Nos catro galardóns recollidos polas integrantes de A Panadaría estiveron presentes as reivindicacións das mulleres "invisibles" que sofren as consecuencias dun "sistema turístico precarizador" e da "avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras"
Este xoves 30 celebrouse, coma todos os anos, o Día Internacional das Traballadoras do Fogar. Casualmente, a data coincidiu co triunfo nos Premios María Casares, entregados no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, de As que limpan, unha obra de A Panadaría que fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. A obra fíxose con catro galardóns, entre eles o de mellor espectáculo, mellor dirección (Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro), mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro) e mellor actriz protagonista (Noelia Castro).
Nos galardóns recollidos polas integrantes de A Panadaría estiveron presentes as reivindicacións destas mulleres "invisibles" que sofren as consecuencias dun "sistema turístico precarizador" e da "avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras". Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes. As mulleres invisibles, neste caso no propio sector das artes escénicas, tamén tiveron o seu recoñecemento a través do galardón de honra Marisa Soto que recibiu a xastra Cloti Vaello, un premio co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quería homenaxear "os oficios invisibles do teatro".
A CRTVG rexeitou retransmitir a gala dos María Casares por quinto ano consecutivo. "É algo que nós consideramos unha anomalía e unha falta de respecto, non só para con estes premios, senón con todo sistema teatral galego", sinalou Xosé Barato, presidente da AAAG
E falando de invisibilidade, a gala de entrega dos Premios María Casares non foi un ano máis retransmitida pola CRTVG e só se puido ver a través da canle de Youtube da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. É o quinto ano consecutivo que a televisión pública galega rexeita difundir a gran noite do teatro galego, como lembrou dende o escenario Xosé Barato, presidente da AAAG, que nun aplaudido discurso criticou que "os premios de teatro María Casares non contan para a Televisión de Galicia, así como non conta o noso traballo".
"É algo que nós consideramos unha anomalía e unha falta de respecto, non só para con estes premios, senón con todo sistema teatral galego", sinalou Barato, que engadiu que a "falta de respecto" aínda é "máis dolorosa cando dende a actual e lonxeva dirección da CRTVG se afirma que 'nunca houbo tanto teatro na TVG coma agora", citando palabras de Alfonso Sánchez Izquierdo, director do ente público.
Barato trasladou a "solidariedade" dos actores e actrices galegas "con quen se mobiliza cun lema moi claro: por uns medios públicos de calidade e por uns medios públicos sen manipulacións"
Barato cualificou á dirección da CRTVG como "distante e xorda" e criticou que "se nega a recibirnos a nós como representantes dos actores e actrices para tratar asuntos tan importantes para o noso corpo asociativo coma a vulneración de dereitos que se poden estar dando en series que levan o selo público". FInalmente, trasladou a "solidariedade" dos actores e actrices galegas "con quen se mobiliza cun lema moi claro: por uns medios públicos de calidade e por uns medios públicos sen manipulacións", en referencia ás protestas do persoal da CRTVG enmarcadas en 'Defende a Galega'.
Ao igual que sucedeu hai unhas semanas durante a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, as reivindicacións do persoal dos medios públicos estiveron presentes na cerimonia. Neste caso, no entanto, as súas protestas non se puideron escoitar a través da TVG.
No seu discurso Barato referiuse tamén á "precariedade" na profesión e afondou "na necesidade de seguir avanzando na defensa dos dereitos laborais dos actores e actrices".
O presidente da AAAG tamén aproveitou a ocasión para lembrar a María Casares, ao ano seguinte do seu centenario. “O teatro é político ou non o será. Dicíao María Casares. A profesión escénica, que por unha noite senta no patio de butacas para ser público, está hoxe aquí reunida para celebrar un oficio de forma pública. Tamén de forma política. E como falamos de política e do público, non nos queda máis remedio que falar dunha cuestión que nos é vital: a precariedade”, sinalou Barato, antes de afondar na necesidade "de seguir avanzando na defensa dos dereitos laborais dos actores e actrices".
“Algo común a todos os que nos dedicamos a este oficio segue sendo a citada precarización. Por iso un dos obxectivos desta asociación é a mellora dos convenios que nos rexen. Nos últimos tempos, demos certos pasos para loitar contra esta precarización coas medidas que se foron aprobando no chamado Estatuto do Artista. Pero aínda queda moito por avanzar. Cómprenos dar a pelexa hoxe para garantirnos o futuro”, concluíu o presidente da AAAG.
Os premiados e premiadas
Ademais de As que limpan, a gala tamén recoñeceu o traballo de O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (3 premios)
Ademais de As que limpan, a gala tamén recoñeceu o traballo de O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (3 premios), Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro (2 premios), Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego (2 premios), O deus do pop, de Diego Anido (2 premios), A peste, do Centro Dramático Galego (1 premio) e Papagena, de Butacazero (1 premio).
Así mesmo, A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro, obtivo o galardón ao mellor espectáculo infantil e Xela contra o Dragón Traga-verbas, de Títeres Cachirulo fíxose co premio ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, que se entregaba por vez primeira.
Aínda que a obra de A Panadaría acadou boa parte dos galardóns principais, os premios ás mellores interpretacións estiveron máis repartidos, con galardóns para Josito Porto por Smoke on the water como mellor actor protagonista, María Roja por A peste como mellor actriz secundaria, Evaristo Calvo por O porco de pé como mellor actor secundario, ademais do xa citado premio a Noelia Castro por As que limpan como mellor actriz protagonista. O porco de pé, segunda produción con máis galardóns, fíxose tamén co premio á mellor adaptación ou tradución, que recolleron Quico Cadaval e Pepe Sendón.
Aínda que a obra de A Panadaría acadou boa parte dos galardóns principais, os premios ás mellores interpretacións estiveron máis repartidos
Na gala, dirixida por Marcos Ptt, subiron ao escenario Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asinou o guión xunto a Antón Coucheiro. A gala centrouse nos oficios invisibles da escena e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional. O equipo artístico completouse con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación. Ademais, Clara Gayo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
Gañadores e gañadoras por categorías
- MAQUILLAXE: Diego Valeiras por Papagena, de ButacaZero
- VESTIARIO: Carlos Alonso por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas
- ILUMINACIÓN: Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda por O deus do pop, de Diego Anido
- ESPAZO ESCÉNICO: Blanca Añón por Ás oito da tarde, cando morren as nais do CDG
- ESPAZ SONORO: Mon Orencio por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
- ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Quico Cadaval e Pepe Sendón por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
- TEXTO ORIXINAL: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
- ACTOR PROTAGONISTA: Josito Porto por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
- ACTRIZ PROTAGONISTA: Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
- ACTRIZ SECUNDARIA: María Roja por A peste, do Centro Dramático Galego
- ACTOR SECUNDARIO: Evaristo Calvo por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
- DIRECCIÓN: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
- DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Premio ex aequo a Rut Balbís por As oito da tarde, cando morren as nais, do CDG, e a Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.
- ESPECTÁCULO: As que limpan, de A Panadaría.
- ESPECTÁCULO INFANTIL: A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro
- ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, OBXECTOS E FIGURAS ANIMADAS: Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Títeres Cachirulo.