O compostelán centro Maruxa e Coralia acolle este 18 de xaneiro a xornada organizada pola Deputación da Coruña para axudar a "reflexionar" nas aulas "acerca do pasado e evitar que no presente se repitan determinadas historias"
"Ofrecer aos docentes recursos para abordar a memoria histórica nas aulas, reflexionar acerca do pasado e evitar que no presente se repitan determinadas historias". É o principal obxectivo da xornada Fai memoria, que a área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña organiza este sábado, 18 de xaneiro, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, na compostelá praza de Salvador Parga.
Co único requisito de tramitar a inscrición a través do correo electrónico faimemoriaxornada@gmail.com, a Deputación coruñesa proponse "achegar formación e información sobre memoria histórica, así como impulsar o intercambio de experiencias entre docentes", explica a deputada Soledad Agra. Porque "hai partes, situacións e figuras do noso pasado que se están invisibilizando" e "son parte da defensa duns valores dos que hoxe podemos gozar".
Con esta visión abordará, por exemplo, a literatura "como recurso para a memoria". Será a través de intervencións como a de Pilar Sampedro, coa guía Memoria histórica na LIX Galega.
O programa inclúe actividades en torno á literatura, experiencias de éxito para tratar a memoria histórica nas aulas ou un roteiro pola memoria das mulleres de Compostela
A continuación, unha mesa xuntará a Paula Carballeira, Iria Morgade, Carme Vidal, Susana Aríns, Carmen García Facorro e Javier Castiñeira García. Nese encontro abordarán obras como As Alumnas -coa que Carballeira logrou o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura- e Daniel no Peirao, Quen escribirá a miña historia?, O triángulo vermello, Seique ou A memoria silenciada das irmáns Touza: a nai.
Outro dos encontros da xornada Fai Memoria servirá para compartir experiencias de éxito na abordaxe da memoria histórica nos centros de ensino. Explicarán os seus proxectos o IES Xosé Neira Vilas da Coruña, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, a asociación cultural coruñesa Alexandre Bóveda e mais Feminismos no Tempo.
Xa pola tarde, Encarna Otero guiará un roteiro sobre a memoria das mulleres en Santiago. Daniela Fernández porá o foco nas "memorias invisibles" a través d'A historia da disidencia sexual galega e Cristina López Villar presentará Mulleres pioneiras no deporte. Montse Fajardo, Beatriz Maceda e Eli Ríos, pola súa banda, centraranse na exposición Sinaladas. Represión e loita das mulleres no século XX.