A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) é un evento promovido polo Museo do Pobo Galego que pretende dar a coñecer os traballos audiovisuais que se fan no campo da etnografía e a antropoloxía visual. Neste senso, a MICE ten como principio visibilizar diferentes maneiras de ver e de estar no mundo. O evento, que se inaugura este martes e rematará ata o sábado, chega este ano á súa 16ª edición, que combinará as proxeccións presenciais e os visionados en liña a través da plataforma do evento.
A Mostra do Museo do Pobo Galego inaugúrase este martes co documental que afonda na historia do "LSD do centeo" realizado por Illa Bufarda
A programación, que poderá verse no Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal de Compostela e o Cinema NUMAX, acolle algunhas das últimas tendencias do cine etnográfico dos últimos dous anos que se enmarcan dentro da Sección Oficial a concurso. Nesta ocasión, ademais, a MICE recupera as dúas seccións paralelas que o ano pasado quedaron pospostas por mor da pandemia e cuxas temáticas vertebran a programación desta 16 edición: a memoria histórica tratada dende a perspectiva de xénero e as escollas lingüísticas.
A primeira xornada da Mostra acollerá a partir das 19.30 horas no Teatro Principal a pre-estrea do documental Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda). O filme, rodado entre 2018 e 2020, realiza unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo...) que está na base do nacemento da industria farmacéutica galega. Negro púrpura vai da sabedoría popular á ciencia, repasando a historia do cláviceps purpúrea e conectando Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular. “Nós, como pobo, contámonos moi pouco. Temos que contarnos máis. E escoitar máis tamén”, destacaban as autoras hai uns días nesta entrevista.
O evento, que se inaugura este martes e rematará ata o sábado, combinará as proxeccións presenciais e os visionados en liña
Tamén este martes ás 16.30 horas terá lugar no auditorio do Museo do Pobo a proxección de Do not lean on door, un work in progress do artista Vicente Vázquez (co-fundador da cooperativa de artistas Tractora Coop). Esta peza está realizada a partir de imaxes realizadas no metro de Nova York durante o black friday.
De igual xeito, ás 20 horas no cinema NUMAX terá lugar a proxección de El gran vuelo, de Carolina Astudillo, coa presenza da directora. Esta película, que forma parte da sección Impropias, recolle a historia de Clara Pueyo, militante do Partido Comunista, que foxe da prisión de Les Corts de Barcelona durante a dictadura militar e a quen dende ese intre se lle perde a pegada para sempre. Este documental obtivo a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga en 2015.
11 filmes na sección oficial
A Sección Oficial contén a selección de once filmes coproducidos por oito nacionalidades diferentes
A Sección Oficial contén a selección de once filmes coproducidos por oito nacionalidades diferentes. Algunha destas películas chegan á MICE despois de ter pasado por festivais internacionais e nacionais. Como vén sendo habitual na MICE, a metade das películas a concurso nesta edición están dirixidas, ou co-dirixidas, por mulleres.
Así mesmo, ao longo da Mostra Eloy Dominguez Serén estreará en Galicia o seu filme Os corpos. Unha peza inmersiva que filma de modo envolvente os festexos e o ambiente do Entroido ourensán, alumados con fachos e acompañados do estrondo de tambores. A premiere mundial desta curta foi no IDFA de Amsterdam. Tamén fixo parte da competición internacional do festival Clermont-Ferrand e no FIC Xixón.
O cinema das tres directoras elixidas –Paz Encina, Alina Marazzi e Tiziana Panniza– xunto á obra da propia Carolina Astudillo, funciona como método para desmontar historias oficiais
As películas da sección paralela Impropias están programadas pola realizadora, investigadora e docente Carolina Astudillo e xiran arredor da memoria histórica dende a perspectiva de xénero. Son filmes que nos seus modos de representación beben da teoría feminista do cinema e rompen as presuncións do xénero documental. O cinema das tres directoras elixidas –Paz Encina, Alina Marazzi e Tiziana Panniza– xunto á obra da propia Carolina Astudillo, funciona como método para desmontar historias oficiais (a do colonialismo, a do relato dos vencedores dunha guerra civil e a do patriarcado), ao mesmo tempo que emprega a metraxe atopada e os arquivos para reconstruír a memoria, os espazos de ausencia e a voz dos e das silenciadas.
Finalmente, nesta décimo sexta edición o Cineclube de Compostela retoma a selección de películas programandas para a sección Trazas en 2020 e que tratan a linguaxe e as falas. Os filmes que compoñen Trazas ofrecen unha visión variada e complexa sobre as escollas lingüísticas, que non son fortuítas e que dependen de relacións de poder condicionadas por toda a nosa bagaxe persoal e por como nos situamos no mundo en termos de clase, xénero ou nación.
Actividades paralelas
Poderá verse a exposición ONS SOA comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons
A sección Ollares Intencionados ten preparadas varias propostas formativas que impartirán profesionais da antropoloxía e das artes visuais. A realizadora e docente Adriana Vila estará a cargo do obradoiro práctico ‘Da investigación á creación biográfica’. Así mesmo, poderá verse a exposición ONS SOA comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons. Esta mostra, que recolle 19 fotografías e outros documentos audiovisuais, poderase ver do 23 de marzo ao 30 de maio.
Paralelamente á exposición prográmase un encontro moderado pola directora da MICE, Ana Estévez, coa comisaria Paula Ballesteros-Arias, o director do filme Ons Alfonso Zarauza e o vixiante de recursos naturais do Parque Nacional da Illas Atlánticas Roberto Castiñeira Lavadores, que terá lugar o xoves 25 de marzo ás 17.30 horas no Museo do Pobo Galego e será retransmitido en streaming. Ao remate da conversa, ás 19.30, proxectarase a película Ons.