Francisco Pillado anunciou a pasada semana a súa intención de abandonar a dirección da Editorial Laiovento, despois de máis de 22 anos, "canso" dun labor editorial "á contra", nun escenario difícil, no que denunciaba a falta de apoio da Xunta e a "invisibilización" da cultura galega nos medios de comunicación. Un momento, pois, para facer balance do traballo realizado e da importancia deste proxecto editorial na cultura galega contemporánea, unha valoración que lles pedimos a seis persoas cun coñecemento directo do labor da editorial e do traballo concreto de Pillado á súa fronte: Pepe Carreiro, Xosé Manuel Beiras, Mercedes Queixas, Manuel Lourenzo, David Otero e Xosé María Álvarez Cáccamo.
En 1991 Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manolo González Millares, Francisco Pillado e Afonso Ribas botan a andar Laiovento (tomando o nome dun texto dramático de Otero Pedrayo) "coa pretensión de contribuír desde unha óptica progresista e aberta á normalización cultural e política de Galicia". Outro dos compromisos adoptados inicialmente foi que, mentres non se acadase unha normativa "de consenso" para a lingua galega, "en todos os nosos libros respectaríase a opción ortográfica de cada autor ou autora".
"Laiovento fixo e segue facendo un labor encomiable en tempos verdadeiramente duros, sobre todo ese labor de especialización no mundo do ensaio, que non existía nas editoriais galegas. E ensaio, ademais, non só de temática galega, senón ensaio de alcance universal. Coa visión que tivo sempre o galeguismo histórico: mirando o mundo dende Galicia. Ese diálogo nacionalismo-internacionalismo é algo permanentemente de manifesto", destaca Xosé María Álvarez Cáccamo, unha opinión compartida por David Otero, que salienta que Laiovento "foi símbolo de liberdade en canto a normativas, en canto a temas, foi unha plataforma non acoutada senón aberta, unha plataforma de liberdade. Tanto na tradución de obras do pensamento e da literatura universal coma na publicación de obras de pensamento e de creación feitas en Galiza".
Mercedes Queixas: "É unha casa editora que acolleu sempre, dende o respecto escrupuloso, as escritoras e os escritores noveis, e que acolleu, moitas veces de xeito arriscado, temáticas que non tiñan cabida noutros selos editoriais"
"Laiovento é unha casa amiga, á que volves sempre" -subliña Mercedes Queixas- "É unha casa editora que acolleu sempre, dende o respecto escrupuloso, as escritoras e os escritores noveis, e que acolleu, moitas veces de xeito arriscado, temáticas que non tiñan cabida noutros selos editoriais. Laiovento cumpriu un papel histórico de ser un proxecto de compromiso e de dignidade. É unha editora que apostou, como algo nuclear, como eixo vertebrador, pola potenciación do ensaio e do teatro, xéneros algo máis deficitarios á hora da visualización editorial". Queixas sinala igualmente a importancia do "achegamento máximo e sincero ao mundo da lusofonía, tanto a través do acollemento das e dos autores que escriben os seus textos de acordo coa normativa integradora, coma da investigación sobre o ámbito lusófono".
Manuel Lourenzo: "É unha editorial digna de Francia ou Alemaña, de países ricos que potencien os seus saberes e a súa cultura"
"É unha editorial case case enciclopédica, porque trata practicamente todos os xéneros da escrita e todos os temas" -engade Manuel Lourenzo- "É unha editorial digna de Francia ou Alemaña, de países ricos que potencien os seus saberes e a súa cultura". Un proxecto que ten moito de Pancho Pillado, pero que por suposto é froito do traballo colectivo de moitas persoas, como lembra Pepe Carreiro: "Xosé Manuel Beiras, Xesús Couceiro, Sandra Vilaseco, Afonso Rivas, Paco Souto, Mercedes Queixas, Manolo Millares... A editorial apoiouse desde o principio na experiencia que cada unha destas persoas tiña en áreas diversas: edición, comercialización, impresión, administración ou deseño gráfico. E este é, coido, un dos piares que a sustentan".
O futuro de Laiovento
Pepe Carreiro: "A editorial continuará fiel aos seus principios fundacionais: unha empresa que ten como único obxectivo o de contribuír desde unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza"
Pepe Carreiro, administrador da editorial, asegura que "a editorial continuará fiel aos seus principios fundacionais: unha empresa que ten como único obxectivo o de contribuír desde unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza; manter como único criterio selectivo a calidade estética e o rigor científico; e continuar polos vieiros da Liberdade e o Inconformismo, nun país como o noso, no que se multiplican as ataduras de todo tipo, no que se practica a máis obscena e descarada das censuras polo goberno autonómico, en detrimento desoutro modelo cultural que vive, medra e se reproduce baixo o amparo e control duns subsidios claramente discriminatorios". Carreiro conclúe que "este magma podre, que nos fixo reaccionar hai xa preto de un cuarto de século, non mudou e, polo tanto, non hai motivos para relaxarnos".
O primeiro libro publicado por Laiovento foron as Prosas de combate e maldicer de Xosé Manuel Beiras. Precisamente Beiras destaca que "Pancho Pillado foi inspirador e peza chave da creación e da andaina, até agora, da editorial Laiovento. Ademais, foi o motor do equipo encargado da programación editorial. Os que continuamos na nave teremos que nos esforzar por seguirmos o seu exemplo".
