Cigarreiras, a obra de Contraproducións e Teatre Romea dirixida por Cándido Pazó, foi a triunfadora da noite dos Premios María Casares, os galardóns do teatro galego que este xoves se entregaron na Coruña. A 26ª edición dos premios que todos os anos entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) estivo moi repartida, con recoñecementos para nove espectáculos diferentes.
Cigarreiras obtivo tres galardóns (espectáculo, dirección e escenografía), mentres que Belén Constenla e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ levaron os premios ás interpretacións protagonistas por Terceiro acto
Cigarreiras levou tres (mellor espectáculo, dirección para Cándido Pazó e escenografía para Dani Trillo), mentres que que Belén Constenla e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ fixéronse os premios ás interpretacións protagonistas por Terceiro acto, do CDG. Hugo, de Os Náufragos Teatro, foi o mellor espectáculo infantil e A parábola do angazo, de Talía Teatro, foi recoñecida como o mellor texto orixinal. Mentres, A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, logrou o premio á adaptación-tradución para Vanesa Sotelo.
Cómpre salientar tamén os dous galardóns acadados polos espectáculos Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (actriz secundaria para Anabell Gago e maquillaxe para LaPelu F. Silva) e Othello, de Voadora (iluminación para Nuno Meira e vestiario para Silvia Delagneau).
Carlos Álvarez-Ossorio dirixiu unha gala que se centrou na figura de María Casares, actriz da que se conmemora o seu centenario neste 2022
Carlos Álvarez-Ossorio dirixiu unha gala, retransmitida por Youtube a través da canle que a AAAG, que se centrou na figura de María Casares, actriz da que se conmemora o seu centenario neste 2022. Para a ocasión, Álvarez-Ossorio contou cun elenco integramente feminino que lles deu voz ás palabras da actriz nacida na Coruña hai cen anos. Así, as intérpretes Sheyla Fariña, Marián Bañobre, Marta Pérez, Mónica de Nut, Nerea Brey e Rosa Puga Davila subiron ás táboas do Teatro Rosalía Castro para render homenaxe á actriz nunha gala que tamén reivindicou o teatro como "unha patria-refuxio para todas as persoas exiliadas, apátridas e desprazadas".
“María Casares é un referente, unha gran figura da escena. Pero, en definitiva, é unha compañeira do noso oficio. Unha muller forte, libre e comprometida, que na infancia viuse empurrada ao exilio polo golpe militar do 36 e que fixo do teatro o seu fogar”, sinalouse igualmente.
“Hoxe celebramos o amor polo teatro. Celebramos que os teatros volvan estar cheos e desenmascarados, celebramos a resistencia de todas e todos nós, nestes dous anos de pandemia que non impediu que seguiramos creando”, destacouse na gala
As actrices Arantza Villar, Eva Fórneas, Sara Fandiño, Iria Lamas e Maria Ángeles Iglesias foron as encargadas de redactar e ler o discurso da Xunta Directiva da AAAG, que destacou que “hoxe celebramos o amor polo teatro. Celebramos que os teatros volvan estar cheos e desenmascarados, celebramos a resistencia de todas e todos nós, nestes dous anos de pandemia que non impediu que seguiramos creando”. Ademais, fixeron un chamamento a "erguer a voz fronte a situacións inaceptables de abusos de poder ou acoso que cómpre exiliar". "O silencio xa crebou. Sentirnos seguras é algo esencial nunha profesión na que nos espimos literal e figuradamente", concluíron.
Fernando Dacosta pechou o evento co seu Manifesto Galego do Día do Teatro, un texto titulado 'Somos', con clara vocación poética na que se entrelazan a exaltación da profesión coa declaración de amor ás artes escénicas.
Recoñecemento a Lino Braxe
Ademais, entregouse o Premio de Honra Marisa Soto, que este ano recoñeceu a título póstumo a figura de Lino Braxe, finado en decembro do ano 2020: “Braxe era un artista polifacético, un todoterreo cun xenio creativo que non parou de espallarse"
Así mesmo, entregouse o Premio de Honra Marisa Soto, que este ano recoñeceu a título póstumo a figura de Lino Braxe, finado en decembro do ano 2020. O galardón recoñece a "figura poliédrica" do actor, dramaturgo e escritor coruñés, referente no sector teatral galego e un dos impulsores dos propios Premios María Casares. A vicepresidenta da AAAG, Luma Gómez, encargouse de entregarlle a irmá de Braxe, María Braxe, a distinción cun sentido descurso no que celebrou a vida do polifacético artista.
“Lino Braxe era un artista polifacético, un todoterreo cun xenio creativo que non parou de espallarse. O seu era un big bang de creatividade que non se acovardaba e que sempre atopaba unha causa na que militar”, explicou Luma Gómez antes de recoñecer que sen Braxe, os Premios María Casares “non serían e de ser serían outra cousa”, xa que sen o seu empeño, “María Casares non tería cedido o seu nome”.
Premios por categoría
A gala reivindicou o teatro como "unha patria-refuxio para todas as persoas exiliadas, apátridas e desprazadas"
- MAQUILLAXE: LaPelu F. Silva, por Comando Comadres, de Matrioshka
- VESTIARIO: Silvia Delagneau, por Othello, de Voadora.
- ILUMINACIÓN: Nuno Meira, por Othello, de Voadora.
- ESCENOGRAFÍA: Dani Trillo, por Cigarreiras de Contraproducións e Teatre Romea
- MÚSICA: Ailén Kendelman, por A cazola de Lola, de Tanxarina.
- ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Vanesa Sotelo por A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.
- TEXTO ORIXINAL: Marta Lado, Araceli Gonda, Artur Trillo, Diego Rey, Séchu Sende e Jose Prieto, por A parábola do angazo, de Talía Teatro
“María Casares é un referente, unha gran figura da escena. Pero, en definitiva, é unha compañeira do noso oficio. Unha muller forte, libre e comprometida, que na infancia viuse empurrada ao exilio polo golpe militar do 36 e que fixo do teatro o seu fogar”, destacouse
- ACTOR PROTAGONISTA: Eduardo R. Cunha Tatán por Terceiro Acto, do CDG
- ACTRIZ PROTAGONISTA: Belén Constenla, por Terceiro Acto, do CDG
- ACTRIZ SECUNDARIA: Anabell Gago, por Comando Comadres, de Matrioshka Teatro
- ACTOR SECUNDARIO: Fernando Dacosta, por Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro.
- DIRECCIÓN: Cándido Pazó por Cigarreiras de Contraproducións e Teatre Romea
- ESPECTÁCULO INFANTIL: Hugo, de Os Náufragos Teatro
- ESPECTÁCULO: Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea