Bailar Agora é facer, aquí e neste momento, o que sempre soñaras. Non agardar máis. É escoitar os demais e escoitarse a unha mesma. É deixar que o corpo se exprese. Que todo flúa. É seguir movéndose e conectar, no presente, con quen es. Tamén é humor. E ilusión. E humanidade. E naturalidade. E honestidade. Todo isto é a nova peza de Marta Alonso, a bailarina que representa un dos tres piares -xunto con Paula Quintas e Begoña Cuquejo- da compañía TrasPediante. Bailar Agora vén de estar na Estrada, no encontro 6coreógrafas, e no Teatro Principal de Santiago. Falamos con Marta Alonso.
A obra chámase Bailar Agora e parece reivindicar que, se queres bailar, o fagas xa. Algo aplicable á vida en xeral…
En realidade Bailar Agora xurdiume coa maternidade, que me freou porque eu ía moi rápido. Púxenme a analizar o presente e empezaron a aparecer cousas. A idea é, así, estar no presente, vivir o presente, estar no lugar, conectar coa xente, escoitar e escoitarte. Seguir bailando. Subir a un escenario e deixar que o corpo baile, comunicarse a través da danza. Bailar o presente e estar conectados.
“Bailar Agora xurdiume coa maternidade, que me freou porque eu ía moi rápido”
É un percorrido pola vida dunha bailarina desde a súa infancia ata recoñecerse como “señora” (da danza). Ten moito que ver coas etapas vitais, sexa cal sexa a túa profesión. Nese sentido é moi doado identificarse…
Hai unha poética que ten que ver con que a danza forma parte da vida de todo o mundo. Hai xente que se adica á danza, xente á que lle gusta ver danza, pero todo o mundo ou bailou coa súa nai, ou bailou nunha discoteca, ou viu Dirty Dancing… Todas as persoas estamos atravesadas pola danza e Bailar Agora ten que ver con iso, coa conciencia de que somos, en certo modo, danza. E así conecta, claro, cos desexos, as emocións, os ciclos vitais de cadaquén. A peza é algo transversal: a vida, a morte, o amor, as ilusións…
“A peza é algo transversal: a vida, a morte, o amor, as ilusións…”
A maternidade está tratada desde distintos puntos de vista. Un deles é a soidade: non estás preparada e os demais tampouco para axudarche.
Non é só a maternidade. A maternidade foi a experiencia máis animal que vivín. Na nosa sociedade todo é estético, bonito, controlado. Pero despois vives esas experiencias tan animais, que te conectan coa vida e coa morte, e decátaste de que non tes referentes, de que non estabas preparada porque vivimos sobreprotexidos. Nin eu estaba preparada nin había quen me soubese acompañar, ou eu non me sentín acompañada. E isto tamén ten que ver coa idea de que, se queres algo, tes que ser quen de comunicalo para que te poidan axudar. E ese é un traballo que tes que facer ti mesma.
Estás soa no escenario pero interactúas co público. Mesmo lle fas bailar neste tempo no que xa non se pode. Esa interacción co público xa estaba nas túas primeiras pezas: Encontros ou Track6, por exemplo. E falo moi ben, por certo.
É que a danza é un instrumento de comunicación. Para min sería moi difícil estar diante da xente sen estar pendente dela nin verme afectada pola súa reacción. Eu dou e recibo. Ao inicio Bailar Agora ía ser unha peza de danza contemporánea, pero acabou sendo un híbrido con escenas máis abertas coa cuarta parede rota e outras xa máis de danza sen esa relación co público. Con Pablo Reboleiro traballei moito eses cambios, eses pasos dun tipo de escena a outra.
A primeira, por exemplo, que é bastante longa, podía ter outro tempo, pero deixámola así dilatada, en contraste con outras máis abertas e directas. Bailo agora e estou soa pero tamén estou con xente. En Track6 aparecía eu coa cara tapada pero buscaba a conexión co público. Si que é verdade que a ruptura da cuarta parede está bastante presente no que fago. Encontros era unha peza de Lusco e Fusco na que fixen de cover a aprendín moitísimo. Foi duro, pero unha aprendizaxe brutal.
Outro dos acertos do espectáculo é o humor. Ris bastante de ti mesma…
Iso é a unha característica da miña personalidade. Cando coñecín a Begoña Cuquejo ela estaba sorprendida porque eu, estando moi triste, choraba e ao mesmo tempo ría. Nos momentos duros a risa é un xeito de relaxarse un pouco. A cando é unha etapa moi dura e non es quen de rir, recuperar despois a risa significa que recuperaches o control da situación. Para ben ou para mal, o humor acompaña o que fago porque é parte de min.
“O humor acompaña o que fago porque é parte de min”
Dicías antes que ía ser, en principio, danza contemporánea. Na peza, ao final, hai ballet, contemporánea, danzas urbanas… Ten algo de historia da danza. E de historia de calquera bailarina actual: o paso da clásica á contemporánea...
Si, eu sempre digo que é como unha pequena historia da danza que linda con distintos aspectos da vida: os ciclos vitais, a morte, ser muller, ser ourensá… Por iso digo na peza que, tras recibir tanta información sobre a historia da danza, podería ir a Saber y Ganar. As dificultades no tránsito do ballet á contemporánea son algo moi real tamén. Eu pensaba que só me pasara a min, pero é algo moi normal e tamén é bo contalo.
