Na noite do día de Nadal, o 2020 reservaba outra pésima noticia para a cultura galega. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda anunciaba o falecemento de Lino Braxe, director do grupo de teatro deste colectivo coruñés, aos 58 anos de idade.
O polifacético artista, clave na cultura galega das últimas décadas, faleceu no día de Nadal na Coruña aos 58 anos
Marchaba cedo e de maneira sorpresiva este mugardés nado en 1962, residente na Coruña, polifacético artista, actor, dramaturgo e escritor que destacou como poeta dentro da Xeración dos 80 que impulsara tantas figuras. Pero Lino Braxe foi moito máis, unha peza clave para a cultura galega das últimas décadas, impulsor de moreas de proxectos, vinculado aos medios de comunicación, á fotografía, ao teatro, á literatura, á pintura...
As rápidas e emotivas reaccións de numerosas voces da cultura á súa morte deixaron clara a súa importancia e a consternación pola noticia deste artista heteroxéneo e múltiple que foi un máis daquel grupo que se deu a coñecer na antoloxía poética De amor e desamor nos 80 xuto a autores como Manuel Rivas, Miguel Anxo Mato, Lois Pereiro, Pilar Pallarés ou Miguel Anxo Fernán-Vello. Unha creación poética que continuou con Banquete, Entre ruínas, A caricia da serpe, O sangue dos árabes, O segredo namorado ou O botín da miseria.
Braxe traballou tamén en varios medios de comunicación como articulista e foi locutor de Radio Nacional de España (RNE), onde durante dez anos adaptou a obra de Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor. Actor --tamén de dobraxe--, director de teatro, destacado en moreas de pezas teatrais e artista con letras maiúsculas, o mugardés deu tamén o salto á pantalla ao participar en series tan coñecidas como Pratos Combinados ou Mareas Vivas na TVG.
"Foise o meu amigo, o meu irmán", escribía en Twitter Rómulo Sanjurjo, membro d'Os Diplomáticos de Monte Alto e director da área de Cultura do Concello da Coruña ao saber do pasamento. "Morreu Lino Braxe. Unha traxedia en 3 palabras", resumía o xornalista Xosé Manuel Pereiro. "Cuspamos irmá sobre as espadas da morte!" (Autorretrato, 1984). Este día de Natal de 2020 faleceu na Coruña, abrazado á liberdade, o poeta, actor e pintor Lino Braxe", anunciaba Manuel Rivas.
"Que perda grande a de Lino Braxe, escritor de xenerosidade desbordada, agarimoso e entusiasta!", engadía o editor Manuel Bragado.
Foron moitas as mostras de dor e pésame, tamén da ministra de Traballo, a ferrolá Yolanda Díaz, que destacou a "perda irreparable para tantas amizades e xente querida, e para a cultura galega". "Con moita dor dicimos adeus ao poeta, ao home de teatro, ao activista xeneroso e vital, unha voz imprescindible á que hoxe choramos con tristeza", destacaba entre as mensaxes de ducias de persoeiros da cultura ou formacións políticas.
Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia advertiron de que se apagara "unha luz das nosas letras" e quixeron recordalo lembrando unha actuación canda Os Diplomáticos na que fusionara a Negra sombra de Rosalía de Castro co No woman no cry de Bob Marley. Porque Braxe tamén podía e sabía.
“Eu son, fun e só serei un poeta, que se gaña a vida como pode”, resumía sobre o seu labor Lino Braxe. Era moitísimo máis ca iso.