“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”
O vindeiro 3 de marzo o Auditorio Gustavo Freire de Lugo acollerá a estrea de 'As alumnas', unha obra de teatro de Culturactiva Producións escrita por Paula Carballeira que busca homenaxear a figura de María Barbeito, mestra durante a II República que sufriu a represión a partir de 1936, sendo apartada do ensino. A través dela a obra, dirixida por Fina Calleja e protagonizada por Anabell Gago e Mónica Camaño, homenaxea a todas as mestras e mestres e ao modelo de escola que se viu truncado polo Golpe de Estado. E, sobre todo, homenaxea a través de dúas alumnas ás mulleres que se viron privadas do acceso a un ensino moderno e igualitario.
Na obra escrita por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja, Anabell Gago e Mónica Camaño métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970
Na obra, Anabell Gago e Mónica Camaño métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as súas decisións marcaron os seus destinos, tan semellantes nun comezo, tan diferentes despois, marcados pola rebeldía ou o medo.
“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva.
"Queríamos reflectir o que significou a lousa do franquismo sobre a educación en xeral, pero nomeadamente sobre a educación das mulleres", di
Fran Rei, de Culturactiva Producións, cualifica como "moi necesario" o proxecto e explica que "o punto de partida foi María Barbeito, en representación daquela educación moderna, igualitaria e transformadora que se propoñía na Segunda República, contraposta ao que significou a partir de 1936 a educación franquista e os 40 anos de ditadura". "Queríamos reflectir o que significou a lousa do franquismo sobre a educación en xeral, pero nomeadamente sobre a educación das mulleres", di.
Con todo, ao final a historia foi moito máis aló de María Barbeito, pasando a abranguer a todas as mestras e mestres e tamén a todas as alumnas desas décadas, a través de dúas mulleres anónimas. "A obra fala dos froitos desa educación e de como afectou a dúas mulleres en particular, que son as verdadeiras protagonistas da obra", di Fran Rei, que destaca que "Paula acertou completamente cando puxo o foco da historia en dúas mulleres anónimas, que viron truncado o seu desenvolvemento educativo pola irrupción do fascismo". "Ao final fala das historias de tantas e tantas mulleres, por exemplo a miña nai, que viron como o dereito fundamental a unha educación igualitaria foi completamente cerceado", engade.
Culturactiva fai un chamamento a que a xente envíe ou publique nas redes sociais imaxes, historias e anécdotas daquelas épocas, para amosar como era a educación na Segunda República e no Franquismo e o efecto que a escola tivo para cada persoa
Dende Culturactiva, ademais, fan un chamamento a que a xente envíe ou publique nas redes sociais imaxes, historias e anécdotas daquelas épocas, para amosar como era a educación na Segunda República e no Franquismo e o efecto que a escola tivo para cada persoa. Para a publicación pídese que se empreguen as etiquetas #AsNosasMestras e #AsAlumnas2022, co obxectivo de "homenaxear o papel das mestras galegas de onte, hoxe e sempre a través da figura de María Barbeito". As achegas recibidas serán integradas na obra e, ademais, entre todas as participantes sortearanse entradas para asistir á estrea da peza.
"Falamos da memoria histórica e polo tanto queremos apelar á memoria de cada persoa, a ver que nos poden contar sobre como era a educación neses anos e como lles afectou. Queremos esas fotos, esas anécdotas, esas lembranzas..., de xeito que cada persoa poida ser partícipe deste proxecto", destaca Fran Rei.
"Queremos reivindicar a vixencia do teatro como ferramenta transformadora e como punto de partida para a reflexión, a memoria e para falar dos temas que están na sociedade"
"Cada vez máis o teatro ten que estar moi pendente do seu público e da sociedade. Cando non se fixo iso, saímos perdendo. Neste caso as redes sociais permítennos un contacto directo co público", engade Rei, que remata reivindicando "a vixencia do teatro como punto de partida para a reflexión, a memoria e para falar dos temas que están na sociedade". "Esa é a visión que ten Culturactiva dende hai anos, queremos reivindicar a vixencia do teatro como ferramenta transformadora", di.
Despois de Lugo, a obra estará en Vilagarcía (4 de marzo), Ourense (11 de marzo), Vigo (16 de marzo), Moaña (18 de marzo), Burela (2 de abril), Vimianzo (9 de abril) e A Coruña (22 de abril), no que será o comezo dunha extensa xira que levará a produción por toda Galicia nos vindeiros meses.