Hai unha escena especial, que é a da filla bailando coa nai e descubrindo o ritmo. A música, en xeral, é importante nesta peza.
Cando fun nai decateime de cousas das que antes non me daba conta, claro. Eu bailaba coa miña nai, teño unha relación moi boa cos meus pais e non podía falar da miña vida como bailarina e non falar da miña familia. Ao final quedou o da nai. A música está moi presente, si: a miña primeira cinta, a explicación por parte de miña nai do que era o ritmo…
Esta peza comezou cunha improvisación que fixen con Pablo Reboleiro, axudante de dirección e dramaturxia, e Victoria P. Miranda, axudante de movemento. Preparei unha picada dos temas da miña vida que despois reducimos a uns poucos para a peza, que serven para contar historias da miña biografía. Ademais, temos a música orixinal de Xabier Bértolo para esas partes das que falabamos antes, máis contemplativas.
As luces son de Laura Iturralde, que dalgunha maneira é tamén unha personaxe da peza, pois diríxeste a ela, aínda que non a vexamos. O mesmo pasa con Ángel Sousa.
É unha das capas da dramaturxia, si. Gústame deconstruír a ficción. Todo o mundo sabe que hai alguén aí controlando as luces. E se a persoa tarda máis en poñer a música, paréceme interesante que iso se vexa en escena. Por que non imos deixar ver as cousas incontrolables que se producen nun espectáculo. É un xogo entre realidade e ficción que me gusta.
“Por que non imos deixar ver as cousas incontrolables que se producen nun espectáculo”
O mesmo pasa co atrezzo: nun principio as cousas ían aparecer maxicamente, como aparecen as primeiras desde o teito. Pero por que non mostrar que me trae as cousas unha persoa que ás veces faino ben e outras faino mal. O mesmo que a barra que non dá baixado. Se a pifiamos, aproveitámolo. Non pasa nada. Así é máis rico. Laura fai tamén, por certo, o espazo escénico. Eu non quería escenografía, quería que só estivesen os elementos dun teatro. Despois foron aparecendo as luces LED, por exemplo. A equipa toda, a verdade, é unha marabilla.
Iso é moi de clown, de circo; o erro… E non é nada raro nunha bailarina coma ti, que fixo varias cousas de circo…
Eu son bailarina pero tomei clases de clown, de circo… e todo vai saíndo. Nesta peza non hai circo no sentido de disciplinas de circo pero si son eu, tamén, pallasa, clown, e iso conecta co que diciamos antes do humor. Para facer Up2down aprendín algo de cable, para Alma algo de verticais… Pero o meu vínculo co circo é o humor. E esta peza é unha peza que se sitúa entre a danza e o humor, quizais na que tento máis en serio explicar o que eu fago. Por iso tamén contei coa axuda de Pablo -humor- e de Victoria -movemento-.
É unha coprodución co Centro Coreográfico Galego.
Si. A produción, por culpa da pandemia, a verdade é que foi un inferno. A estrea adiouse dúas veces, unha polos peches da pandemia e outra porque Jácome decidiu pechar o Auditorio de Ourense. Ao final, facendo un traballo de produción brutal con Manu Lago, conseguimos estrear. Tamén foi importante a colaboración de Teatro Ensalle, a residencia alí, con catro funcións. Sería difícil facer unha peza coma esta sen estes apoios.
“Ao final, facendo un traballo de produción brutal con Manu Lago, conseguimos estrear”
En Up2down están os desexos, as emocións, a danza e o humor. En Alma a idea do baile sen control, a emoción tamén… Hai conexións temáticas no que fas.
Pode ser, si. En Up2down, que fago con Paula Quintas, foi a primeira vez que traballei clown e, si, son os desexos, as emocións, a ilusión…
Con Paula Quintas tamén fixeches Tránsito, que xa é bailar no medio da estación mentres a xente sube e baixa do bus… Xunto coa idea de que somos movemento.
Si, e queriamos retomalo agora, estamos a ver como. A xente vai subir ao bus e queda, que é isto? É unha experiencia moi bonita.
Un dos temas que trata Bailar Agora é o tránsito entre a danza clásica, máis encorsetada, e as artes escénicas contemporánea. Falabas antes da experiencia que fora facer Encontros con Pablo Reboleiro e Alfredo Pérez.
Si, claro. Eu non sabía moverme na rúa, estando en contacto coa xente. Na danza clásica o traballo non se mostra ata que está perfecto, e ademais nunca está perfecto, pero no circo saen á rúa e aprenden a estar co público desde que comezan a controlar algo as bólas. Para min foi un adestramento moi bo.
Desde Baleadas ou Baila un vestido verde hai mudanzas estéticas pero algo quedou.
Baleadas foi unha idea de Begoña Cuquejo que ela mesma dirixiu. Eu estou como intérprete creadora e levo as miñas escenas ao meu lugar dentro da poética de Begoña. En cada viaxe escénica que fas descobres novas cousas e vas desenvolvendo aspectos que despois tamén conforman o que es. É un proceso de ir descubríndose…