Este 8M a manifestación feminista da Coruña rematará non por casualidade na Praza das Cigarreiras, a carón da antiga Fábrica de Tabacos da cidade. Unha instalación que funcionou dende as primeiras décadas do século XIX e durante case 200 anos, sendo durante moito tempo a industria con máis traballadores de Galicia. E, sobre todo, con máis traballadoras, pois as encargadas de elaborar os cigarros eran mulleres. Dise que alí chegaron a traballar ao mesmo tempo 4.000 empregadas, unha cifra pode que un chisco esaxerada, pero moi notable tendo en conta que A Coruña contaba cuns 40.000 habitantes en 1875.
A Fábrica de Tabacos foi un lugar de traballo feminino, de encontro, de sororidade e de apoio mutuo e tamén de formación, moi ben representado na novela de Emilia Pardo Bazán La Tribuna, considerada a primeira grans novela social española, e que describe a vida dunha cigarreira coruñesa, Amparo, unha líder obreira, cunha gran concienciación política, republicana e federalista. E é que a fábrica foi tamén un espazo de protesta laboral, por exemplo en 1857, momento en que ten lugar a primeira folga de mulleres da historia de Galicia, unha revolta ludita por mor da chegada dunhas novas máquinas de picar tabaco que ameazaban algúns dos postos de traballo existentes
Este xoves, no marco das actividades programadas polo Concello da Coruña polo 8M, a historiadora Ana Romero Masiá ofreceu unha conferencia no espazo Tribuna Pública (situado a carón da Fabrica de Tabacos) sobre “As cigarreiras da Palloza”, un percorrido pola importancia que este colectivo de traballadoras tivo durante décadas na historia da comarca. Directora tamén do Instituto Monte das Moas da Coruña, entre as súas moitas obras e investigacións figuran A fábrica de tabacos da Palloza. Produción e vida laboral na decana das fábricas coruñesas. Falamos con ela.
Por que as cigarreiras eran só mulleres? "A razón é moi sinxela: porque lles pagaban menos"
Por que as cigarreiras eran só mulleres?
A razón é moi sinxela: porque lles pagaban menos. Cando se funda a fábrica, o decreto de creación, que é do tempo de Fernando VII, fala das “hábiles manos de las mujeres”, pero a verdadeira razón era que cobraban menos, nada máis. Pero iso pasa con todos os colectivos femininos
Adóitase dar a cifra de 4.000 traballadoras na Fábrica. É un dato veraz? Cantas cigarreiras puideron coincidir ao mesmo tempo na Palloza?
Esa cifra procede dunha crónica publicada polo xornal El País despois dunha folga na fábrica e no texto fálase de que se amotinaron “as catro mil mulleres”. A cifra pode ser excesiva e eu mesmo contei as traballadoras a partir dos datos do padrón e saíanme unhas dúas mil e moito, case tres mil. O que pasa é que case non se conserva información sobre as traballadoras, en parte porque o persoal da fábrica non era fixo, era máis ben como o que hoxe poderíamos chamar fixo-descontinuo. Pode que nalgún momento estivesen traballando catro mil mulleres, pero cústame crer que coincidisen todas na fábrica á vez. Pero o número é elevadísimo, por suposto. Hai que ter en conta a dimensión da Coruña e de Oza nese momento, era rarísimo que unha familia non tivese unha cigarreira.
Cales eran as condicións de traballo na fábrica?
Hai que dicir que os beneficios da compañía arrendataria eran tan grandes que lle permitían a estas mulleres unhas condicións moito mellores que noutras fábricas. Era un traballo duro, pero as mulleres tiñan moita marxe para entrar ou saír da fábrica e tamén para non presentarse durante días. A razón era que non tiñan un salario, senón que traballaban por obra feita. Así facían, así cobraban. As mulleres que non tiñan fillos traballaban máis horas, as que si tiñan fillos ou tiñan que traballar máis horas na súa casa, pois estaban menos na fábrica.
"Entraban con 7 ou 8 anos como aprendizas e quedaban toda a vida. Non era raro que nos ranchos da fábrica convivisen ao mesmo tempo tres xeracións de mulleres"
Encadeaban, polo tanto unha dobre ou tripla xornada...
