O 1 de xaneiro de 1972, hai exactamente medio século, Galicia contaba con 2.687.418 habitantes. Hoxe a cifra é case idéntica (2.689.152), segundo os datos provisionais do padrón municipal publicados este xoves polo INE, que amosan que a poboación de Galicia segue a caer, con descenso de 6.500 habitantes no último ano. É a cifra máis baixa nos últimos 50 anos, cun descenso de 108.000 residentes dende o ano 2010, o ano que marcou o máximo das últimas tres décadas.
Galicia perdeu 108.000 habitantes dende o 2010 e hoxe rexistra a cifra máis baixa dende 1972
Galicia encadea dous anos (2020 e 2021) de importantes descensos na súa cifra de habitantes, coincidindo coa pandemia de COVID. Dende xaneiro do ano 2020 a comunidade perdeu 12.000 habitantes. A evolución no último ano contrasta co pequeno aumento rexistrado no conxunto do Estado Español (50.490 habitantes máis), aumentos que foron importantes na Comunidade Valenciana, Murcia, Cataluña, Andalucía ou Navarra. Pola contra, Galicia aparece entre os territorios que máis poboación perderon, só por detrás de Estremadura, Asturas, Castela e León e País Vasco
A poboación estranxeira é a única que medra en Galicia que, con todo, segue a ser un dos territorios do Estado cunha menor porcentaxe deste colectivo
No último ano só se incrementou en Galicia a poboación con nacionalidade estranxeira, que medrou levemente, de 114.534 a 117.824 e representa o 4,58 do total, o dobre do que representaba no ano 2004. Galicia segue a ser, con todo, un dos territorios do Estado cunha menor porcentaxe de poboación estranxeira, lonxe do 11,6% de media que se rexistra no conxunto de España.
A poboación con nacionalidade española residente en Galicia (2.571.328) segue unha tendencia ininterrompida de descenso dende o ano 2009 (2.689.452)
Semellante é a evolución da poboación galega que naceu en territorio estranxeiro (aínda que en moitos casos si conta con nacionalidade española). O seu número na actualidade (261.303) duplicouse nos últimos 20 anos e xa representa o 10% do total.
A poboación galega nacida en Venezuela medrou de forma moi importante nos últimos anos e xa suma un total de 42.066 persoas
A chegada de poboación procedente doutros países está contribuíndo a soster os indicadores demográficos galegos, compensando o empeoramento so saldo vexetativo (máis mortes que nacementos). A poboación galega nacida en Venezuela medrou de forma moi importante nos últimos anos e xa suma un total de 42.066 persoas.
As seguintes comunidades máis importantes son as formada polas persoas nacidas en Colombia (18.690), Portugal (18.367), Brasil (17.983), Suíza (16.612), Arxentina (15.895), Cuba (10.698), Marrocos (10.507), Uruguai (10.242), Francia (9.828) e República Dominicana (9.325).
A idade media en Galicia sitúase xa por riba dos 48 anos, a terceira máis elevada do Estado
A demografía galega actual defínese sobre todo polo progresivo envellecemento da poboación. A idade media en Galicia sitúase xa por riba dos 48 anos (48,04), a terceira máis elevada do Estado só por detrás da de Asturias (49,18) e Castela e León (48,26) e moi lonxe da media española (44,09).
No ano 1998 a poboación menor de 35 anos sumaba 1.179.000 persoas, mentres que hoxe non chega ás 800.000
Esta realidade obsérvase mellor na evolución nas últimas décadas dos distintos grupos de idade. En Galicia hai xa máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos, fronte ás pouco máis de 500.000 do ano 1998. Este grupo representa o 26% do total da poboación e o seu peso no conxunto achégase xa ao dos menores de 35 anos, un colectivo que non deixa de minguar. No ano 1998 a poboación menor de 35 anos sumaba 1.179.000 persoas, mentres que hoxe non chega ás 800.000.