"Trátase de escribir o que che fai feliz"

A escritora Berta Dávila coa ría de Vigo detrás © Edicións Xerais

 

Berta Dávila asina en Os seres queridos unha novela que aborda un tema cru de maneira que a persoa lectora percibe que se adentra nunha sorte de acubillo que vai revelando claves da historia ata a última páxina. Con este libro gañou o Premio Xerais de Novela, e mais con Un elefante na sala de estar  recibiu o Premio Jules Verne de Literatura xuvenil. 

Cando soubeches que estabas escribindo Os seres queridos?

Empecei a tomar notas, que máis ou menos acabaron formando parte deste libro, hai bastante tempo, se cadra arredor de 2015, coa idea de escribir un libro, que non sabía ben que libro ía ser. Durante moito tempo fun tomando notas e construíndo unha novela que, chegado un punto, tiña bastante armada e quería que fose de determinada maneira, e que finalmente escribín. O que ocorreu con esa novela é que, unha vez que a tiña bastante rematada, decateime de que non funcionaba como libro.

Daquela pasei certo tempo case de loito por aquel libro fracasado, ata que atopei –dalgún xeito– a fórmula para reescribir un libro bastante distinto, pero con vontades ou partes da historia que eran equivalentes. E de aí saíu Os seres queridos. Foi un proceso bastante longo e distinto ao doutros libros meus, que non cambiaron nunca de fórmula e foron medrando cunha fórmula que xa tiña clara de inicio.

Caderno orixinal de Berta Dávila para a novela 'Os seres queridos' que forma parte do Fondo da autora no arquivo da Fundación Euseino? © euseino.org/Arquivo Euseino?

"Para min 'Os seres queridos' é case un fin de ciclo destas tres novelas"

Dirías que nesta novela se consolida a túa ′voz literaria′ despois de Carrusel e Illa Decepción?

Eu diría que iso que se chama ′voz literaria′, sexa o que sexa, é unha cousa que nunca se deixa de construír. De feito, é o interesante da escritura, que é algo que é un continuo e nunca se deixa de construír ata que se deixa de escribir. Para min este libro é case un fin de ciclo destas tres novelas. Agora teño o pulo de facer cousas un pouco distintas, que igual logo non son percibidas como tan distintas, pero que para min si o son. Entón, diría que a vontade autorial, ou estilo ou a ′voz literaria′ é unha indagación que nunca remata.

Por que decidiches presentar Os seres queridos ao Premio Xerais de Novela e non intentaches publicalo de maneira directa?

Pois por unha banda, para min o Premio Xerais era un premio moi referencial do sistema literario galego. Un premio co que eu –dalgunha maneira– medrei. E apetecíame moito probar sorte, xa me presentara antes e fun finalista noutra ocasión. Tiña moitas ganas de probar con este libro. Por outra parte, os premios significan cousas. O feito de gañar un premio significa mercar tempo para escribir e un referendo para o libro en cuestión.

"No libro o que hai son trasuntos ficcionais, as persoas que aparecen son personaxes"

Era importante para ti o referendo do premio para esta novela en concreto?

Non diría que máis que para outros libros. Para min si é algo que ten valor porque enviar un texto a un premio literario supón que o valore anonimamente un xurado. Pode saír ou non, pero é un xeito de presentar por primeira vez a un grupo de xente reducida e ver que pasa.

E que pasou con este libro cando llo deches a ler a esas amizades que aparecen referenciadas na novela? Porque segundo avanzas na lectura ves como hai diferentes tempos na escrita.

Realmente no libro o que hai son trasuntos ficcionais, as persoas que aparecen son personaxes. Nese sentido, eses personaxes son trasuntos ficcionais –como pode selo tamén a narradora– que, ás veces, están construídos a partir de moitas voces e moitas presenzas que teñen que ver comigo de maneira bastante parecida a o que ocorre en calquera outra novela de ficción. Si que é certo que eu non adoito dar moitísimo a ler os meus libros, dounos a ler a unha serie de persoas moi concretas que penso que poden falarme dos meus libros como o faría eu. Con isto quero dicir que penso que non se van sentir comprometidas a darme ánimos. 

