As fronteiras e os exilios dende un enfoque de xénero centran a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

'Alentejo, Alentejo', un dos filmes que se poderán ver no MICE ©

A 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) celebrarase do 25 ao 31 de marzo. Nesta ocasión a MICE estará centradas en dous grandes temas. Por unha banda, as fronteiras físicas e simbólicas, vistas dende a perspectiva de xénero (sección Impropias, coordinada polas docentes e investigadoras Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro). Pola outra, a sección Trazas, programada polo Cineclube de Compostela, presenta unha selección de películas que xiran arredor da relación da música coa etnografía.

“As mulleres seguen sendo un colectivo en risco de exclusión, dobremente marxinado cando se fala de migracións e exilio”, din Ledo e Pérez Pereiro

“As mulleres seguen sendo un colectivo en risco de exclusión, dobremente marxinado cando se fala de migracións e exilio”, destacan as coordinadoras da sección Impropias, na que se poderán ver filmes como Performing The Border, de Ursula Biemann, un ensaio visual que nos achega ao espazo fronteirizo entre Estados Unidos e México, e que investiga a crecente feminización da economía global e o seu impacto nas mulleres mexicanas. 

Tamén se proxectarán Surname Viet Given Name Nam, da cineasta vietnamita Trinh T. Minh-Ha; Europlex, de Ursula Biemann e Angela Sanders; Mapping Journey #1, #2 e #3, de Bouchra Khalili; Tout le monde aime le bord de la mer, da cineasta galega Keira Espiñeira; e Hyohakusha (camiñante sen rumbo), das tamén galegas Xisela Franco e Anxela Caramés.

Mapping Journey © MICE

A sección Trazas viaxará do pasado ao presente e tamén por toda a xeografía do planeta, da Coruña a Cuba, ou de Mauritania ao Reino Unido, para amosar esa relación entre música e extnografía. Poderán verse, por exemplo, os cantos de traballo dos presos negros en Afro-American Work Songs in a Texas Prison, da directora americana Toshi Seeger; as baladas británicas que pervivían a principios do século XX en Carolina do Norte en The End of an Old Song, do musicólogo John Cohen, ou o retrato dos instrumentos empregados na música cubana en Y tenemos sabor, de Sara Gómez.

Alentejo Alentejo, do brasileiro Sérgio Trefaut, retrata a situación actual do cante coral alentexano ao falar das tensións entre a tradición e o mundo actual

Tamén se afondará nas comunidades que se constrúen arredor do baile en The Wigan Casino, de Tony Palmer; o rexistro do fenómeno fan en Heavy Metal Parking Lot, de Jeff Krulik e John Heyn; a convivencia de catro escenas musicais actuais no Sahel africano na peza I sing the Desert Electric, de Christopher Kirkley; o retrato do mito da rumba catalá, Peret, que fai Vincent Moon en Petites Planètes_ volume 5_ Peret. Ou a gravación do concerto debut da banda galega Telephones Rouges nun piso da Coruña, en rexistro[7]telephones rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez.

A longametraxe Alentejo Alentejo, do director brasileiro Sérgio Trefaut, pon o peche final á sección Trazas. Este documental retrata a situación actual do cante coral alentexano ao falar das tensións entre a tradición e o mundo actual e de como se relaciona a música propia dun pobo cos cambios no seu modo de vida. O filme de Trefaut foi premiado no IndieLisboa ou o DocsBarcelona e terá a súa estrea en Galicia na MICE.

Cartel do 14º MICE © MICE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.