Encabezaba as candidaturas e encabezou os galardóns. Tras un ano de ausencia física por mor da pandemia, os premios María Casares do teatro puideron celebrar presencialmente este 9 de setembro a gala do seu vinte e cinco aniversario. As distincións impulsadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) distinguiron nove montaxes encabezadas pol'A lingua das bolboretas, a adaptación teatral da emblemática novela de Manuel Rivas coa que Sarabela Teatro conmemorou os seus corenta anos sobre os escenarios.
A montaxe de Sarabela foi distinguida como mellor espectáculo e tamén levou os premios á mellor dirección, actor secundario e adaptación-tradución. Tivo un María Casares máis que a segunda montaxe máis distinguida, Bailar Agora, de Marta Alonso, premio á mellor actriz protagonista, mellor dirección e mellor iluminación.
Con dous premios situouse Microspectivas dun marica millennial, con Davide González como mellor actor protagonista e o propio autor e actor, xunto a Vanesa Sotelo, premiados polo mellor texto orixinal. Os restantes premios repartíronse entre O mozo da última fila (Redrum Teatro), con Belén Constenla como mellor actriz secundaria; 32m² (ButacaZero), pola mellor escenografía; A conquista da escola Madhubai (Teatro do Atlántico), mellor música orixinal; O premio (La Quintana Teatro), mellor maquillaxe; Dreaming Juliet (Elefante elegante), mellor vestiario; e Os nenos da varíola (Pére&Ferández), mellor espectáculo infantil.
O teatro Rosalía Castro da Coruña foi o escenario dunha gala á que, cumprindo as restricións da pandemia, puideron asistir unhas 300 persoas. Entre elas, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, ou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, ademais doutros membros da corporación municipal.
O presidente da AAAG, Xosé Barato, advertiu durante a gala dos XXV María Casares que, tras a pandemia, no sector teatral "teremos que estar vixiantes e máis unidas ca nunca" para que "non se destrúa nada do que conseguimos"
No transcurso da gala, que tamén puido ser seguida a través de YouTube, o presidente da AAAG, Xosé Barato, resaltou que malia aos atrancos "vivimos un momento marabilloso, no que convivimos a un tempo a xeración de actrices e actores que botou a andar o noso oficio como profesión" e mais "as xeracións que xa están traballando, pero que non viviron estes tempos". No seu discurso estivo tamén moi presente a lembranzas de persoeiros moi vencellados ao sector teatral que morreron no último ano: Francisco Pillado, Xosé Manuel Pazos e Lino Braxe.
A pandemia e os seus efectos estiveron tamén presentes na intervención do presidente da AAAG. "O teatro é a festa da presencialidade" e a COVID "tocounos na nosa esencia". "Estamos tentando capear ondas e teremos que estar vixiantes e máis unidas ca nunca para cando as ondas se retiren", advertiu, porque "as ondas poden destruír mesmo máis cando se retiran que cando entran". Trátase, concluíu, de que "non se destrúa nada do que conseguimos xuntos".