Cloti Vaello recibe nos María Casares o galardón de honra Marisa Soto. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia fai fincapé en que é "un recoñecemento para os oficios invisibles do teatro", neste caso tras corenta anos detrás do escenario encargada do vestiario
A xastra Cloti Vaello (Ribeira, 1955) recibe na gala dos Premios de Teatro María Casares o galardón de honra Marisa Soto, co que a profesión recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia fai fincapé en que “teatreiras” como Vaello “resultan fundamentais para o sector escénico, mais os seus rostros pasan desapercibidos para os espectadores”. Esta distinción é, polo tanto, “un recoñecemento para os oficios invisibles do teatro”. Formada desde os 13 anos en modistería feminina e xastrería masculina, exerceu durante corenta anos como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente.
Como recibe este premio de honra da Asociación de Actores e Actrices de Galicia?
Colleume totalmente desprevida. No momento quedei descolocada, pero a medida que foron pasando os días, con todas as atencións e entrevistas, xa parezo a Meryl Streep. O que máis me preocupaba era que tiña que falar en galego, porque aquí en Vilagarcía fálase castelán, e agora estou contenta porque serviume para practicalo un pouquiño e creo que xa non o vou deixar. Sei que vou gozar da festa e estou moi contenta porque a miña filla vai estar comigo.
Corenta anos de carreira nas artes escénicas e no audiovisual galego, case poderíamos dicir que é un fito.
Non foron corenta anos seguidos, tamén tiven épocas de parar, pero fun enganchando cousas e buscándome a vida. Traballamos desde a precariedade moitos anos e aínda hai un pouco de precariedade. Outra cousa é o Centro Dramático Galego (CDG), que é o que depende da Xunta, aínda que tampouco está exento. Ademais, a precariedade sempre afecta máis aos traballos máis invisibilizados: se hai que recortar comézase polo vestiario, por exemplo. Somos todos elos da mesma cadea, non debe haber diferenzas.
"Roberto era moi especial. Víao como inalcanzable, como un deus", salienta sobre Vidal Bolaño
Comezou traballando coa compañía Teatro Antroido, que dirixía Roberto Vidal Bolaño, como o lembra?
Eu tiña 24 anos e César Lombera veume buscar para traballar alí, el encargábase da escenografía. Fixen tres ou catro espectáculos con eles e despois veu unha época na que seguín con César cos espectáculos de xigantes e cabezudos. Pero por desgraza, ou por sorte, traballei tamén na última obra que Roberto Vidal Bolaño fixo antes de morrer, que foi Daquel Abrente co CDG. Traballar con Roberto para min foi fantástico, todo era novo. Roberto era moi especial, unha boísima persoa. Víao como inalcanzable, ata me daba medo falar con el porque o vía tan grande e falando tan ben... Víao como un deus. Teño cravadas unhas palabras que me dixo despois da estrea de Daquel Abrente, nuns pinchos que houbo no CDG. Achegouse a min, miroume aos ollos e díxome: “Costureiriña, vou para o carallo”. Eu mireino, non souben nin que contestar, e esa foi a última vez que falei con el.
De onde vén a súa relación coa costura?
Non sei cando comecei a coser porque parece que nacín cosendo, forma parte de min. Recórdome con catro anos –e miña nai deixábame, porque ela xa vía que alí había algo– con agullas cosendo trapos. Quería facer bolillos con cinco anos: atei uns fíos a uns lapis de cores e púxenos nunha almofada pinchados con alfinetes e facía un lío de cousas, pero eu pensaba que facía algo. Miña nai cosía moi ben, aínda que non era o seu traballo, porque tamén tiña unha vena artística espectacular. Algo debín herdar eu diso. Antes ás mulleres non se lles daban moitas oportunidades, pero miña nai pensou que tiña que formarme para ser a mellor cosendo xa que se me daba tan ben. Aprendín todas as técnicas de costura, pero no teatro tes que desenvolver outras capacidades creativas, tes que ser bastante atrevida para facer o traballo.
"Antes ás mulleres non se lles daban moitas oportunidades, pero miña nai pensou que tiña que formarme para ser a mellor cosendo"
Cre que lle puido resultar máis difícil desenvolverse no mundo laboral polo feito de ser muller?
Non me sentín discriminada en nada porque tampouco o pensei. Na miña casa sempre sempre houbo un halo político, son unha persoa concienciada feminista de esquerdas desde moi nova. Sei o que teñen que loitar as mulleres, pero sucede que a miña profesión era de muller e non había practicamente homes (polo menos aquí en Galicia). Co tempo notei, por exemplo traballando no CDG, que seguramente un técnico gañaba máis que nós como xastras. O que pasa é que realmente traballei máis como autónoma para compañías independentes e aí poñía un pouco eu as miñas regras. A verdade é que sempre me sentín moi respectada no meu traballo, sentinme querida e valorada por case todo o mundo. De feito, este premio recoñece esa traxectoria miña.
"Aprendín todas as técnicas de costura, pero no teatro tes que desenvolver outras capacidades creativas"
Dicía que herdou a querenza pola costura da súa nai e vostede tamén lla legou á súa filla Uxía, responsable do vestiario de Matria, a película que vén de estrear Álvaro Gago.
Xamais pensei que a miña fose dedicarse a isto. Ela non cose, é xefa de vestiario, é deseñadora e estilista. Está moito máis formada ca min. Nunca llo inculquei, sorprendeume porque estudou dúas carreiras que non teñen nada que ver con isto, aínda que sempre foi pola rama artística. Tampouco quería que se dedicara a isto porque sei que o noso traballo é moi canso, eu traballei de día e de noite moitas veces, e non sei se se recompensa economicamente o esforzo que fas. Ela sorprendeume apostando por isto, dixo que lle gustaba e formouse. Nunca lle vou dicir o que ten que facer na vida, pero gústame o que está a facer porque sei que está moi preparada e que o fai moi ben.
A vostede gústalle máis a parte de coser que a de deseñar?
Si, gústame traballar cun deseñador e poder dedicarme á parte de xastra. Traballei moito con Carlos Alonso, que é un deseñador fantástico ao que non sei vai parecer ninguén nunca. Era moi imaxinativo e gustábame moito traballar ao seu carón, e agora coa miña filla tamén me gusta moito.