A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas vén de ser recoñecida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co premio de Honra Marisa Soto
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas vén de ser recoñecida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co premio de Honra Marisa Soto. A Xunta Directiva da asociación quixo distinguir a Mostra de Cangas pola súa longa traxectoria, de 38 anos, e “polo enorme labor que significa desde a súa creación tanto para a creación de públicos como para fornecer carreiras profesionais”, ademais de polo traballo “pioneiro e referencial” do encontro Mulleres en Acción. Falamos con María Armesto, directora artística da Mostra, da andaina deste festival e da edición deste ano, que se celebra do 1 ao 10 de xullo.
Como foi recibir o premio Marisa Soto?
“Este premio tamén foi totalmente inesperado, como o da crítica galega”
Cando recibimos o premio da crítica galega non o esperabamos. Con este premio tamén foi totalmente inesperado. É moi importante que exista un premio como o Marisa Soto, que llo dan a actores e actrices. Ademais leva o nome de Marisa Soto, que é un referente do teatro. E é o 25 aniversario do premio, o cal é tamén un orgullo para nós.
A Mostra de Cangas naceu ao mesmo tempo que a de Ribadavia, no 1984. Pouco había entón. Álvarez Pousa era director xeral de Cultura e estaba tentando apoiar a creación dunha estrutura cultural…
Naquel momento Cangas, e Galicia en xeral, era un ermo nese aspecto. Mais en Cangas había un grupo de persoas, sobre todo mestres e mestras, ás que lles gustaba moito o teatro, facían teatro amador… Estaban Henrique Harguindey, Xosé Manuel Pazos, Silda Alfaro, Afonso Marcos, Maruxa Barrio, despois Che Mariño… Nun principio pensaron en facer unha mostra de teatro moito menos ambiciosa do que foi despois. Falaron con Álvarez Pousa, si, que nese momento estaba nese proceso que dis. A Asociación Cultural Xiria acababa de nacer e, ben, acabou sendo unha mostra de teatro cómico e festivo porque pensaron na importancia do Entroido de Cangas… A Asociación Cultural Xiria estaba a facer moito teatro amador, mobilizou moito a xente… E Pousa quería facer -e isto xa é a miña opinión- o que se estaba facendo en Europa: crear unha base de festivais para dinamizar a vida cultural... Así que foi a confluencia das dúas cousas.
O que si conseguiu a Mostra foi crear un público. Da vila e de fóra dela.
“Hai un xérmolo de profesionais e público que a Mostra propiciou”
De feito é algo que xa pasa de xeración en xeración. Cando María Salgueiro leu o pregón xa dicía que ela ía á mostra de moza. Fran Paredes, que o vai ler este ano, tamén hai moitos anos xa que viña… En Cangas si hai moito gusto polo teatro, un tecido natural de afección polas artes escénicas. De Cangas saíron Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Tanxarina… E non digo que fose mérito noso, pero si que hai un xérmolo de profesionais e público que a Mostra propiciou. Ademais que a Mostra empezou nun pequeno teatro, despois estivo en varios cines, en carpas, na rúa, no pavillón deportivo… E houbo unha grande mobilización social, promovida por Xiria e pola Mostra, para reclamar a construción do Auditorio. Polo que a vila sentíase implicada coa Mostra.
Como afectaron á Mostra os vaivéns políticos?
Nos primeiros anos contaban cun millón e medio de pesetas, das de aquela, e esa axuda mantívose. Iso antes de que comezase a axuda municipal. Despois chegaron os gobernos de Manuel Fraga e o orzamento foi baixando. Así que, en canto á axuda da Xunta, houbo altibaixos, nun tempo no que as axudas ademais non estaban moi reguladas. Despois, hai como once anos, xa se asinou un convenio coa federación de festivais, polo que todo está moito máis regulado a través dunha convocatoria pública cuns criterios. Iso normaliza a situación porque, polo menos, se non estás de acordo, podes reclamar. Nós fixemos iso co INAEM, por exemplo.
A axuda do concello empezou máis tarde que a da Xunta entón?
A Mostra levaba xa algo máis dunha década. Todos os partidos foron apoiando a mostra: ninguén rebaixou o orzamento significativamente. Tamén é certo que a axuda non é tan grande en comparación con outros festivais: son 15.000 euros. Tampouco pagamos o aluguer do Auditorio.
Dun orzamento total de canto?
Andamos sempre sobre 100.000 euros, dos que a metade son para a programación. O resto para publicidade, cartelería, equipamento técnico, etc. É un orzamento pequeno, en realidade.
E ademais dese aspecto, en que podería mellorar a Mostra?
