"Estamos nun momento moi propicio para a censura e a autocensura, para que nós mesmas creemos con medo"

A Panadaría nunha representación de 'As que limpan' © A Panadaría

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman pechan o forno teatral d'A Panadaría

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman pechan o forno teatral d’A Panadaría. Estes doce anos amasando creacións propias permitíronlles compartir con públicos diversos as montaxes Pan!Pan! (2013), Panamericana (2015), Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional). Neste tempo, a compañía tivo unha moi boa acollida nos escenarios galegos e, con esta última montaxe na que reivindican o labor das camareiras de piso e a súa dignidade como traballadoras, estiveron de xira por toda a Península Ibérica. Tamén as acompañou o recoñecemento da profesión con múltiples galardóns, entre os que destacan os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. 

Están de despedida, pero aínda quedan oportunidades para velas en escena: os días 17, 18 e 19 de outubro actúan na Sala Ártika de Vigo e, tras pasar por escenarios de Coímbra, Tenerife ou Toledo, estarán o 15 de novembro en Outes. A fin de xira será en Tui o 22 de novembro.

A primeira pregunta faise soa: por que decidides despedirvos como compañía teatral?

Noelia Castro: É un pouco que explicamos, que levamos moitos anos, foi algo moi intenso. Igual que os proxectos comezan, os proxectos acaban e nós decidimos separarnos e emprender proxectos novos.

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman despedindo a obra 'Elisa e Marcela' © Pilar Abades

A situación para manter unha compañía é máis difícil agora que cando comenzastes?

Noelia: Eu creo que é moi difícil comezar unha compañía, pero non sei se é moito máis complicado agora que antes.

Areta Bolado: Creo que nós non nos podemos queixar. O noso traballo foi moi moi ben acollido, tanto polo público como por parte dos programadores. Entón, penso que foi difícil comenzar, como di Noe é un momento moi delicado e precisas que te sosteñan un pouco; pero nós levamos uns anos nunha situación bastante privilexiada, dentro do que é a nosa profesión claro.

"Falta apoio institucional e certas iniciativas para promover en Galicia que nalgunhas prazas, especialmente nas cidades ou nas vilas con máis habitantes, se poida estar máis dun día"

É que As que limpan rachou con barreiras do teatro galego, non?

Ailén Kendelman: Supoño que aí o apoio que recibimos do Centro Dramático Nacional foi moi importante. Posibilitounos estar un mes en Madrid e que moita xente diferente puidera asistir a ver as funcións. E logo tamén, como funciona co público, porque son espectáculos populares, no caso d’As que limpan tamén fixemos moitas funcións en Vigo, cada ano volvemos e as entradas esgótanse. Entón si, entendo que por un lado o apoio institucional permitiunos estar bastante tempo nun mesmo espazo e logo tamén volver a concellos nos que estivemos cando estreamos en 2022. Esta dinámica tamén aconteceu con Elisa e Marcela e penso que vai da man da acollida do público.

Noelia: Os nosos espectáculos, sobre todo Elisa e Marcela e As que limpan que foron os últimos, se distribúen durante moitos anos, que non é algo que sexa habitual. Normalmente as compañías si que se ven moi forzadas a ter que estrear un espectáculo cada ano por baixa distribución. Non é algo como moi habitual e si que sería o ideal que todas as compañías poidan ter varios anos de distribución.

Moitas veces é difícil incluso montar unha xira en Galicia para as compañías, no voso caso ademais hai un reparto de tarefas que implica que tamén vos encargades da distribución e de tarefas de produción.

Areta: Si, claro. Aquí nos pillas na oficina cos ordenadores. O traballo ao que dedicamos máis tempo, creo. Eu penso que tamén falta apoio institucional e certas iniciativas para promover en Galicia que nalgunhas prazas, especialmente nas cidades ou nas vilas con máis habitantes, se poida estar máis dun día (ou máis de dous). Porque, claro, neste traballo tan itinerante, se ti fas unha función n’As Pontes e igual está mediado de público, pero á xente lle encanta, se o día seguinte tamén estás é moi fácil que na segunda función haxa máis público; pero claro, xa non hai esa oportunidade porque ti ao día seguinte estás en Foz. Entón, si, creo que falta un pouco máis de aposta por parte das institucións.

Tras doce anos xuntas, as tres artistas poñen punto e final á compañía coa que medraron © Pilar Abades

"Todo o que sexa canto máis humano e máis artesán posible, máis se vai valorar co paso do tempo"

Sentides que está recoñecido o teatro? Tendo en conta que sempre se volve ao teatro e que é das manifestacións culturais máis subversivas, e por iso mesmo máis castigadas tamén.

Areta: Claro, non sei... É que o teatro sabemos que non vai morrer nunca. Creo que todo o que sexa canto máis humano e máis artesán posible, máis se vai valorar co paso do tempo. Pero non sei se é por iso que se castiga, ou é simplemente desleixo.

Vos sentiades que estabades a ser un pouco subversivas cos temas que escollestes abordar nas vosas obras?

Ailén: Non sei se foi por subversión, pero si que había un interese en abordar temáticas que normalmente non se abordan no teatro, no caso de Elisa e Marcela, falar do primeiro matrimonio lésbico da Galiza. Foi, se cadra, por poñer sobre as táboas historias invisibilizadas, e iso é subversivo e irreverente. E facelo dende a comedia, dende unha perspectiva feminista... Todo ese conxunto de tratar temáticas invisibilizadas, con humor, con perspectiva feminista e tamén apuntando á sociedade. Si que hai un interese de facer crítica social, porque nós formamos parte da sociedade e tamén nos gusta poñer aí o foco. Con esta última obra ollamos á explotación laboral que reciben as camareiras de piso dos hoteis, pero falamos dun sistema, dunha estrutura social onde as mulleres nacemos cunha fregona debaixo do brazo.

"Fixemos moitas funcións escolares con Elisa e Marcela e o que notamos é esa polarización da sociedade. Iso percíbese no público"

En 2013, cando empezabades coa compañía, parecía que o clima era máis aperturista con respecto ao feminismo, que estaba máis a favor... Nestes últimos anos, nos que ademais coincidiu que estabades representando dúas obras que poden ser moi sinaladas pola ultradereita e o patriarcado, diriades que houbo unha volta atrás?

Ailén: Si, notámolo moito. Cando estreamos Elisa e Marcela, si que sentiamos que era un momento máis de apertura, tamén despois no 2018 viviuse un 8M emblemático. E penso que a partir de aí si que notamos un cambio, sobre todo nos institutos. Fixemos moitas funcións escolares con Elisa e Marcela e o que notamos é esa polarización da sociedade. Iso percíbese no público, e así como hai persoas do colectivo LGBT que se identifican abertamente, hai outras persoas que en medio do bolo gritan un ¡Viva España!, e iso pasounos nun instituto. Tamén o vivimos con As que limpan nunha a función escolar, ao comezo dun bolo, no que un alumno berrou: “Limpia, puta”. A polarización si que se está trasladando á xente adolescente, tamén se ve nos datos de quen vota a extrema dereita ou quen son os seus potenciais votantes. Isto vai acompañado de persoas que defenden, obviamente, os dereitos do colectivo LGBT, das persoas migrantes... Pero creo que estamos nun momento no que es dun bando ou doutro, e non hai ningunha canle de comunicación posible.

Areta: Estamos nun momento moi propicio para a censura e a autocensura, para que nós mesmas creemos e traballemos con medo. Nós e todas as activistas. Penso agora mesmo na flotilla, toda a esa xente que se está a expoñer a un risco enorme para as súas vidas para evidenciar o que é un xenocidio do pobo palestino.

E como estades a vivir esta xira de despedida?

Noelia: Estamos vivindo este proceso con moita emoción, sendo máis conscientes de que é unha despedida. Tamén estamos notando moito por parte do público ese aplauso final, esa emoción e ese agradecemento mutuo, pola súa banda e tamén pola nosa, de ternos acompañado durante tanto tempo porque si que tivemos moita conexión co público coas montaxes, sempre recibimos moi boas palabras e moito agradecemento. Hai moita emoción e algunha bágoa das tres.

Obra 'Pan!Pan!' de A Panadaría © Pilar Abades

A derradeira representación será en Tui.

Si, o 22 de novembro en Tui é a derradeira porque foi onde estreamos As que limpan e é unha forma de pechar a xira da obra á parte de despedir A Panadaría. Volvemos onde comezou o espectáculo, pretiño das nosas casas ademais.

Que significa para vós, ademais da boa acollida do público, o recoñecemento da profesión en premios como os María Casares nesta andaina como A Panadaría?

Areta: Que podemos dicir? A verdade é que saber que os teus compañeiros de oficio valoran o teu traballo é do que máis nos pode encher de orgullo. Moita xente que leva moitos máis anos ca nós nesta profesión e que ten a xenerosidade de apoiar ou recoñecer o noso traballo. Para nós é todo un respaldo.

Ailén: E tamén que se valoren outras formas de traballar. Hai propostas nas que se conta cun director, que dirixe a unhas actrices, que escribe un texto... e nós a verdade é que temos unha maneira de traballar diferente a esa. Hai unha creación colectiva e un traballo que é moito máis colaborativo, os textos son compartidos e temos unha coautoría ademais dunha codirección. Para nós tamén era importante que se valorara esta maneira de traballar.

Pensades que ides poder manter esta maneira de crear no que veña despois d’A Panadaría?

Noelia: Non é doado. Leva moitísimo máis tempo porque ao final todas as persoas revisamos, hai moito debate... pero si que se traduce en resultados máis ricos. Nós levamos moitísimo tempo xuntas, xa antes de comenzar a compañía fixeramos cousas xuntas, e temos unha maneira de traballar e de comunicarnos moi similar. Temos unha maneira de traballar no teatro moi concreta e entendémonos moi ben. Pero xa se verá se isto se pode facer noutros procesos...

"A verdade é que saber que os teus compañeiros de oficio valoran o teu traballo é do que máis nos pode encher de orgullo"

Tedes algún plan?

Areta: Non hai plan, o plan é despedir esta xira e penso que descansar un pouco para pensar no que imos facer.

Pero non pensades en deixar o teatro, non?

Areta: Iso é unha pregunta ou unha petición?

[todas rimos]

Ten que ser unha pregunta.

Areta: Pois non sei, falo por min pero oxalá que haxa oportunidades e se poidan abrir camiños.

Areta, ti ademais vés de ser nomeada Xograresa de Outono do FIOT de Carballo

Recíboo con moitísima alegría e orgullo, pero penso que é un premio que ten que ver co percorrido das tres. 

Para despedirnos, con que vos quedades cada unha da traxectoria como A Panadaría?

Areta: Coa confianza, creo que nolas tres tivemos un espazo de confianza para poder crear e, tamén, para ceder cando hai negociacións no creativo. 

Ailén: Eu quedo co día da estrea dun espectáculo, con ese momento no que xa está todo feito e hai unha entrega do traballo que se fixo durante meses, que é cando se completa a obra co visionado do público. 

Noelia: Eu vou quedar cos momentos dos ensaios nos que saen cousas improvisadas, cando as túas compañeiras te sorprenden e o vives con tanta emoción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.