Sarabela celebra os seus 40 anos con 'A lingua das bolboretas'

Imaxe de 'A lingua das bolboretas' © Ovidio Aldegunde

A compañía salienta o universo feminino na súa adaptación de Manuel Rivas e mantén o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) malia as restricións polo coronavirus

Mela, que pasara tempo obsesionada buscando ollos para as súas bonecas, prefire xa que queden cegas. Para que non teñan que ver o que está a pasar. Porque é verán do 1936 e están comezando por queimar libros. Así, con esta personaxe traída do relato A traxectoria do balón, remata a adaptación de Sarabela do conto de Manolo Rivas A lingua das bolboretas. Coa palabra dunha muller á que mancaron os homes. Que non quere que volvan atala. Que desexaría que as súas nenas non pasen polo mesmo ca ela. Mela contribúe a adentrar o público nun “universo feminino” menos presente no relato que deu orixe a esta montaxe. Mais a súa personaxe, testemuña das violencias sufridas por unha muller polo feito de selo e agravadas en contextos de guerra, é unha das máis fondas e conmovedoras imaxes do abuso aos subalternos que contén esta obra, que vén de estar no FIOT de Carballo.

Porque a desigualdade -de clase, de xénero, por idade...- e as relacións de poder dela derivadas atravesa toda a historia. Unha infancia sometida a unha sociedade adultocéntrica e autoritaria. Mulleres das que nin se agarda, mesmo pola esquerda, máis que a obediencia e o sometemento. Obreiros afeitos a mostrar submisión ante as “autoridades”. Mais todo comeza a mudar e proba diso é a chegada dun profesor que sorrí no canto de pegar. Que non quere unha aula axeonllada, senón espertar a curiosidade polo coñecemento. Que transmite aos que sempre estiveran -máis- abaixo a idea de que eles tamén poden saber.

E iso é, precisamente, o que as forzas vivas non poden aturar. Sarabela optou por este texto para celebrar os seus 40 anos de andaina como compañía. A escolla “foi unha cuestión en parte sentimental. Xa fixeramos varios textos de Manolo Rivas, que ademais escribiu para nós O heroe, o cal foi un luxo. Cadra ademais co pasamento de José Luis Cuerda, que estaba moi vencellado a Galicia e en particular a Ourense. Ademais, A lingua das bolboretas encaixaba perfectamente coa poética de Gonçalo Guerreiro, que xa nos acompañara en Crónicas do Paraíso”, explica Fina Calleja.

Imaxe de 'A lingua das bolboretas' © Ovidio Aldegunde

“A democracia, desde que a conquistamos, nunca estivo tan en perigo coma agora”

“Eles” -Sarabela- “tiñan vontade de montar A lingua das bolboretas. Eu había tempo que lera o relato e vira a película. Cando me chamaron, pedinlles un tempo para revisar o texto. O problema que eu vía é que había pouco material escénico, agás que fixésemos unha obra de 40 minutos, que non é o que agarda o espectador. Comezamos entón a buscar nos textos de Manolo Rivas ata que demos con A traxectoria do balón. O que fixemos non foi só meter a personaxe de Mela, senón todo o relato de A traxectoria do balón. O que fixen, para fundir os dous contos, foi darlles o mesmo nome aos nenos. É dicir, os personaxes de A lingua das bolboretas e de A traxectoria do balón son, na nosa montaxe, os mesmos. Entón están os dous relatos enteiros, pero de xeito que non se note, que pareza o mesmo”, explica Guerreiro.

Este traballo de fusión dos dous textos fíxoo con Fernando Dacosta, de Sarabela. “Completamos o texto con materiais de Rivas, coas palabras de Rivas, buscando unha coherencia formal e estética. E o que fixemos foi darlle á propia Mela maior presenza da que ten no relato orixinal. A última vez que intervén, é texto noso”, aclara o director. O resultado da fusión dos dous textos é, na súa opinión, unha advertencia de que “podemos perder os dereitos que temos: a sanidade, a educación…”.

