Este luns morreu aos 63 anos de idade Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas dende o 2015 e cunha longa traxectoria no mundo da cultura, especialmente no teatro, e na política. Pazos sufría un cancro de pulmón que non lle impediu seguir traballando ata o derradeiro día. Este luns tivo que ser ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde faleceu.
Pazos sufría un cancro de pulmón que non lle impediu seguir traballando ata o derradeiro día
Poucas veces unha morte xera ao seu redor unha unanimidade semellante nas condolencias e nas palabras de dó e de lembranza en ámbitos moi diversos. Pazos, do que hoxe se lembra o seu "humor excepcional", era unha persoa querida e recoñecida no sector cultural. Foi escritor (o seu Ida e volta (Taxi) foi premio Max ao mellor autor teatral en galego), tradutor e participou como actor, autor e director na creación dos grupos de teatro afeccionado de Cangas Matamoura e Múa, ademais de traballar con Teatro de Ningures e colaborar con outras compañías, como Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego. Era membro do consello editorial da Revista Galega de Teatro, pero, sobre todo, foi fundador e impulsor durante anos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Foi fundador e impulsor durante anos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que lembra que "o seu optimismo e a súa xiria conseguiron facer da vila de Cangas un referente universal das artes escénicas, da comedia, do bo humor, do bo facer"
Poucas horas despois de coñecerse a súa morte, a Mostra publicou un emocionado obituario que baixo o título de "Adeus ao alcalde do teatro" destaca que "vimos de perder a un dos principais impulsores desta Mostra, aquel que a imaxinou, aquel que a dirixiu, aquel que loitou sen descanso ate que o soño dun Auditorio Municipal para o Morrazo fora un feito". A Mostra lembra a Pazos como "un home alegre, activo, positivo, traballador incansable a prol da educación, da cultura, do teatro", un "xeneroso impulsor das artes escénicas" que "traballou arreo, programando, cargando e descargando, montando escenarios e ate arriscando a propia economía para que esta Mostra chegara a bo porto en cada edición". E conclúe que "o seu optimismo e a súa xiria conseguiron facer da vila de Cangas un referente universal das artes escénicas, da comedia, do bo humor, do bo facer". "Hoxe vaise un home de teatro, un artista, un home de ben, un amigo, o Alcalde de Cangas, o Alcalde do Teatro", engade.
As lembranzas dende o mundo da cultura son numerosas e cheas de afecto e recoñecemento, como a que realiza o editor Manuel Bragado, que escribe "Xosé Manuel Pazos foi modelo de dignidade como mestre, traballador da cultura e da causa do común. Morreu cos brazos abertos á vida".
Con todo, ao igual que Pazos foi "o alcalde do teatro", tamén foi o teatreiro que facía política e a política encheu igualmente boa parte da súa vida. Militante de Esquerda Unida, dedicouse sobre todo ao traballo municipal e de base, sendo ademais concelleiro de Cultura en Cangas en dúas etapas (1995-97 e 2007-09). Porén, a súa actividade política transcendeu en moitos momentos o horizonte local. Foi deputado no Parlamento galego entre 1997 e 2001 xunto con Anxo Guerreiro a través de Esquerda Galega, que se presentara en coalición co PSdeG-PSOE, pero que conformou un grupo propio na cámara. Guerreiro adoitaba referirse ao Grupo Mixto como o grupo de "Pazos e mais eu".
Xosé Manuel Pazos foi unha persoa clave no éxito dos distintos procesos de converxencia que se deron entre espazos políticos de esquerda en Galicia
Pero, ademais, nos anos seguintes Xosé Manuel Pazos foi unha persoa clave no éxito dos distintos procesos de converxencia que se deron entre espazos políticos de esquerda en Galicia. Comezando por Cangas, onde dende o 2007 a unión de Esquerda Unida, a Fronte Popular Galega e outros grupos deu lugar á Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), acadando a Alcaldía no ano 2015 e revalidándoa nos comicios de 2019. Esa experiencia de colaboración foi fundamental para formación da Alternativa Galega de Esquerda no ano 2012, a unión de Esquerda Unida, Anova, Equo e Espazo Ecosocialista que acadou un grande éxito nas eleccións ao Parlamento galego dese ano.