"Un pesimismo que non é resiganción"
"O pesimismo de Pancho non é derrota, nin é resignación, senón que o seu pesimismo vén como consecuencia dunha dinámica do país", sinala David Otero
Todos os entrevistados comparten a preocupación de Francisco Pillado ante o difícil momento que vive a cultura galega e os obstáculos de todo tipo aos que se ten que enfrontar. Manuel Lourenzo destaca que "é moi difícil manter unha cultura hoxe en día sen que estea moi protexida polo poder público, polos cartos de todos. E o primeiro que fai este goberno é retirar eses tetos para que non haxa leite, para que a cultura galega se consuma. Pero vanse foder, porque o noso barco vai seguir a flote, a pesar de todo".
"O pesimismo de Pancho non é derrota, nin é resignación, senón que o seu pesimismo vén como consecuencia dunha dinámica do país", sinala David Otero, que engade que "Pillado mira para os lados e ve como van desaparecendo editoriais e xornais, vaise consumindo todo coa axuda institucional. Mira cara aos lados, e ve como, dunha maneira feliz e compracente, marcha Sargadelos. Sargadelos vaise e ninguén fai a reflexión de que é unha creación nacional nosa, e que é algo que había que defender. El ve isto e é normal que se sinta canso e desilusionado, despois de tanto esforzo". "Creo que a súa renuncia non se debe só ao pesimismo, senón ao feito de militar na resistencia. Chega un momento no que é normal sentirse canso", conclúe.
X.M. Álvarez Cáccamo: "Os que queremos a Pancho temos neste momento a tristura polo capitán que deixa o barco, pero tamén a ledicia porque baixe á terra, e na terra atopará novas experiencias vitais"
De igual xeito, Xosé María Álvarez Cáccamo di que "entende" as súas razóns e "comparte" a súa valoración sobre o difícil momento da cultura galega. Porén, engade que "ao seres humanos ten que chegarlles nalgún momento o tempo de descansar. Entendo a súa nostalxia polos anos que quedaron atrás pero anímoo a que desfrute desta nova etapa na súa vida, que é a xubilación, na que tamén estou eu. Os que queremos a Pancho temos neste momento a tristura polo capitán que deixa o barco, pero tamén a ledicia porque baixe á terra, e na terra atopará novas experiencias vitais. Ademais, Pancho non vai abandonar nunca o activismo cultural".
Pancho Pillado, o intelectual "que sempre está a escoitar"
"Pancho representa a figura do intelectual, dono dunha sabedoría vasta e cunha gran dimensión humana. É unha persoa próxima, afectiva, que sempre está a escoitar", destaca Mercedes Queixas
"Pancho representa a figura do intelectual, dono dunha sabedoría vasta e cunha gran dimensión humana. É unha persoa próxima, afectiva, que sempre está a escoitar", destaca Mercedes Queixas, que afirma que Pillado "responde ao perfil dunha persoa comprometida coa sociedade, apoiando todas as causas de defensa da identidade individual e colectiva. E ese é un eixo nuclear de toda a súa vida, o seu traballo na CRMH, ou en moitos proxectos sen os que hoxe non se entendería o ámbito editorial e da dramaturxia".
Para David Otero, Laiovento "é unha consecuencia lóxica dese papel protagonista que Pancho tivo no movemento social, político e cultural galego nos anos sesenta e setenta, da súa responsabilidade política e social"
Para David Otero, Laiovento "é unha consecuencia lóxica dese papel protagonista que Pancho tivo no movemento social, político e cultural galego nos anos sesenta e setenta, da súa responsabilidade política e social. Había que crear instrumentos, e había que crear medios e plataformas, e unha delas, moi importante, foi Laiovento. Formaba parte dun proxecto". E de igual xeito Mercedes Queixas fai fincapé "no seu papel, que penso que sempre vai quedar minguado ou aminorado, como escritor, cunha importancia moi grande nas orixes do teatro galego". E tamén na súa importancia como tradutor, "un itinerario que podería ter desenvolvido na súa vida moitísimo máis e que claramente sacrificou polo seu compromiso colectivo con tantos proxectos, entre eles por suposto Laiovento".
Beiras conclúe que "a súa enorme curiosidade intelectual, moi aberta e case enciclopedista, non só se comprometeu coa cultura, senón tamén coa emancipación do pobo galego"
Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras destaca que "o labor de Pancho Pillado na defensa e promoción do teatro galego e en Galiza ten poucos equivalentes na nosa historia cultural. Adoito da man de Manuel Lourenzo, outras veces en solitario, Pillado puxo en marcha dicionarios e antoloxías do xénero, apostou pola Escola Dramática Galega, traduciu clásicos e non tan clásicos e promoveu compañías". Beiras conclúe que "a súa enorme curiosidade intelectual, moi aberta e case enciclopedista, non só se comprometeu coa cultura, senón tamén coa emancipación do pobo galego. Pancho Pillado é, ao cabo, un entrañábel amigo e un compañeiro solidario en todos os combates que compartimos".