Porque, reflexiona, “a democracia, desde que a conquistamos, nunca estivo tan en perigo coma agora”, nun contexto en que “o pobo non sabe a quen seguir. Os líderes políticos son como bonecos, personaxes de televisión e non sabios ou intelectuais que se moven por ideais. Todo se move pola influencia da televisión e das redes sociais. Isto pode írsenos das mans, como xa está pasando. A política convértese nun reality show e o que podemos agardar é o caos, que xa está chegando. Por iso A lingua das bolboretas está de plena actualidade, aínda que as circunstancias sexan distintas”, comenta Guerreiro.

“Gonçalo tiña moi claro desde o principio que o importante era a palabra. Propúxonos un xogo de voces que vai transitando entre o narrador e os personaxes” 

A montaxe supón, para os actores -Fina Calleja, Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Sabela Gago e Josito Porto- non só constantes mudanzas de personaxes, senón o paso, sen transicións, dun estado emocional a outro ben diferente, acompañado de cambios nunha escenografía que moven con rapidez eles mesmos. “Gonçalo tiña moi claro desde o principio que o importante era a palabra. Propúxonos un xogo de voces que vai transitando entre o narrador e os personaxes. Para nós foi un traballo de esixencia física e tamén de previsión, pois tiñamos que poñernos moi ao límite, pasar dunha emoción a outra… Tiñamos que situar os espectadores nunha emoción pero sen permitirlles tampouco regodearse nela, con cambios moi rápidos”, sinala Calleja.

Unha montaxe anterior de Sarabela © Sarabela

Eu sabía que ía ser o principal desafío. Nuns momentos, pídolles aos actores, cando fan de narradores, bastante neutralidade, para que acheguen ao espectador á experiencia de estar lendo. Pero de repente, e moitas veces xa na frase seguinte, teñen que meterse nun personaxe que está a vivir unha emoción intensa. E eles non teñen tempo para facer medrar esa emoción. Iso foi o máis difícil, ese paso da relativa neutralidade ao dramatismo. Ese era o xogo e a verdade é que eles integrárono rápido. Son actores con experiencia suficiente para iso. A min a verdade é que o proceso fascinoume. Ademais, os propios actores manipulan elementos escénicos para instalar e desinstalar escenarios. E iso tiña que ser moi rápido: acaban de mover as mesas e bancos da escola e xa comeza a escena da clase co profesor”, indica o director.

A obra ten, por momentos, unha estética naïf que remite ao imaxinario infantil

A obra ten, por momentos, unha estética naïf que remite ao imaxinario infantil, xa que é un conto narrado por Pardal, un neno. A lingua das bolboretas pretende levar ao espectador á crúa realidade dos días antes da guerra facéndoo “dun xeito lúdico, divertido, pero sen infantilizar a interpretación. Eu non podería defender unha montaxe na que os adultos fixesen de nenos poñendo voces, por exemplo”, subliña Guerreiro. Para iso, a escenografía, do propio Gonçalo Guerreiro, apóiase nun atrezzo de Carlos Domínguez que remite ao mundo do xoguete e que sae e entra de dúas mamparas tras as cales se gardan tamén todo o resto dos elementos escenográficos. “Hai elementos infantís coma uns camionciños, unha máscara de sapo que usa o profesor… que levan a un universo infantil. Para min o teatro pasa pola relación dos corpos cos espazos e cos obxectos. Éntrame moito polos ollos, e neste caso foi moi fácil”, salienta Guerreiro.

Ese mesmo aspecto tan marcadamente visual amósano algunhas transicións entre unha escena e outra, coma unha na que da alegría e a liberdade da danza se pasa á treboada da violencia que se achega. “Pode que non o pareza, pero está todo no relato de Manolo Rivas. El dicíame que había partes do texto nas que non había teatro e eu respondíalle, como que non? Esa simboloxía que se percibe na montaxe, e en concreto eses corpos que van perdendo a verticalidade ao chegar a treboada, xa estaban no texto, en realidade. Só que eu conto sen palabras o que no relato conta o narrador. Eu traballo sempre moito con imaxes mais a cuestión é que, desta volta, non tiven que inventar as imaxes porque xa estaban no texto. A treboada, as follas secas que caen, as luces na noite, o monte Sinaí… xa estaban no relato de Rivas. Eu o que fago é transformar as palabras en imaxes vivas e plásticas”, explica o director.