A experiencia da Alternativa Canguesa de Esquerdas foi fundamental para formación da Alternativa Galega de Esquerda no ano 2012
Neste senso, Esquerda Unida destaca que Pazos foi "artífice dos grandes procesos de confluencia política da esquerda" e un "referente político para os homes e mulleres que acreditan na unidade política e no compromiso social”, sinalando que "Galicia e Cangas perden a un dos homes que traballou arreo para a unidade das forzas de esquerdas". Esquerda Unida subliña que sen a creación de Alternativa Canguesa de Esquerdas "non se entendería a creación de AGE no 2012 e tampouco as candidaturas de unidade popular e procesos políticos posteriores”.
As lembranzas e condolencias repítense en formacións de esquerda e entre as persoas que compartiron con el este espazo político
As lembranzas e condolencias repítense en formacións de esquerda e entre as persoas que compartiron con el este espazo político e chegan mesmo dende varios ministros e ministras do Goberno central, como Yolanda Díaz ("Os valores solidarios da esquerda e da xustiza social alimentaron sempre a vida e a andaina política de Xosé Manuel Pazos. O seu lugar no mundo era Cangas e alí, como alcalde, deu leccións eternas do poder transformador da cultura. Doe dicirlle adeus a tanta sabedoría e bondade"), Pablo Iglesias ("Hoxe é un día triste para a política galega. Deixounos Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, compañeiro, exemplo de unidade e compromiso. Militante da esquerda alegre e fraterna") ou Alberto Garzón ("Tristemente hoxe deixounos Xosé Manuel Pazos, militante de Esquerda Unida e alcalde de Cangas do Morrazo. Un exemplar defensor dos dereitos da clase traballadora").
"Con el vaise una parte da mellor historia da política do noso país", escribe Manuel Lago
E tamén de Podemos Galicia ("Hoxe é un día triste. Deixounos Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas. Exemplo de compromiso e facer políticas a prol da xente"), Anova ("Impactadas e impactados coa mala nova. A nosa aperta máis fonda á familia, amizades, camaradas e ao pobo de Cangas. Pazos sempre estivo a prol da xente do común, da unidade popular e na construción dunha Galiza máis xusta, ceibe e democrática"), Marea Atlántica ("Foise Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, un loitador pola xustiza social e os dereitos das maiorías, e un pioneiro da unidade popular en Galicia. Deixa unha fonda pegada na memoria de quen o coñecemos. Grazas por todo, Pazos") ou Compostela Aberta ("Hoxe deixounos Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e home comprometido cos valores da esquerda e cos intereses dos máis"). "Con el vaise una parte da mellor historia da política do noso país", escribe Manuel Lago e Martiño Noriega destaca o falecemento dun "home do teatro, precursor da Unidade Popular nos violentos anos dez".
As múltiples palabras dedicadas nas últimas horas nas redes sociais a Pazos subliñan o seu papel como "construtor da unidade popular", ou a súa xestión municipal e o seu labor de impulso cultural en Cangas
Os recoñecementos institucionais repetíronse nas últimas horas, dende o realizado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ("Síntome moi triste ante o anuncio do pasamento do alcalde de Cangas. Xosé Manuel Pazos era un home bo, un extraordinario servidor público é unha persoa comprometida coa xustiza social"), ata o do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ("lamento o falecemento do alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos. Político de longa traxectoria, tamén no Parlamento galego, deixa unha vida de servizo público, dedicada a mellorar o benestar dos seus veciños e o seu concello"), pasando polos de numerosos alcaldes e alcaldesas de toda Galicia, especialmente do Morrazo e das comarcas próximas.
As múltiples palabras dedicadas nas últimas horas nas redes sociais a Pazos subliñan o seu papel como "construtor da unidade popular", ou a súa xestión municipal e o seu labor de impulso cultural en Cangas. Con todo, varias das lembranzas a Pazos son máis sinxelas, pero ao tempo resumen a pegada e o peso que deixan na súa vila e en toda Galicia: "foise un amigo, un compañeiro e sobre todo unha boa persoa".