En xullo un grupo de oito turistas israelís foi expulsado dun restaurante italiano situado na Rúa do Areal de Vigo despois de que comezasen a comportarse de forma inadecuada, nunha discusión que foi subindo de ton e que foi gravada polo propio propietario do local, un vídeo que se viralizou nas redes sociais
Nos primeiros días de xullo un grupo de oito turistas israelís foi expulsado da terraza dun restaurante italiano, situado na Rúa do Areal de Vigo, sinalando o propietario do negocio, un hosteleiro de orixe libanés residente dende hai anos en Vigo, que se estaban a comportar de forma inadecuada, dando patadas ás mesas e tratando de forma incorrecta ao hosteleiro, nunha actitude que el interpretou que se debía á súa orixe libanesa e á presenza de elementos árabes na carta e na decoración do local.
Comezou a gravalos cunha cámara "por seguridade", segundo indicou posteriormente e finalmente convidounos a abandonar o local sen necesidade de pagar as súas consumicións, dicíndolles "fóra de aquí, se matas Palestina ides comer a Gaza", nunha discusión que foi subindo de ton, con berros confrontados de "Viva Israel. Fuck Palestine" e "Viva Palestina libre".
Unha denuncia telefónica dende Madrid levou á apertura de oficio dunha investigación por un presunto delito de "incitación á hostilidade e ao odio antisemita". Este mércores un xulgado de Vigo exculpa o hosteleiro, sinalando que o sucedido ten "difícil encaixe no discurso de odio penalmente punible”
Nos días posteriores, unha vez que o vídeo do incidente se fixo viral en todo o mundo, unha persoa de Madrid chamou á Policía Local de Vigo para denunciar a expulsión dos turistas israelís, e esta remitiu un informe á Policía Nacional para se se abrise unha investigación por un presunto delito de odio e racismo. A causa, polo tanto, foi aberta sen querela nin denuncia, pois trátase dun delito perseguible de oficio.
Este mércores o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional da causa que seguía contra o hosteleiro por unha presunta "incitación á hostilidade e ao odio antisemita". O auto sinala que, á vista do vídeo obsérvase unicamente un "incidente verbal entre os clientes e o dono do restaurante", un "conflito pola prestación do servizo de hostalería” e que "non se achegaron indicios bastantes de que as expresións gravadas tivesen por obxecto promover a hostilidade cara ao pobo xudeu".
O auto salienta o perigo de utilizar a loita contra o antisemitismo "de forma indebida" co obxectivo "de silenciar ou estigmatizar como antisemita a crítica lexítima contra Israel e as súas políticas"
Ademais, engade que "nunca é descartable unha motivación secundaria allea a unha intencionalidade de odio a un colectivo” e conclúe que “non consta suficientemente constatado o ánimo consiste na animadversión cara ao colectivo unificado, neste caso, pola súa relixión ou orixe, polo que "a conduta que se atribúe ao investigado ten difícil encaixe no discurso de odio penalmente punible”. A resolución, que exculpa o hosteleiro, non é firme, pois cabe presentar recurso.
No auto, o maxistrado lembra que o concepto de antisemitismo acollido na recomendación número 9 (revisada) de política xeral da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI) sobre a prevención e a loita contra o antisemitismo “proponse como definición de antisemitismo certa percepción dos xudeus que pode expresarse como o odio aos xudeus”.
Dende que se viralizou nas redes sociais o vídeo do incidente, o propietario do local recibiu numerosas mostras de apoio a través de mensaxes, pero tamén ataques verbais en redes, reseñas negativas contra o seu restaurante e mesmo chamadas telefónicas ameazantes
Porén, subliña que a propia Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia "insiste no perigo de utilizar" a loita contra o antisemitismo "de forma indebida" co obxectivo "de silenciar ou estigmatizar como antisemita a crítica lexítima contra Israel e as súas políticas, en particular respecto do pobo palestino e no contexto da ocupación dos territorios palestinos". Engade que ese uso indebido da loita contra o antisemitismo "poñería en perigo", precisamente, "os esforzos por loitar contra o antisemitismo e, polo tanto, debería rexeitarse”.
No auto, o xuíz sinala que non foi posible citar aos turistas expulsados do local “por falta de colaboración das autoridades de Israel”.
O hosteleiro que fora falsamente acusado de antisemitismo aplaude a resolución xudicial e convoca a unha celebración pública do auto este domingo 30 de novembro ás 17.30 no mesmo lugar no que se produciron os feitos, na terraza do restaurante Mimassa. Dende que se viralizou nas redes sociais o vídeo do incidente, o propietario do local recibiu numerosas mostras de apoio a través de mensaxes, pero tamén ataques verbais en redes, reseñas negativas contra o seu restaurante e mesmo chamadas telefónicas ameazantes.