Unha montaxe anterior de Sarabela © Sarabela

O neno, Pardal, e o mestre, son os personaxes principais da historia en 'A lingua das bolboretas' e na montaxe de Sarabela comparten protagonismo, sobre todo, con Mela

O neno, Pardal, e o mestre, son os personaxes principais da historia en A lingua das bolboretas e na montaxe de Sarabela comparten protagonismo, sobre todo, con Mela, que é o tipo de muller á que unha sociedade machista chama tola tras contemplar impasible como era abusada, culpándoa a ela. “Mulleres utilizadas como obxecto para humillar o bando contrario. Iso representa. Mela é como un xoguetiño roto que trata de curar, de axudar, as bonecas que vai atopando no lixo”, conta Fina Calleja.

Mais, máis que interpretar un personaxe coma este, esta actriz sitúa a dificultade desta montaxe nas cuestións organizativas. “Tiñamos claro que tiñamos que facelo. E fixémolo con salvocondutos, con probas PCR… Non podiamos deixalo. Buscamos espazos alternativos… Foi un traballo de ensaios moi intenso, e ademais somos un elenco grande, co cal tampouco era fácil… Mais hoxe calquera función é un triunfo. E esa é a sensación que temos”, resume Calleja.

O FITO mantense en tempos de pandemia

Sarabela decidiu non volverse atrás tampouco co Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) malia as restricións polo coronavirus

Sarabela decidiu non volverse atrás tampouco co Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que tras uns pequenos axustes na programación realizará como estaba previsto, malia o peche decretado pola Xunta para os concellos de Ourense e Barbadás, onde se están a realizar as funcións.

A maior dificultade organizativa que estamos a ter é pechar algúns emprazamentos. Sobre todo nos espectáculos que precisan espazos singulares fóra do Teatro Principal de Ourense ou da Casa da Cultura de Barbadás. Despois, no aspecto do noso programa internacional, Teatro Inmóvil, de Chile, ao final non puideron vir, porque con nós só poderían facer unha función, e non dúas, e ademais caeulles outra que tiñan en Santander, entón non lles compensaba vir. Non só pola cuestión económica, senón porque ao volver terían que confinarse. Pero ao final veñen os chilenos Belova-Iacobelli, que veñen desde Bruxelas, entón era máis doado”, conta Fina Calleja.

Imaxe do XIII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) © FITO

O FITO deste ano inclúe tres estreas galegas. A primeira foi O Premio, de La Quintana en coprodución co Centro Dramático Galego, con dirección de Marián Bañobre e dramaturxia de Santiago Cortegoso. O Premio é un reality show onde o público decide quen merece gañar o premio da súa vida: morrer logrando a fama. A segunda será, o sábado 17, O raro é que bailar sexa raro, de Vacaburra, con creación e escenografía de Andrea Quintana, que comparte a dirección e a dramaturxia con Gena Baamonde.

Unha peza sobre “ir de cámping ao teu corpo, montar unha festa no interior” e “escoitar o fluxo do sangue”, bailando desde aí. A terceira estrea será o día 18 O Diaño na praia de Matarile, que volven ao FITO, do que son habituais. Ana Vallés dirixe a Celeste González e Claudia Faci nesta obra, que pregunta “como consideramos aquí o corpo, como primeiro plano que acompaña ao rostro e conforma o prexuízo dun estereotipo ou como parte dun plano xeral que define unha forma de estar e habitar?”.

A programación galega complétase con Se isto é un home -o texto de Primo Lévi- de Cámara Negra, o día 16, Poeta en Nova York 2.0., de Teatro Baixo a Area -en versión especial, coas notas de dirección- o mesmo día no centro Marcos Valcárcel, Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, o día 17 e Despois das ondas -a historia de María Casares- de Butacazero, o día 23.

O aforo do Teatro Principal de Ourense está moi limitado: a 30 persoas. Por iso é especialmente importante mercar as entradas con antelación. “Se as autoridades o permiten, venderanse máis entradas. Estamos á espera”, aclara Calleja. Non houbo, polo demais, ou polo menos de momento, máis problemas. “Na primeira función, dos vascos Mono Habitado, estivo xa moi presente Protección Civil. A seguridade está garantida e os espectadores están desexando gozar do teatro”, asegura. O domingo 25 pecharán o FITO Alauda, de Burgos, con Ingenii machina, que xa pasou polo festival de Ciudad Rodrigo. “É unha obra moi singular que se fará en cinco pases para 20 persoas”, indica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.