Non penses nun elefante rosa (Xerais), a última novela de Antía Yáñez, é a historia dunha amizade pouco convencional. Unha muller na trintena que padece TOC faise amiga, case por accidente, do seu veciño, un neno de dez anos que é a única persoa que lle di as cousas como son. Un libro no que a soidade, a dificultade para explicar o trastorno mental, as relacións que saen da norma, a sexualidade non patriarcal, a crítica do amor romántico ou da violencia de xénero van aparecendo nunha narración fluída e amena.
É unha historia de amizade entre unha muller, Aurora, na trintena, e un neno, Brais, de 10 anos. Como xorden estes dous personaxes?
O que quería era falar dunha muller que tiña un Transtorno Obsesivo Compulsivo (TOC). Ademais, a min gústame que haxa personaxes infantís nos libros para adultos e personaxes adultas nos libros infantís e xuvenís. Porque os adultos esquecémonos de como eramos de de pequenos e pensamos que non podemos aprender nada dos nenos, o cal non é verdade. Quería, neste caso, que houbese un neno que tivese un papel protagonista, que non adoita pasar na literatura para adultos. Este personaxe sérveme de catalizador para a figura de Aurora. Porque ela non está tan ben como pensa e porque el, o neno, é o único que lle di as cousas como son, axudándolle a facerse preguntas que non se atrevía a facerse a si mesma.
Como te documentaches sobre o TOC? No libro está moi reflectido como funciona, a partir do pensamento intrusivo que asalta a Aurora constantemente.
Eu teño TOC e, como lle pasa a Aurora, a min tamén me custou moito contar o que era, porque é un gran descoñecido. Agora si que se está falando bastante de ansiedade, pero custa explicalo. Si que tiña claro que o pensamento intrusivo, que aparece en calquera momento, ía aparecer no texto, e por iso as cursivas. É algo que non é fácil de explicar. Pensamentos que sempre están aí, que ás veces falan máis alto e outras máis baixo, pero que nunca se van. Pero é que ademais eu nunca o vira explicado na ficción. E por iso quixen que estivese.
Na literatura galega o tema da saúde mental está a tratarse bastante ultimamente.
“O que acontece co tema da saúde mental tamén é que, se antes se falaba cero, agora igual se fala un 20%, entón parece que é moito”
Eu empecei con este libro antes da pandemia, antes de que un deputado falase no Congreso de saúde mental, por exemplo. Eu procuro escribir do que me interesa a min. Así foi en Senlleiras: eu tiña preguntas sobre a violencia machista e decidín escribir este libro. Desta vez quería tratar o tema do TOC desde a ficción, que me permite achegarme dunha forma máis amable e amena. O que acontece co tema da saúde mental tamén é que, se antes se falaba cero, agora igual se fala un 20%, entón parece que é moito. Pero penso que era inevitable que acabase aparecendo, porque a sociedade ten cada vez máis problemas de saúde mental. Eu collín e deixei este libro moitas veces, pois a pandemia non me fixo moi ben. E ao final coincidiu que o acabei cando se empezou a falar máis na literatura sobre saúde mental.
O libro fala, no fondo, de soidade. Aurora está soa porque foi afastándose da xente. Brais está só porque a súa nai non pode estar con el.
Si que quixen falar de soidade, pero da soidade que non se escolle. Eu sempre fun bastante solitaria. Pero unha cousa é a soidade escollida e outra cousa é a soidade non buscada. Cando é buscada é pracenteira, pero cando é porque tes un problema e non sabes como explicalo, cando non tes ferramentas para afrontalo, non é o mesmo. A min diagnosticáronme aos vinte e poucos anos e non sabía nada, non tiña referentes, sentíame como un becho raro. En realidade todos somos bechos raros porque todos somos diferentes. Aurora sempre fora moi independente, moi autosuficiente, sempre tivera moitas ansias de perfección, e pensa que está soa porque o elixiu pero non é así. Non quere estar con xente para evitar problemas, para que non lle ensucien, para que non a molesten… E illarse socialmente é un perigo.
É un libro longo, mais fluído na narración dos feitos. Hai moito diálogo e as conversas coa psicóloga, das que só sabemos o que di a psicóloga, forman parte del. Como pensaches a relevancia do diálogo e, en concreto, esas conversas coa psicóloga que axudan tanto a entender o seu problema?
Sempre me gustaron os libros con moito diálogo. Tamén teño moito interese por levar á escrita a fala cotiá, que é difícil porque non é o mesmo o rexistro literario que o rexistro falado. Todo o libro é basicamente Aurora e o seu cerebro falando. A parte na que fala coa psicóloga, que é pequena, quería que fose realista, que fose unha conversa cunha profesional. Pensei na Esmorga de Blanco-Amor, na parte do xuízo, na que non aparecen as preguntas do xuíz. Pareceume un recurso moi bo e neste libro tiña a oportunidade perfecta para utilizalo. Cando eu vivía episodios duros tamén ía á psicóloga, mais non quería ir para escoitarme a min mesma revivir eses episodios. Evitei que estas conversas da novela fosen iso, que ela tivese que reivivilo todo, porque ademais tampouco quería que fose un manual de saúde mental.
A sexualidade é moi importante no libro, que contén unha reivindicación, quizais, dunha sexualidade non patriarcal.