“Un dos nosos obxectivos é ampliar a programación a máis días”
Queda moito por facer. Hai espectáculos que non podemos traer por falta de orzamento. Despois, un dos nosos obxectivos é ampliar a programación a máis días. Hai cousas que a xente non pode ver porque se pisan as datas dos espectáculos ao ter que concentralo en poucos días. Fomos tamén ampliando o equipo, que facía moita falta: prensa, deseño gráfico… Pero aínda somos poucos. Gustaríanos, si, poder facer unha mostra máis ampla en días, máis internacional e máis variada.
Un dos aspectos que distinguen a Mostra, ademais da especialización en teatro cómico e festivo -que despois tampouco é estritamente así- é a relevancia da perspectiva de xénero. Ademais do encontro Mulleres en Acción hai paridade na escolla de compañías, tense en conta a perspectiva de xénero na elección das propias obras… Iso foi unha achega túa?
“Eu non quería, con Mulleres en Acción, facer unha especie de engadido da programación, senón algo que se integrase na Mostra”
Eu entrei a colaborar no 1997 e no 1998 fun ao Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz, no que tiñan algo semellante. Eu volvín para aquí e quixen montar algo así. Che Mariño, que foi a directora da Mostra durante moitos anos, ou Pepa Barreiro apoiaron a idea desde o principio, ou Paula Tenorio, do CIM de Cangas. Eu non quería facer unha especie de engadido da programación, senón algo que se integrase na Mostra. Quería, ademais dos espectáculos, un espazo de debate e encontro de mulleres. Foi un proceso lento pero foron aparecendo moitas cousas. Por exemplo, as mulleres produtoras, que moitas veces son invisibles. Cando figura que produce a compañía moitas veces quen produce é unha muller da compañía.
A programación inclúe este ano unha homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, que faleceu hai uns meses. Que papel tivo na Mostra?
"Xosé Manuel Pazos era mestre e xa usaba o teatro nas aulas como recurso pedagóxico, foi un home de teatro, por iso a homenaxe 'Teatreiro de seu'"
Xosé Manuel Pazos era mestre e xa usaba o teatro nas aulas como recurso pedagóxico. Desde moi novo fixo teatro amador. Foi un dos membros do grupo que creou a Mostra, da que foi director durante dez anos. Sempre estivo ligado ao teatro, tamén como dramaturgo. Foi o autor de María Soliña ou de Emigrados, coa que gañou o Premio Max. Tamén fixo moitas traducións de obras clásicas e contemporáneas. Fixo moito por impulsar a Mostra. Despois entrou en política e seguiuna apoiando. Foi concelleiro, deputado no Parlamento de Galicia e alcalde de Cangas. Como parlamentario batallou moito por exemplo polo Auditorio. Foi membro de Teatro de Ningures, colaborou coa Revista Galega de Teatro, con outras compañías teatrais, co CDG:.. Foi un home de teatro, por iso a homenaxe Teatreiro de seu.
A Mostra inclúe catro estreas absolutas, tres delas en coprodución: Isolada, Abracadaver e Castingjo.
Si, hai uns anos que comezamos a facer coproducións. Con recursos limitados. Pero si, este ano temos a Pajarito con Isolada, un espectáculo de clown sobre a soidade, os soños, o fracaso… Tamén a Assircopatas con Abracadaver. É unha compañía de circo que fai espectáculos de rúa moi bos para público infantil e familiar. Temos sempre tamén algún espectáculo que promove a propia Mostra pola rúa, que este ano será Castingjo, de Se Rial e Anabel Budiño. E temos un obradoiro en colaboración co proxecto A lúa vai encuberta, gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. As compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante gañaron este certame con esta peza, a partir dunha investigación sobre o concepto de País. Teremos no obradoiro a Vanesa Sotelo, Davide González, Tito Asorey e Melania Cruz. Ao rematar o obradoiro empezarán os ensaios do espectáculo.
Que podemos salientar sobre os espectáculos que poderán verse no Auditorio?
“Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Teatro Art’imagem, será estrea no Estado. Para nós é un xeito de dar continuidade ao nexo que mantemos desde hai anos con Portugal”
Mocos, de Contraproducións, é un espectáculo baseado en dous relatos de dous mestres, dúas experiencias de dous mestres, un dos cales é Xosé Manuel Pazos. Parecíanos que tiña que estar na Mostra. Ademais, claro, porque é Cándido Pazó. La señorita doña Margarita é un espectáculo que Juan Magarllo e Petra Martínez retoman tras 25 anos. É un texto de Roberto Athayde que foi levado a escena por varios actores míticos europeos e americanos. É unha historia sobre autoritarismo. Juan e Petra xa estiveran na Mostra hai 24 anos e pareceunos boa ocasión para volver traelos. Las niñas de Cádiz tamén estiveran xa na Mostra, pero antes tiñan outro nome. É unha compañía de mulleres que traballan moi en serio a dramaturxia e a interpretación. Fan adaptacións e El viento es salvaje fan unha reescrita de mitos clásicos en clave de humor.
Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2, é unha delicatessen. Sempre collemos espectáculos galegos e en galego para teatro infantil. Este é un espectáculo cun texto marabilloso de Jean Giono, cunha interpretación moi boa de Mercedes Castro e cunha factura estupenda. Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Teatro Art’imagem, será estrea no Estado. Para nós é un xeito de dar continuidade ao nexo que mantemos desde hai anos con Portugal. Ademais, ten dirección de Vanesa Sotelo. Ritos de amor e guerra é da compañía Comando Señoras, que farán este espectáculo no teatro e tamén unha intervención de rúa
“Teremos na Mostra un encontro do teatro galego e portugués celebrando os 25 anos do Teatragal”
A directora, Alicia Reyero, tamén vai participar en Mulleres en Acción. A peza cuestiona a imaxe socialmente construída da Señora. A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño é unha coprodución do Centro Dramático Galego e da Compañía de Teatro de Braga. Na Mostra normalmente non programamos teatro institucional pero este ano pareceunos que encaixaba. Teremos na Mostra un encontro do teatro galego e portugués celebrando os 25 anos do Teatragal, un espazo de reflexión e diálogo conxunto no seo do cal se fixo a primeira coprodución con Portugal, de Teatro do Noroeste de Viana do Castelo e Teatro de Ningures de Cangas.
En teatro de rúa hai tamén múltiples propostas, coma Castingjo, Isolada, Abracadaver e Comando Señoras. Que máis se pode salientar?
“O monte das Aras, de Teatro de Ningures, vai ser un espectáculo moi fermoso que se fai, ademais, nun lugar moi especial, no Facho, en Donón, na parroquia do Hío”
Secretos de Alcoba, de Miss Beige (Ana Esmith), é unha performance na que a intérprete, a personaxe, convida o público a deitarse con ela na cama. Algo semellante ao que fixo a performer Marina Abramovic, a performance na que ela se mantiña pasiva e era o público o que actuaba. A idea neste caso é que pode saír do noso lado beige, do noso lado máis feo, da cor que é o contrario do retoque, do filtro… Ana Esmith tamén impartirá un obradoiro. O monte das Aras, de Teatro de Ningures, vai ser un espectáculo moi fermoso que se fai, ademais, nun lugar moi especial, no Facho, en Donón, na parroquia do Hío. Partiu dunha idea de Lois Soaxe, con texto de Santi Cortegoso e dirección de Salvador del Río. Será como unha viaxe desde o facho ata o cumio.
El gran Braulio, de Adrián Conde, é maxia e comedia, relacionada co concepto de fracaso. Parte da programación da Mostra faise, como O monte das Aras, nas parroquias. El Gran Braulio será no adro do Hío e nos xardíns do Señal. Victoria, de Diáspora Teatro, vai ser tamén un espectáculo especial. O que fan María Dobronich e Dani Blanco é teatro de animación, con obxectos e bonecos, dentro dunha pequena caixa escénica. As pezas duran uns cinco minutos e só pode mirar, cada vez, unha persoa, por un buraquiño. Haberá dous días de pases para que poida velo o máximo de xente posible no tempo dispoñible.
Zanguango Teatro son das mellores compañías de teatro de rúa. Gañaron o premio Max. Al otro lado pon unha cortina para que o público poida observar a realidade do que está pasando pola rúa, a interpretación que a compañía fai desa realidade. Ghop!, de Teatro ó Cubo, é tamén un espectáculo de rúa, pero de circo, con malabares, títeres, acrobacias, maxia… Water Falls, de La Mecànica e MimePrague, é teatro físico cunha grande plasticidade.
Hai máis cousas, coma a representación de As bruxas de Salem da escola de teatro de Cangas, o Premio Mulleres en Acción a Margarita Ledo, o premio Xiria ao Labor Teatral a Camilo Franco, a presentación do número 100 da Revista Galega de Teatro ou do libro de historia da danza contemporánea en Galicia de Afonso Becerra.
E a exposición de arte de Loreto Blanco Salgueiro na sala de exposicións, na que será tamén a representación de A que non podes dicir Coca-cola? de Avelina Pérez. Ou, no mesmo lugar, a estrea en Galicia de La Xirgu de Teatro del Norte (Etelvino Vázquez), sobre a relación entre García Lorca e Margarita Xirgu. E Vencerse é cousa de se tratar, a peza escénica de Fernando Abreu sobre a obra de Xela Arias Intempériome. E un obradoiro de María Costas ou o Torneo de Dramaturxia de Galicia.