xestión emocional’ xa fala do marco empresarial neoliberal no que teñen orixe eses dispositivos.
Todas estas cuestións do recoñecemento facial, como a biometría nos aeroportos, poden ser formas de control social; á parte de que non podes reducir o espectro das emocións humanas a cinco grandes emocións: vexo moi robótico preguntarlle ao teu fillo se está triste, enfadado, iracundo... é que moitas veces estamos todo iso ao mesmo tempo, e esa é a miga da vida, para ben e para mal, o ser humano é complexo, por fortuna non somos así de simples. Parecíame interesante denunciar este tipo de adestramento porque creo se non nos acaban colando como avanzado e progresista algo que nos pode levar a un terreo completamente oposto. O ser humano ten ferramentas como a arte ou a literatura que son a nosa verdadeira educación emocional, non necesitamos abecedarios das emocións, temos a poesía e a pintura. E os nenos son mestres na sensibilidade, é case ridículo levalo cara a un terreo moi esquemático cando eles son quen moitas veces nos poden ensinar sobre as emocións a nós. Pareceume que incluír isto convertía o libro en algo máis útil socialmente, por crear esa alerta ante algo que agora mesmo non é nada cuestionado.
É moi crítica coa figura das ‘malas nais’ e esa insistencia na que semella que por un lado sempre hai que estar pedindo perdón e polo outro hai que facelo todo e todo ben.
O libro é un pouco crítico con esa figura fronte ao que podería parecer. É verdade que podo entender que o das ‘malas nais’ triunfou porque resultou unha figura moi liberadora no sentido de esa normatividade intensa, esa internalización do control convertida no autocontrol: estouno facendo ben? E de pronto isto outro parece como un escape: dá igual se a pifio, non pasa nada. Pero no libro comento que é un escape dun hedonismo que moitas veces se volve tamén moi superficial. Cal é a verdadeira liberación das nais? O certo é que cando ti es pai ou vas ser pai estás xa asumindo unha responsabilidade á que vas estar atada de por vida, e iso é un asunto moi serio. Iso non o vas esquecer por máis que teñas eses momentos de descanso, por moito que sexan merecidos porque todas as que pasamos por iso sabemos que ao principio non hai descanso. Eu quería pensar esa posibilidade dunha emancipación do suxeito da nai que non resultara frívolo nin escapista porque é verdade que todas as nais temos o corazón sempre dividido entre as obrigas que van máis alá do noso deber de nai e o que entendemos que queremos darlle aos nosos fillos, sobre todo nunha sociedade que non axuda nada a esas conciliacións.
"Semella ser máis importante o que ti proxectas que a túa propia realidade"
Tamén se refire neste ensaio a un xiro na propia concepción dos coidados, que liga ao concepto do “capital simbólico” presente na teoría do sociólogo Pierre Bourdieu, que vincula co que agora chamamos “reputación” nas redes sociais.
Isto é moi importante para explicar como funciona o xiro discursivo no ámbito da maternidade porque semella ser máis importante o que ti proxectas que a túa propia realidade, e iso nas nas redes sociais vese claramente. Aplicado á maternidade é tremendo porque xorde a nai profesional, a nai influencer, que dispensa consellos de cociña, de puericultura ou do que sexa e os monetariza. Ao final parece non haber límite á monetarización da vida emocional á que nos leva esta sociedade na que vivimos.
Hai unha idea latente en todo o texto sobre que a maternidade é máis compartir un tempo e un espazo no que adaptarse aos cativos, e non só facer que se adapten.
Si, moitas veces dicimos iso de ‘canto aprendín eu dos meus fillos’. Vale, pero que aprendiches? De feito, así remata o libro. Que che transmiten os teus fillos a ti igual que ti lles transmites cousas a eles? Esa escoita é moi difícil pero a min paréceme a que é verdadeiramente emancipadora. Ninguén cuestiona a expresión ‘ter fillos’, e é a expresión da pura posesividade, unha concepción dos fillos como ben propio, como potestade e como patrimonio dalgunha maneira. Ao final, como o dicía o poeta, os fillos pasan a través de nós. Non é o teu papel marcar un rumbo, creo que a mellor educación tanto dos pais como da escola é a que saca dos nenos o que traen para darnos a todos; non a que moldea, suxeita, castra e disciplina senón a que libera no sentido de deixar que os nenos sexan o que eles son. Teríamos que estar moito máis á escoita do que os nenos nos teñen que dicir a nós.
Neses desexos que expresa na última parte do libro aparece iso de “que os nenos teñan voz” e mais outro que di “que as consideracións morais sobre a crianza se vexan supeditadas á máxima ‘ama e fai o que queiras”.
É curioso porque esta frase –‘ama e fai o que queiras’– era case como un lema de vida para min. Non deixar que a xente che diga o que tes que facer e o que non. Se ti o fas dende o lugar correcto, estarás a facelo ben, máis alá do que os demais pensen. É esa confianza –ben entendida– nas emocións. E curiosamente cando fun ao contexto da frase de San Agustín, era unha frase sobre pais e fillos. Chamoume moito a atención, foi toda unha descuberta.