O "novo tradi" fía a gran festa da cultura na Coruña, vestida de encaixe de Camariñas

Presentación da IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña, este 1 de abril ante o Teatro Colón © Deputación da Coruña

O Teatro Colón acolle o 10 de abril a IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña

Os nove premios convocados pola área de Cultura da Deputación da Coruña recoñecen o labor creativo noutras tantas disciplinas de máis dunha ducia de profesionais. Pero, ademais, crean un acontecemento en si mesmo virando a súa entrega nun evento cultural de seu.

Desta volta será o 10 de abril, no Teatro Colón da cidade herculina (19h), cando se celebre a que xa é a cuarta Gala da Cultura da Deputación. A "reinterpretación da tradición ou o novo tradi" servirá como "fío condutor" dun evento presentado pola xornalista Susana Pedreira e que, ademais das persoas premiadas, terá como protagonista ao encaixe de Camariñas.

Foto de familia coas premiadas e premiados nos certames culturais da Deputación da Coruña en 2023, na gala do 2024 © Deputación da Coruña

Da man da Mostra do Encaixe a contorna do teatro acollerá o traballo ao vivo das palilleiras e, ademais, a súa arte vestirá á presentadora cun deseño de Jose Matteos dunha gala na que a música e a danza a porán a banda Alana e o coreógrafo e bailarín Fran Sieira. A gala "rende homenaxe ás creadoras e creadores, enriquecendo a cultura cunha mirada contemporánea", detalla a súa directora artística, Thais Suárez, e neste sentido "a través de formas difusas e eléctricas, o encaixe de Camariñas conecta a memoria coa innovación".

A banda Alana e o coreógrafo Fran Sieira porán a música e a danza nun evento que servirá para entregar os nove premios culturais convocados pola institución, mais tamén para "celebrar que somos un país vivo, alegre e con moito talento"

A escola de deseño La Mapache, deseñando o vestiario dos Alana, e a cineasta Nela Fraga, cunha peza audiovisual creada a partir de imaxes do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, completan o mosaico creativo dunha cita que pretende "celebrar que somos un país vivo, alegre e con moito talento", sinala Natividade González, deputada de Cultura. Agrega ademais que a gala chega "nun momento de gran relevancia internacional" para a creación galega.

"Dende a Deputación seguimos reivindicándoa, defendéndoa e festexándoa con moito orgullo e coa firme convicción de que a cultura é un dereito", salienta González, para quen a gala vai ser "diversa, dinámica e emotiva, como é a nosa cultura". Galardóns coma estes, acrecenta Susana Pedreira, "tecen redes" e "esta gala é unha boa mostra diso", unha "celebración colectiva" na que "os protagonistas son os premiados, pero tamén as persoas que asistan".

Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, intervindo durante a presentación da IV Gala da Cultura © Deputación da Coruña

Este espectáculo, que ten entrada libre ata completar a capacidade do teatro, será o marco para a entrega dos devanditos nove premios. Trátase do Torrente Ballester de Narrativa; o Castelao de Banda Deseñada; o Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil; o González Garcés de Poesía; o Antonio Fraguas de Artesanía; o Fran Pérez ‘Narf’ de música; o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; o Jesús Núñez de Arte Gráfica e o Luís Ksado de fotografía.

Nas súas edicións de 2024, estas foron as creadores e creadoras galardoadas:

  • Torrente Ballester de Narrativa: Loli Rodríguez e Antonio Bonet de Luna,
  • Castelao de Banda Deseñada: Laura Suárez e Sandra Lodi
  • Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís e Rosa Aneiros
  • González Garcés de Poesía: Gonzalo Hermo
  • Antonio Fraguas de Artesanía: Borja Canedo Martínez e Ezequiel Franchil Gil
  • Fran Pérez ‘Narf’ de música: Carabela
  • Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Encarna Otero e a asociación Andar
    cos tempos
  • Jesús Núñez de Arte Gráfica: José Andrés Santiago
  • Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga Fernández,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.