Integrantes do Grupo Histagra da USC presentaron ao alumnado de Bacharelato do IES Rosalía de Casto de Santiago o traballo de procura, identificación e exhumación dos restos de persoas represaliadas polo Franquismo que realizan dende hai tres anos
Dende hai tres anos o grupo de investigación Histagra da USC traballa -no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 2021-24- na procura, identificación e exhumación dos restos de persoas desaparecidas durante a represión política que seguiu ao Golpe de Estado de 1936. Dende entón, un equipo multidisciplinar formado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas traballou en Vilagarcía de Arousa, Crecente, A Capela, Celanova, Lousame, Oza-Cesuras, Viana do Bolo e Narón.
Este martes investigadores do grupo achegáronse ata o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela para presentar o seu traballo ao alumnado de 1º de Bacharelato, ao que explicaron o funcionamento da súa actividade, o marco legal no que se desenvolve e o contexto histórico no que tivo lugar a violencia política que marcou a Guerra Civil e a ditadura franquista.
Míguez Macho subliña que é "estupendo" que este tipo de contidos "teñan cabida nos centros de secundaria e xeren interese, sobre todo neste momento, no que estamos moi preocupados ante a existencia de determinados discursos negacionistas, que achegan visións moi confusas sobre o que sucedeu na Guerra Civil e a ditadura"
Na iniciativa, que partiu do propio centro, participaron o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, director do Proxecto Nomes e Voces e do propio grupo Histagra; Antonio Míguez Macho, membro do grupo e profesor titular e Vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia da USC; e Conchi López Sánchez, integrante tamén de Histagra e doutora en Historia pola USC coa tese "O golpe de Estado, as persecucións e a retagarda na guerra civil española: as actitudes sociais en Galicia (1936-1939)".
Antonio Míguez Macho, que ademais regresaba ao mesmo instituto no que cursou o Bacharelato, destaca a importancia deste tipo de actividade, que supón unha "conexión entre o mundo da investigación máis académica, da universidade, e o ensino secundario". "Temos xa algunhas experiencias previas de traballo neste senso e é un labor que nos parece moi importante", sinala. Por exemplo, nos últimos anos o alumnado do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía visitou os traballos que exhumación que o grupo estaba a realizar no cemiterio de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa).
"A Lei de Memoria Democrática pide que o sistema educativo afonde nesta cuestión, na difusión e no coñecemento da memoria democrática", lembra Míguez, pero sinala que "o desenvolvemento destes contidos no ensino depende dun impulso da Xunta que non existe"
O alumnado desta clase do Rosalía, que cursa a materia de Historia do Mundo Contemporáneo, xa traballara estes temas en varias aulas e empregaran a base de datos de Nomes e Voces, que recolle unha relación das persoas represaliadas en Galicia. Nas dúas horas que durou a presentación, destaca Antonio Míguez, alumnos e alumnas amosaron un grande interese e ao remate realizaron varias preguntas sobre a propia investigación que realiza Histagra e tamén sobre as características da violencia política e sobre as implicacións dende o punto de vista da política de memoria democrática.
Míguez Macho subliña que é "estupendo" que este tipo de contidos "teñan cabida nos centros de secundaria e xeren interese, sobre todo neste momento, no que estamos moi preocupados ante a existencia de determinados discursos, que chamamos negacionistas, que achegan visións moi confusas sobre o que sucedeu na Guerra Civil e a ditadura". O profesor da USC chama a atención sobre a importancia e o perigo deste negacionismo histórico, que tamén os docentes de secundaria buscan combater e previr: "cren que é moi útil que dende a universidade nos acheguemos aos centros para dar unha visión científica e académica sobre o tema"
Máis aló de que se impartan uns contidos básicos sobre a Guerra Civil, incluídos nos temarios, que o alumnado reciba unha información máis profunda sobre a cuestión "depende da vontade concreta dos centros e dos docentes, do interese que poñan no tema"
O integrante de Histagra destaca que as últimas reformas educativas incorporaron ao currículo os contidos sobre a Guerra Civil e a Ditadura, que forman parte do temario das probas da ABAU Selectividade, onde é frecuente que haxa algunha pregunta do exame. Porén, sinala que "é unha cuestión que excede a simple cuestión curricular e á propia disciplina de Historia" e que abranguen de forma máis ampla "o ámbito da cultura democrática".
Por iso, engade, máis aló de que se impartan uns contidos básicos sobre a Guerra Civil, incluídos nos temarios, que o alumnado reciba unha información máis profunda sobre a cuestión "depende da vontade concreta dos centros e dos docentes, do interese que poñan no tema". Pero para iso, remata, "tamén fai falta un impulso das administracións, para garantir que estes proxectos cheguen ao alumnado".
"A Lei de Memoria Democrática pide que o sistema educativo afonde nesta cuestión, na difusión e no coñecemento da memoria democrática. Pero é unha lei moi contestada pola dereita, que dende as autonomías que goberna busca bloquear o seu desenvolvemento", di Antonio Míguez. "Ademais, hai que ter en conta que a educación é unha materia de competencia autonómica, polo que o desenvolvemento destes contidos no ensino depende dun impulso da Xunta que non existe", critica.