Novas xeracións do audiovisual organízanse para contar a memoria democrática do país con diferentes olladas

© Asociación Memoria e Cinema

Novas xeracións do audiovisual galego xúntanse na Asociación Memoria e Cinema para abordar a memoria histórica democrática do país e crear un espazo no que se valoren o pasado e o patrimonio do país

Coral Piñeiro, Laura Piñeiro, Clara Miñán, Maite Martínez, Fran Rodríguez Casal, Beatriz Villar e Bruno Arias coñecéronse na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e graduáronse en Comunicación Audiovisual hai apenas dous anos, pero os seus nomes xa asinan traballos de referencia na abordaxe da memoria colectiva. Xuntas crearon a Asociación Memoria e Cinema, para poder aportar outra ollada sobre os acontecementos que nos trouxeron ata aquí. 

A asociación preséntase o martes 21 de marzo, ás 19:30 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego en Compostela, na última xornada da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Nela participarán as creadoras que integran este colectivo, proxectaranse as dúas curtas que teñen realizado e contarán cunha actuación musical a cargo de Su Garrido Pombo.

Fotograma de 'Na pel da memoria' © Asociación Memoria e Cinema

"Queremos facer máis pezas que aborden a nosa memoria histórica democrática"

Coral e Laura Piñeiro, Clara Miñán e Maite Martínez crearon xuntas a curta Dores en 2020, o xermolo de Asociación Memoria e Cinema. "Cando comezamos a mover Dores decatámonos de que era un material audiovisual que podía servir como material didáctico porque se explicaban moitas cousas e tiña unha duración axeitada para as aulas. Así xurdiu a idea de facer algo máis, de feito fomos a institutos a dar charlas para proxectar a curta pero queriamos organizarnos e que isto non quedara como unha iniciativa illada", explica Coral Piñeiro. 

Móveas crear unha comunidade que siga a rescatar a historia do país e revisar como nola contaron. "Queremos facer máis pezas que aborden a nosa memoria histórica democrática e non só centrarnos nas curtas, buscamos facer proxeccións de traballos de outros e organizar actividades para que máis xente teña a posibilidade de crear as súas obras", apunta.

O colectivo preséntase o martes 21 de marzo, ás 19:30 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego na última xornada da MICE

Para Coral Piñeiro é importante salientar a maneira na que enfocan a Historia: "Non só falamos da nosa memoria democrática, senón que tamén buscamos un espazo no que se valoren o noso pasado e o noso patrimonio". "Somos xente moi nova", destaca, "e somos conscientes de que é difícil comezar, pero tiñamos moita gana de facer cousas". Por iso, decidiron crear un "espazo propio" para darse a coñecer. 

Á parte da curtametraxe documental Dores (2020), froito do seu Traballo Final de Grao (TFG) na carreira de Comunicación Audiovisual, e que recolle as historias de catro persoas que foron testemuñas das consecuencias da represión franquista en Galicia, este grupo de cineastas presentou o ano pasado a peza Na pel da memoria, centrada na figura de Mariví Villaverde con motivo da celebración do seu celebración do centenario, realizada por encargo do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra.

Tanto en Dores como en Na pel da memoria tratan a represión, "pero facémolo dunha maneira que lle chega ás novas xeracións e creo que iso a xente o agradece moito", destaca Laura Piñeiro. "Non esperabamos a boa acollida de Dores e sentimos a responsabilidade de aproveitar a oportunidade de seguir e animar a outros a que tamén o fagan", incide. 

"Pretendemos dar a coñecer os feitos como pasaron e poder aproveitar o material de arquivo que imos atopando, pero de forma diferente, non só mostralo. Non queremos facer documentais ao uso con xente falando e explicando, buscamos outras maneiras de contar. De feito tamén estamos pensando en organizar encontros e podcast nos que de maneira relaxada poidamos reflexionar sobre a nosa memoria histórica dunha forma máis distendida", argumenta Coral Piñeiro.

A presentación na MICE quere ser un primeiro punto de encontro para persoas do audiovisual interesadas en traballar sobre a memoria desde outros prismas, pero sobre todo para quen tamén está a comezar no sector. "Non temos un fin lucrativo, queremos poder seguir facendo traballos sobre a memoria á parte dos traballos que teñamos cada un", explica Piñeiro. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.