Pero este libro si que o din a ler antes de que se publicase a algunha xente próxima, non esencialmente relacionada coa literatura, porque me interesaba saber o que opinaban e o que o libro lles producía, como os interpelaba. Recoller esas lecturas foi un proceso bonito para min. E é certo que, como ocorreu tamén en Illa decepción, acabo trasladando esas lecturas dalgunha forma ao manuscrito. Non é un transvase directo, pero para min é interesante que nun libro que xira arredor –en moitos casos– da escritura, esa experiencia da lectura tamén teña un oco.

Berta Dávila na entrega dos Premios Xerais por 'Os seres queridos' e 'Un elefante na sala de estar' © Edicións Xerais

É que semella –como lectora– que o texto te acolle mentres o estás a ler.

Se cadra este libro trata un tema que é duro en moitos momentos, pero a miña intención era precisamente que o lector se sentise acollido, que non fose un libro hostil. Creo que non é un libro hostil para quen o le, esa sensación de acollida ten que ver con incorporar as lecturas ou ás lectoras.

Que te está chegando da xente que le a novela? Hai unha sentenza que destacan moitas persoas: ″Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás″.

Estame parecendo moi bonito o feedback da xente. Primeiro porque creo que son moi afortunada con iso, é unha cousa que valoro moito e é moi importante para min. Despois porque a lectura dos outros e as outras dan unha idea de como se recibe e se interpreta un libro que ti escribiches, é unha fortuna que se lea. Contáronme en Xerais que xa está en marcha a segunda edición, é estupendo que chegue tan cedo. Significa que a xente o está lendo, que é o que lle dá sentido a escribir.

"Escribín 'Un elefante na sala de estar' un pouco nese tempo de loito por aquel libro fracasado"

Existe algunha conexión entre Os seres queridos e Un elefante na sala de estar?

Realmente non son libros que teñan ningunha relación, pero si é certo que eu escribín Un elefante na sala de estar un pouco nese tempo de loito por aquel libro fracasado, no que fixen un parón e escribín estoutra novela. Polo tanto era unha novela coa que non contaba e foime moi grato escribila. Paseino moi ben. Ademais, creo que a proposta é totalmente a contraria. En Un elefante hai unha protagonista absolutamente ausente, que nunca ten voz, que nunca fala, contada por un montón de voces diferentes que falan de distintos tramos dun proceso de loito. Son novelas conectadas na miña experiencia de escritura, aínda que sexan novelas moi diferentes porque son rexistros distintos e voces narrativas moi diferentes. Dan conta de que se poden escribir cousas moi distintas e de que se trata de escribir o que che fai feliz.

Agora que asistimos a unha posible prohibición do aborto nos tribunais dos Estados Unidos, e tendo en conta que en Galicia aínda hai moitas áreas sanitarias nas que non se practican abortos por obxección de conciencia; pois en realidade o aborto é un asunto que segue a estar mal visto socialmente en moitos sectores. Por que decidiches falar disto?

Para min era unha maneira de colocar a novela nun fío de presente. Permitíame establecer un contraste ou unha reflexión sobre todas estas cuestións pendurado a un relato que era curto no tempo. Interesábame que a protagonista fale desde o presente porque como o relato do tempo pasado é bastante acuciante, creo que lle confire certa serenidade a idea de contalo tempo despois. E de contalo en relación ao tema do aborto, que é unha cuestión bastante difícil de contar. Nese sentido, pouco despois de que saíse o libro recuperei unha cita de Annie Ernaux do libro El acontecimiento, que fala dun aborto clandestino hai moitos anos en Francia, na que conta como se falaba do aborto nese tempo. E di: ′Había mulleres que estaban embarazas e despois deixaban de estalo, pero non se contaban os detalles'. Había unha elipse –di ela–. Penso que Os seres queridos incorpora, non de maneira moi acusada, recupera o proceso e certos detalles. Algunhas veces, nese eludir os detalles cando se fala dun asunto, está detrás a idea de que son detalles feos. Estou a gusto con ese relato e con que estea neste libro.

"O 'Fondo Berta Dávila' nace coa idea de conservar, de compartir, de xerar espazos para todos eses materiais que rodean a escrita"

Depositaches unha serie de cadernos no que xa se chama o ′Fondo Berta Dávila′ na Fundación Euseino?, que che levou a ceder estes materiais?

Foi unha proposta da Fundación Euseino?, que xa ten o ′Fondo Chus Pato′ e o ′Fondo Anxos Sumai′, un pouco coa idea de conservar, de compartir, de xerar espazos para todos eses materiais que rodean a escrita. Para min é particularmente interesante porque os meus cadernos non son manuscritos. De feito, eu non lles confería absolutamente ningún valor. Senón que son un pouco como un laboratorio de ideas, ou como un espazo no que anotar os pensamentos que rodean ao espazo da escritura. Estou contenta de que estean aí e de que a xente os poida ver se lle apetece. Para min son cadernos sen máis, pero cando se trata doutras autoras que a min me interesan si que me gusta ver esa caligrafía, eses esquemas ou esa representación da cabeza, e comparala co que eu imaxino cando leo a esa autora. 

Escribes moito a man?

Escribo soamente no ordenador. Necesito facelo así, non podo concibir como se podían facer esas novelas, noutro tempo, todas a man. Paréceme que a informática veu para axudarnos. O que si é certo é que mentres escribo no ordenador adoito ter un caderno, normalmente pequeno, para o proxecto onde anoto plans de traballo, esquemas ou cuestións que teñen máis que ver con pequenas ideas ou estruturas que non son tan doadas de anotar de maneira dixital.

Como te ves no papel de editora agora con Rodolfo e Priscila?

É moi interesante. Levo bastante tempo publicando, pero as cousas desde o outro lado non se ven exactamente igual. Os procesos non son os mesmos. Serviume para comprender de primeira man moitos aspectos que se relacionan con traballar con outros e co que ten que ver con facer un libro. No fondo, isto fai que aprecie singularmente o traballo que outros fixeron comigo. Verte do outro lado é moi enriquecedor e unha boa maneira de entender cousas. Carlos [Meixide] tiña máis experiencia na edición, pero aquí aproveitamos a experiencia que cada un temos nos diferentes rexistros para sacar o mellor de todo iso e levar o proxecto adiante. 

É moi complexo sacar adiante unha editorial hoxe?

Non sei se houbo tempos nos que non o fose. Teño a sensación de que sempre hai dificultades, en calquera proxecto. Pero prefiro o discurso de facer as cousas con alegría e con ilusión, pola vontade de que existan. Polo desexo de levar a unha serie de lectores libros que pensamos que lles poden interesar tanto como a nós. Unha das ideas que está debaixo de Rodolfo e Priscila era tratar de facer isto fóra do espírito de resistir e de parecer heroicos. Non é un heroísmo, é un acto de alegría. Unha cousa emocionante que emprendo coa expectativa de que vaia ben e de facelo o mellor posible.

Polo que contas, semella que precisabas rematar con Os seres queridos e pasar páxina para iniciar outras aventuras, é así?

Nestes últimos case dez meses tiven moito tempo para pensar noutras cousas, encarar outros proxectos e arrefriar algunhas ideas. E niso ando. En xeral tampouco sei moi ben como se van levar a término e, agora mesmo, non é algo que me produza moitos conflitos. Pero si que vexo que estou escribindo cousas un pouco distintas, e iso tamén é emocionante. Se cadra é o que me apetecía, o que necesitaba, e non atopei a maneira de facelo ata pechar este libro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.