Si, tiñan que ocuparse das súas casas, de facer a comida, dos fillos... E ten en conta que naquel tempo non había auga corrente, que todo levaba máis tempo. Ademais, moitas viñan da zona rural do concello de Oza ou doutras localidades, e polo tanto camiñaban varias horas todos os días para ir e volver. Así mesmo, non había xubilación, permanecían nas fábricas ata que o corpo aguantaba. As novas da prensa local do século XIX falaban de mortes de traballadoras moi maiores da fábrica de tabacos, ou da fábrica de mistos, ou das fábricas de tecidos... mulleres que finaran cando aínda estaban traballando alí. Na fábrica había unha placa, que me impresionou moito cando a vin, que homenaxeaba a unha muller que traballara na Palloza durante 75 anos. É dicir, entraban con 7 ou 8 anos como aprendizas e quedaban toda a vida. Non era raro que nos ranchos da fábrica convivisen ao mesmo tempo tres xeracións de mulleres.
Como era a relación entre elas, dentro da fábrica?
Ás mulleres máis maiores deixáballes facer certos traballos máis cómodos, como quitarlle a vea ás follas de tabaco, algo que podían desenvolver con facilidade grazas á súa experiencia. É o que Pardo Bazán describe como “o Ceo, o Purgatorio e o Inferno”, distintos traballos dentro da fábrica algúns máis cómodos e outros máis duros. Na súa novela, Pardo Bazán di sobre estas mulleres que eran “como o demo”, pero no momento en que tiñan que defender o colectivo eran aguerridas e estaban sempre unidas. Tiñan moitos enfrontamentos contra os Inspectores de Labores, que eran quen revisaban o seu traballo, ás veces obrigaban a facer de novo os cigarros.
"Como era posible que os homes puidesen soster folgas moi prolongadas, de varios meses? A razón era que esas familias sobrevivían moitas veces grazas aos soldos das mulleres"
Houbo moita conflitividade laboral na Palloza?
Si pero non tanto. As mulleres como colectivo non participaban tanto nos Primeiros de Maio ou nas folgas xerais que se organizaban. A Coruña é das cidades españolas que máis folgas tiveron ao longo da súa historia. Falo sobre todo ata o ano 1936. Como era posible que os homes puidesen soster folgas moi prolongadas, de varios meses, por exemplo na construción? A razón era que esas familias sobrevivían moitas veces grazas aos soldos das mulleres.
En realidade, os dirixentes sindicais non eran partidarios de que as mulleres se asociasen. Os movementos internos das cigarreiras comezaron a organizarse grazas ao contacto das traballadoras con Severino Chacón (A Estrada, 1884), que foi o gran líder das cigarreiras de toda España. As Chaconeras chamábanlles. Grazas a el créase a Unión Tabacaleira en 1916. Chacón entendía as cigarreiras e as súas circunstancias e sabía que as folgas, de facelas, tiñan que ser moi concretas e estar moi organizadas. Tan só houbo unha folga xeral das cigarreiras de toda España e foi para conseguir a xornada laboral de 8 horas. E o certo é que con poucas folgas, conseguiron sempre moitos avances.
Como foi a folga de 1857?
A protestas de 1857 foron as máis importantes, de tipo ludista, porque a introdución das máquinas facía que elas tivesen menos traballo, e como cobraban por obra, iso facía que recibisen un menor salario. Subiron ao tellado, tiraron tellas, chegou a garda urbana... O expediente, moi extenso, consérvase no Arquivo do Reino de Galicia e contén as declaracións de 300 traballadoras. Con todo, como todos os movementos luddistas, o resultado final foi que as máquinas se acabaron introducindo.
"Hai moito, moito, moito aínda que sacar á luz, moitas individualidades que merecen ser coñecidas e destacadas. E unha historia colectiva, en xeral, que non se coñece tanto como se debería"
Coñécese suficientemente na Coruña e en Galicia a historia das cigarreiras?
Durante décadas foi a fábrica máis grande de Galicia e a súa importancia na cidade da Coruña foi fundamental, non só para as mulleres que traballaban alí, senón que o que gañaban sostiveron durante moito tempo a milleiros de familias de toda a comarca. Eu sentín moito que esta fábrica pechase. Era unha fábrica que fora modernizada pouco tempo antes. Pero as cuestións de economía empresarial fixeron que por dous anos non chegase a cumprir os 200.
En xeral, a historia colectiva das mulleres e sobre todo as súas historias individuais están silenciadas, invisibilizadas?
O certo é que é moi difícil seguirlles a pista ás mulleres. Non aparece nada na documentación histórica, a prensa non recolle nada sobre elas, e así é moi difícil chegar a coñecer nin sequera os seus nomes, e xa non digo afondar sobre as súas vidas. Hai moito, moito, moito aínda que sacar á luz, moitas individualidades que merecen ser coñecidas e destacadas. E unha historia colectiva, en xeral, que non se coñece tanto como se debería.