“Eu, coma Aurora, lin moita novela romántica, na que atopei un patrón moi machista, e pensei que na ficción se debera tratar a sexualidade feminina doutra maneira”
Sempre me chamou a atención que fose un tema tan pouco tratado na literatura xuvenil, sendo tan crucial na adolescencia, cando se produce o espertar sexual e se conforma a identidade. Eu, coma Aurora, lin moita novela romántica, na que atopei un patrón moi machista, e pensei que na ficción se debera tratar a sexualidade feminina doutra maneira, fóra da mentalidade do mete-saca. Ademais, tratar o tema para min é algo natural, non é algo que haxa que esconder nin crucificar. Se es unha persoa obsesiva e a mensaxe que che está a enviar a sociedade é que as mulleres son unhas putas ou unhas fríxidas, aínda te vas poñer peor. Porque se tes moitas parellas mal, e se non tes é porque ninguén te quere. Se fas caso, toleas entre todas esas contradicións.
Sabemos do presente de Aurora e tamén do seu pasado, da súa infancia e da súa mocidade. É unha maneira de afondar psicoloxicamente na personaxe, mais tamén de comprender as variables que puideron favorecer a aparición do trastorno mental.
Realmente non se sabe moi ben por que aparece o TOC. Hai factores xenéticos, ambientais, familiares… Aurora sempre fora unha persoa moi obsesiva, pero as súas obsesións non eran algo patolóxico, e o problema vén cando se converten en algo patolóxico. Sempre fora coidadosa coa limpeza, co seu ideal de perfección que lle daba tranquilidade. Pero chega un momento en que iso a supera. Tamén é importante na novela a relación coa famiia e en especial coa nai. Tampouco se fala moito na ficción da relación entre nais e fillas se non é dentro do tópico. Parece que se es un psicópata, tivo que ser porque tiveches problemas coa túa nai. A nai de Aurora tenta facer as cousas polo seu ben pero acaba prexudicando a filla sen decatarse. Ela só quere que a súa filla, que ten unhas capacidades e uns posibles que ela non tivera, sexa a mellor…
Na actitude da nai tamén hai algo aprendido que ten que ver co xénero. O dramatismo, o vitimismo, a chantaxe emocional…
É que tampouco hai uns referentes moi variados. Na ficción son a nai coraxe, a nai do psicópata, ou a nai abnegada que fai polos fillos o indicible. Na realidade as nais non son así. A min dáme bastante carraxe o estereotipo da nai coraxe. Son os modelos, os referentes que temos.
Tamén saen os estereotipos. A nai de Brais é unha inmigrante pobre. Aurora é unha veciña rara, e por tanto “tola”. O libro tamén reflexiona sobre iso e faino a esas dúas bandas.
Aurora pensa que, como a nai de Brais é negra e inmigrante, ten que ser puta. E a nai pensa que, como Aurora é rara, está tola e é un perigo para o seu fillo. Todo vai moi rápido, non temos tempo para coñecer a xente que nos rodea, e entón movémonos moito por tópicos.
A propia amizade entre Aurora e Brais pode considerarse rara. Como outras relacións afectivas que hai na novela.
Si, porque socialmente pode considerarse normal que sexas amiga dos nenos da túa familia ou dos nenos dos teus amigos, pero non dos nenos dos teus veciños. Mesmo pode parecer algo sospeitoso. Fixen varias versións desta novela e na primeira non aparecía a nai de Brais ata bastante máis adiante. A miña axente literaria comentoume iso, que a nai tiña que validar antes esa amizade, porque é un neno de 10 anos. Tiven que facer varios encaixes para rematar esta novela. Pero ao final estou contenta co resultado.
Outro tema que sae é o amor romántico. Aurora frústase porque a súa relación deixa de ser como nas películas de Disney. E, en conexión con iso, sae o tema de como se define socialmente quen é desexable sexualmente e quen non. Aurora e a amiga aprenden a quedar con quen as coida e as trata ben, en vez de co malote.
Como contei antes, fun unha grande lectora de novelas románticas, que como aprendizaxe ao respecto deixan moito que desexar. O tema está ademais, como dis, intimamente relacionado coa sexualidade, porque o discurso é que a sexualidade ten que estar necesariamente relacionada co amor. Tamén a desexabilidade. Se só temos uns determinados referentes, acabamos véndoos como o normal. Acabamos interiorizando que é así. Que unha muller gorda non pode ser desexada por un home cachas, que unha muller gorda só pode gustarlle a un home gordo… E a ficción non é realidade, pero si confire realidade. Precisamos ter referentes distintos.
Outro dos temas do libro é a violencia de xénero. A nai de Brais axuda a Aurora e Aurora axuda a nai de Brais. Aí hai sororidade, quizais. Por que Aurora é especialmente forte para afrontar esta situación? (É interesante, porque son vítimas, pero non infefensas. Teñen axencia)
Pois metín esa escena, aínda que houbo a quen non lle gustou, porque quería amosar que Aurora, ao vivir con ansiedade constante no diario por cousas que realmente non son importantes, é quen de moverse moito mellor en situacións estresantes que o resto. Vive sempre ao 200% e cando a situación é realmente de poñerse ao 200% ela sabe reaccionar, porque leva anos aguantando e sufrindo todos eses síntomas que preparan ao ser humano para un momento de perigo.