Morre aos 80 anos Francisco Pillado, figura fundamental do teatro e da edición galega

Francisco Pillado © CRMH da Coruña

Francisco Pillado Mayor -Pancho Pillado, como era coñecido polas súas amizades- finou este xoves na Coruña aos 80 anos de idade. Nacido na cidade herculina en 1941, foi durante décadas unha figura fundamental do teatro galego e tamén da edición, a través de Laiovento. Dende o ano 2011 era, ademais, presidente de honra da Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, xornal que apoiou dende os primeiros momentos.

Pancho Pillado foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho, da Escola Dramática Galega ou Elsinor Teatro

Naceu no seu dunha familia comprometida coa democracia e coa cultura, fillo do xornalista Francisco Pillado Rivadulla, que chegou a ser director de La Voz de Galicia (1968-1977). Dende moi novo, Pancho Pillado interesouse polas artes escénicas e foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), da Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990), dirixindo ademais numerosas publicacións de dramaturxia, coma os Cadernos da Escola Dramática Galega ou a Revista de Teatro Casahamlet.

Francisco Pillado CC-BY-NC-SA Praza Pública

En 1997 foi elixido polo Parlamento de Galicia (a proposta do BNG) membro do Consello de Administración da CRTVG. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.

No ano 1990 impulsou a creación da editorial Laiovento, que dirixiu ata o ano 2014

No mundo da edición, ademais, foi director de Laiovento, fundada en 1990 por Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manolo González Millares, Afonso Ribas e o propio Pillado. A editorial nacía "coa pretensión de contribuír desde unha óptica progresista e aberta á normalización cultural e política de Galicia". Outro dos compromisos adoptados inicialmente foi que, mentres non se acadase unha normativa "de consenso" para a lingua galega, "en todos os nosos libros respectaríase a opción ortográfica de cada autor ou autora".

No ano 2014 abandonou ante notario a dirección da editorial nun acto no que estivo acompañado por Suso Couceiro e Pepe Carreiro. Pillado dicía estar "desmotivado e demoralizado", "canso" dun labor editorial "á contra", nun escenario difícil, no que denuncia a falta de apoio da Xunta e a "invisibilización" da cultura galega nos medios de comunicación. "Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa", dicía.

Dende o 2011 era, ademais, presidente de honra da Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, xornal que apoiou dende os primeiros momentos

Nese momento, dende Praza.gal puxémonos en contacto con seis persoas cun coñecemento directo do labor da editorial e do traballo concreto de Pillado á súa fronte: Pepe Carreiro, Xosé Manuel Beiras, Mercedes Queixas, Manuel Lourenzo, David Otero e Xosé María Álvarez Cáccamo. Todas elas destacaron o labor de Pillado e da editorial como un "proxecto de compromiso e de dignidade".

Tres anos máis tarde, Pillado foi galardoado como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas durante toda a súa vida. Nese momento realizámoslle unha entrevista na que alertaba de que "os valores da democracia e da República están agora peor defendidos que antes".

En 2017 Pillado foi galardoado como Republicano de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña

Autor de numerosas obras de ensaio, de teatro e traducións, recibiu numerosas distincións, coma o Premio da Crítica en 1989 polo seu labor como director dos Cadernos da Escola Dramática Galega ou o Premio Abrente de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no 2012.

Home de libros, en 1996 doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.

Pillado e Noli Vega, coas máscaras d'Os vellos non deben de namorarse' © CRMH da Coruña

Nos últimos anos Pillado fora recibindo o agarimo e a homenaxe do mundo da cultura galega, con obras colectivas coma No País da Irmandade. Homenaxe a Francisco Pillado Maior, publicada en 2007, ou o libro de conversas No pazo de Laiovento (2008), editada por Espiral Maior. O abandono da dirección de Laiovento ou a homenaxe recibida pola CRMH fixo agromar a admiración que espertaba o seu labor e o seu compromiso coa cultura e cos valores da esquerda, demostrados ata o final en obras como Banqueiros, editada en 2012 e que apadriñou. 

"Pancho Pillado é, por enriba de todo, unha boa persoa, afectuosa e con gran sentido da amizade.  Ben merece estas homenaxes. Saúde e República, mestre", escribiu Pablo Vaamonde

Este xoves, despois de coñecer o seu pasamento, comezaron a reproducirse nas redes sociais as mensaxes de despedida, coma a de Miguel Anxo Fernán Vello ("Descanse en paz o meu vello amigo Francisco Pillado, con quen tanto traballei e aprendín") ou a da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que manifestou o seu "profundo pesar" polo pasamento.  

Facemos noso o escrito xa hai uns anos por Pablo Vaamonde nun artigo de opinión titulado 'A bondade de Pancho Pillado', publicado co gallo da homenaxe realizada pola CRMH: "Pancho Pillado é, por enriba de todo, unha boa persoa, afectuosa e con gran sentido da amizade.  Ben merece estas homenaxes. Saúde e República, mestre".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.