A crítica de cine búlgara Mariana Hristova programa a sección Impropias da MICE do Museo do Pobo, que se celebra en Santiago ata o 2 de abril, filmes de mulleres cineastas de países da órbita soviética
Cando a actual guerra iniciada por Vladimir Putin na Ucraína aínda era un imposible en Europa, o equipo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego contactou coa crítica de cine, programadora e xornalista cultural búlgara Mariana Hristova para que se encargase da sección Impropias. Un espazo no que o festival aposta por programar o traballo de directoras e realizadoras para rachar coas desigualdades nas que o audiovisual feito por mulleres se atopa aínda en moitos certames.
Especializada no cinema dos países balcánicos e da Europa do leste, así como nun cine máis de vangarda e amateur, Hristova explica que a súa idea era ″atopar películas onde a xente ten cousas en común, aínda que estean rodadas en distintos territorios; pero todas proveñen de países cun pasado soviético común″. Este pasado mantén hoxe unha influencia nas relacións políticas e culturais destes países, unha circunstancia á que miramos con máis atención desde que comezou a guerra na Ucraína e vemos a diario o horror e o sufrimento das persoas, tanto das que foxen como das que fican alí.
″Para escoller as películas tamén pensei no homo sovieticus, un concepto un pouco irónico que fala dainformación que toda a xente no espazo post-soviético ten do sistema. Pero como di a escritora ucraína Svetlana Aleksiévich no seu libro El fin del Homo Sovieticus, todos nos parecemos e vése por fóra. Hai cousas en común nos hábitos, na maneira de pensar e de percibir o mundo. A xente de Xeorxia, que está moi ao sur, pode relacionarse coa do norte de Rusia porque máis ou menos están conectados por un sistema común″, debulla a xornalista búlgara residente en Barcelona.
"Todas as directoras seleccionadas deixan preguntan sen resposta nos seus filmes, penso que isto forma parte da mirada feminina”, di Mariana Hristova
Mariana Hristova é consciente de que as feridas seguen abertas nesta parte do mundo, pois tamén chegan ao cinema: ″A transición que todos estes países están a facer é diferente para cada un. Na película Transnistra, da directora sueca Anna Eborn, vemos ben este fenómeno porque conta a historia dun país imaxinario que é un país autoproclamado dentro da República Moldova. Unha cantidade de xente que vive neste territorio non quere relacionarse coa realidade que vive no presente e se relaciona mellor co seu pasado soviético. Por iso crearon Transnistria, ao que chamo imaxinario porque non está recoñecido fóra, aínda que si ten a súa bandeira, escudo e incluso pasaporte. Isto nos di que igual a transición non ía con moito éxito, por iso esta xente prefire volver atrás″.
As cinco directoras que asinan os filmes que se poden ver esta semana na MICE con entradas de balde en Santiago –Marina Razbezhkina, Natalia Meschaninova, Anna Eborn, Nadia Parfan e Keti Machavariani– filmaron historias moi distintas, pero nas que Hristova observa similitudes. ″O que as une, aínda que son moi diferentes entre si, é a tenrura coa que ven aos personaxes e a persistencia coa que miran que está a pasar, tratando de entender antes de sacar conclusións. Todas deixan preguntan sen resposta nos seus filmes, penso que isto forma parte da mirada feminina porque –para min– a mirada masculina é máis categórica, máis de dar respostas. Nestas cinco películas observamos a persoas moi distintas desde moi preto e chegamos a unha comprensión do seu espectro emocional”, conta.
“Agardo que poidamos manter un diálogo cultural máis alá do conflito político”, salienta a crítica búlgara
A tradición da muller no audiovisual dos países da órbita soviética é moi longa, pois como lembra Hristova o cinema era unha enorme ferramenta de propaganda da URSS e todas as achegas eran benvidas. Ademais, a muller estaba incorporada con normalidade ao eido laboral. ″Isto fai que sexa moi natural que hoxe haxa moitas directoras mulleres nos países do leste. Non é algo que xurdira nas últimas décadas, sempre foi así″, apunta a crítica de cinema.
Agora, coa guerra de fondo, Mariana Hristova non se centra no que considera un conflito político entre Rusia e a Ucraína para pór o foco na parte humana. ″Temos dúas películas de Rusia e unha da Ucraína no festival, que mostran o que une a estas culturas e non o que as divide. Eu agardo que poidamos manter un diálogo cultural máis alá do conflito político″, salienta.
"Debemos darnos unha oportunidade de ver o que contan estas películas e de entender a cultura rusa e ucraína”, afirma Hristova
O actual boicot a Rusia afecta tamén aos produtos culturais deste país, mais a crítica non quixo eliminar os dous filmes de directoras rusas da programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico –que se celebra ata o 2 de abril en Santiago– ao considerar que a cultura "ten que quedar por enriba″ do conflito.
″Non apoio este boicot porque en todos os conflitos hai dous lados, e ambos deberan poder participar no diálogo. Creo que se os políticos chegaron a este punto, a cultura ten que seguir intentando que exista comunicación. Por iso, non creo que teñamos que cancelar as películas rusas. Debemos darnos unha oportunidade de ver o que contan estas películas e de entender a cultura tanto a rusa como a ucraína. Non facelo supón unha perda, significa que non imos coñecer estas culturas″, asegura.
Na súa visita a Compostela, Mariana Hristova tamén participa no seminario CO(M)XÉNERO –este xoves ás 16.00 horas– que organiza o Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, cunha conferencia arredor do concepto do homo sovieticus, que foi introducido polo escritor e sociólogo Aleksandr Zinóviev e recuperado pola escritora Svetlana Aleksiévich, e como afecta á escolla de películas que realizou para a sección Impropias da MICE.