Pancho Pillado abandona a dirección da editorial Laiovento. Fixo oficial a súa renuncia ante notario, acompañado de Suso Couceiro e Pepe Carreiro, dúas das persoas que máis o teñen acompañado nos últimos anos no traballo da editorial e que, en principio, continuarán dirixindo o proxecto, que botou a andar en 1991. Pillado asegura estar "desmotivado e demoralizado", "canso" dun labor editorial "á contra", nun escenario difícil, no que denuncia a falta de apoio da Xunta e a "invisibilización" da cultura galega nos medios de comunicación. "Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa", asegura.
"Durante todos estes anos fun feliz co traballo, pero agora non desfruto. Traballei sempre sen remuneración ningunha, e agora xa non me compensa", asegura
Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, fala da crise económica, que en máis dunha ocasión denominou como "espolio", como fixo por exemplo no prólogo de Banqueiros: "dun tempo a esta parte, a palabra crise é, sen dúbida, o eufemismo utilizado con maior frecuencia para explicar unha realidade cada vez máis triste, ruín e inxusta". E cita, por exemplo, o dato coñecido hai uns días, de que os galegos e galegas gastan 15,3 millóns de euros menos en libros. “Isto é unha barbaridade" -di Pillado- "e supón un desastre para as editoriais e tamén para librarías como Couceiro na Coruña, que vén de anunciar que pecha”.
Denuncia igualmente a "invisibilidade" da cultura galega, os libros en galego e as editoriais do país nos medios de comunicación: "Estanse publicando libros interesantes, o problema non está aí. Mediaticamente non existimos. Non quero caer no mecanismo fácil de botarlles as culpas aos demais, pero se un lector non sabe da existencia dun libro, se non sae nos medios, se é relegado nas librarías a un lugar secundario, non o vai mercar".
"Mediaticamente non existimos. Non quero caer no mecanismo fácil de botarlles as culpas aos demais, pero se un lector non sabe da existencia dun libro, se non sae nos medios, se é relegado nas librarías a un lugar secundario, non o vai mercar"
Fala tamén do Goberno galego, "inimigos da cultura galega", e en xeral do "nulo" apoio das administracións. Pon o exemplo dun libro colectivo sobre o decreto de plurilingüísmo que hai uns anos lle pediu que coordinase ao maxistrado Luís Villares: "A obra, coa participación de xuristas e profesores, demostraba que o decreto era anticonstitucional. Sabes cantos libros mercou a Xunta? Mercou oito libros, supoño que para darllos aos altos cargos da consellaría".
22 anos de Laiovento
Entre os mellores momentos desta xeira á fronte da editorial, Pillado destaca sobre todo que "foi un honor e un gusto traballar con Pepe Carreiro e Suso Couceiro", e tamén "a liberdade de facer o que queríamos e pensabamos"
A editorial Laiovento naceu en 1991. "Naquel momento, en vista de que había unha censura moi grande para a xente que quería escribir en reintegrado, fundamos a editorial, cun grande apoio de Xosé Manuel Beiras", lembra Pillado. “A min sempre me gustara moito o mundo editorial. Dirixín durante moitos anos os Cadernos da Escola Dramática Galega, tamén os Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, os libros de Elsinor Teatro, fun director da revista Casahamlet...", sinala. Este traballo de Pillado e de Laiovento no seu conxunto a prol do teatro galego foi recoñecido pola Mostra de Teatro de Ribadavia, que lle entregou hai dous anos o Premio Abrente de honra, sinalando que "as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social".
Entre os mellores momentos desta xeira á fronte da editorial, Pillado destaca sobre todo que "foi un honor e un gusto traballar con Pepe Carreiro e Suso Couceiro", e tamén "a liberdade de facer o que queríamos e pensabamos". "Eu non podería facer outro tipo de traballo editorial que o que facemos. Para facer outro tipo de libros, non me interesa", explica.
"Eu non podería facer outro tipo de traballo editorial que o que facemos. Para facer outro tipo de libros, non me interesa", explica
"Optamos por especializarnos en ensaio, sen esquecer o teatro, e estou moi orgulloso dos libros que fomos publicando", salienta. Cita, por exemplo, o interese amosado por Laiovento nos últimos tempos en publicar obras que explicasen e denunciase a actual situación de "espolio" e de "destrución programada" do benestar e do público: Banqueiros, A saúde como negocio (Pablo Baamonde) ou A educación: dereito ou mercadoría? (Mariló Candedo). E este respecto, lembra que aquel prólogo de Banqueiros comezaba apoiándose nalgunhas citas, de Shakespeare ou de Brecht, e tamén unha de Díaz Pardo, que sinalara que “no decurso da súa historia, a humanidade estivo a plantar fermosas flores de amor e de fe para que agora as coman os porcos”.
Pillado espera que outros continúen o traballo realizado, comezando por algunhas obras que están a piques de entrar no prelo, "por exemplo unha novela de Xavier Seoane sobre Rosalía de Castro, un libro magnífico de investigación de Francisco Redondo, un ensaio de Manuel Monge sobre memoria histórica e un libro de narrativa de Paco Yáñez".